A contaminación ambiental e da atmosfera producida pola man humana sufriu un aumento considerable coa aparición dos procesos industriais. Con todo, séculos antes de que isto tivera lugar, os seres humanos xa comezaran a producir un impacto a nivel paisaxístico e atmosférico. Así, unha revisión publicada recentemente pretende esclarecer este impacto ambiental da minaría e metalurxia romanas a nivel europeo, incluíndo zonas extractivas da Gallaecia.
Os autores, Noemí Silva Sánchez e Xosé Lois Armada, pertencen ao Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e neste traballo revisan 89 núcleos extractivos, catro deles en Galicia, dos cales 44 foran unha fonte de contaminación hemisférica, en comparación cos 22 que resultaran unha fonte de contaminación local.
A minaría no Imperio romano
Ata a chegada da queima de combustibles fósiles, a liberación de metais á atmosfera causada pola man humana estaba relacionada cos procesos de minaría e metalurxia. No caso da República e do Imperio romano, a expansión desta industria así como o desenvolvemento de novas tecnoloxías de extracción permitiron aumentar considerablemente a explotación destes recursos naturais, deixando un rastro perceptible en lugares como as turbeiras ou os sedimentos dos lagos. Neste sentido, os autores do traballo tamén recolleron estudos sobre os rexistros presentes no xeo, afirmando que “a escala de contaminación foi tal que se recoñeceu que se producira a nivel hemisférico, xa que inclusive foi detectada en rexións remotas, afastadas dos centros de produción, como o Ártico“.
A península ibérica foi un importante núcleo extractivo na época romana
Esta actividade mineira acadou o seu máximo durante os séculos I e II e principalmente estaba destinada a extraer prata, ouro, chumbo, cobre, estaño, mercurio e ferro. Así, as zonas máis relevantes para o desenvolvemento deste labor, segundo os autores, eran Iberia (España e Portugal actuais), Britannia (Gran Bretaña), Noricum (Austria) e Dacia (Romanía). Nesta liña, Silva e Armada manifestan que “os minerais da península ibérica parece que tiveron unha importancia predominante nos rexistros históricos, arqueolóxicos e paleoambientais”.
Alén, tamén existían centros menores de extracción de metais en diversos lugares de todo o imperio e inclusive tras o descenso da actividade a partir do século III resistiron varias minas de menor envergadura que non estaban baixo o control fiscal directo do Estado.
Un enfoque multidisciplinar
Coñecendo a importancia da actividade mineira na época romana, ambos autores recoñecen as dificultades para establecer a intensidade e os efectos desta, polo que a súa revisión está centrada en diversas disciplinas. Así, no artigo recoñecen que escritos de autores como Plinio o Vello, Diodoro, Polibio ou Estrabón “deron un testemuño directo dalgúns dos lugares onde se realizaba a minaría, comentando os estatutos legais da actividade ou aspectos técnicos das operacións”.
Esta valiosa información é un complemento utilizado na arqueoloxía ambiental e mineira, que se vale da pegada deixada polos procedementos de extracción como o intenso movemento das terras, a queima ou a minaría subterránea. Con todo, se ben as evidencias son perceptibles na paisaxe, tamén existe unha perda de probas a causa dos múltiples períodos de explotación e, como explican Silva e Armada, “determinar a intensidade e duración dunha actividade de extracción adoita ser problemático“.
Desta maneira xurdiu a integración cos enfoques da paleocontaminación, que rexistran variacións na intensidade da contaminación por metais ao longo do tempo, permitindo establecer unha cronoloxía precisa da minaría e da metalurxia, aínda que non é tan fiable á hora de determinar de forma exacta a orixe dun evento de paleocontaminación particular. Segundo os propios autores, “as principais limitacións da arqueoloxía mineira —establecer unha cronoloxía— e a reconstrución paleocontaminante —establecer unha fonte— poden superarse considerando conxuntamente a información que achegan ambas disciplinas”.
A contaminación da minaría na Gallaecia
Se ben os recursos minerais da península ibérica xa foran explotados con anterioridade á ocupación romana, esta supuxo unha intensificación da actividade, centrándose en catro grandes áreas: o sueste, Serra Morena, o suroeste e o noroeste. Este último, sinalan os autores, “é ben coñecido polos seus ricos xacementos de ouro que foron explotados baixo o control directo do estado romano entre os séculos I e III, implicando o movemento e lavado dunha gran cantidade de rocha e solo“.
As turbeiras da Serra do Xistral mostran fontes locais e rexionais de contaminación de diversos metais
A revisión tamén fai referencia ás turbeiras de cobertura na Serra do Xistral como un exemplo das complexidades inherentes á determinación das fontes dos eventos de contaminación por metais. En concreto, os autores sinalan que na turbeira de Penido Vello “os datos de isótopos de chumbo indicaron que durante o auxe do dominio romano as contribucións procedían das minas do noroeste ibérico, mais tamén do norte e suroeste de España, o que reflicte fontes locais e rexionais de contaminación por metais“. Alén, tamén fan referencia a outros estudos nos que se atoparon aumentos da contaminación polimetálica —principalmente por arsénico, cadmio e níquel— nas turbeiras de Borralleiras da Cal Grande, Pena da Cadela e novamente Penido Vello durante a época romana.
Máis aló dos xacementos identificados na Serra do Xistral, os autores tamén fan referencia a estudos centrados na turbeira de Cruz do Bocelo, situada nos Montes do Bocelo, como un pico característico de contaminación romana, aínda que neste caso non puido especificarse se a contaminación procedía dun impacto local ou rexional.
Explotación de áreas novas ou preexistentes?
Alén de establecer o nivel do impacto ambiental que tivo a actividade mineira romana segundo o seu alcance local, rexional ou hemisférico, a revisión realizada por Silva e Armada tamén extrae a conclusión de que a extracción de metais realizada durante esta época é unha “consecuencia dunha industria indíxena temperá“. É dicir, seguindo a contaminación metálica local os autores puideron confirmar a existencia dunha cronoloxía prerromana en lugares da península como a turbeira de Roñanzas, situada en Asturias, ou a turbeira de Quinto do Real, no País Vasco. Outra das conclusións extraídas polos autores foi que o imperio tamén se centrou en explotar minerais que xa foran extraídos previamente.
Non obstante, os autores sinalan que tamén existen algúns indicios que suxiren a explotación de novas áreas en zonas de Gales, o norte de Inglaterra, Francia, Alemaña, os Alpes e en Laguna Roya (Zamora). No caso dos catro núcleos extractivos identificados en Galicia non foi posible establecer se existía unha contaminación prerromana.
Referencias: Environmental Impact of Roman Mining and Metallurgy and Its Correlation with the Archaeological Evidence: A European Perspective (Publicado en The Journal of Human Palaeoecology)














