Venres 29 Marzo 2024

Así mudou a paisaxe a minaría romana do ouro na Gallaecia

O CSIC comeza no Courel o proxecto Avraria, que estudará as explotacións mineiras do cadrante noroeste da península ibérica durante o Imperio Romano

O desenvolvemento da minaría antiga puido causar a transformación da paisaxe, dos usos do solo e da vexetación. Esta é unha das conclusións ás que chegou un equipo de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que estuda o impacto da minaría do ouro na Hispania romana no marco do proxecto Avraria. Os científicos analizaron os depósitos de auga empregados nas explotacións mineiras romanas do Courel (Lugo) e o proxecto prevé estender o traballo de campo a outras zonas de Galicia, Asturias, León e Portugal.

O proxecto Avraria, que comezou no 2020 e está previsto que conclúa no 2024, ten como obxectivo “estudar a explotación do ouro en Hispania e comprender os cambios que implicou sobre a organización do territorio, a estrutura económica e a conformación da paisaxe”, explica Brais X. Currás, investigador do CSIC no Instituto de Historia. O fin último é dispoñer dunha síntese histórica que achegue unha imaxe global do papel desempeñado polo ouro na evolución política e económica do Imperio Romano, e do seu impacto local na configuración da paisaxe.

Publicidade

Os primeiros resultados

Os primeiros datos obtidos, permiten valorar diacrónicamente os cambios nas formas de ocupación e explotación do territorio galego do Courel desde o momento inmediatamente anterior ao comezo dos labores mineiros, durante o seu funcionamento e tras o seu abandono.

“Esta zona de montaña caracterízase polo forte impacto causado pola conquista romana na organización territorial e social. É unha área que aparentemente estivo case despoboada durante a Idade do Ferro e que a partir da implantación do poder de Roma experimentou unha fonda transformación: abríronse ducias de novas explotacións auríferas e xurdiu unha nova rede de poboamiento”, explica Currás. “Os traballos de investigación centráronse nos depósitos da rede hidráulica empregada para abastecer os labores mineiros”, engade.

As Médulas tamén serán obxecto de estudo no proxecto Avraria.

O equipo de científicos realizou sondaxes nesta zona para secuenciar cronoloxicamente a evolución dos labores mineiros e estudar o impacto ambiental da explotación do ouro.

“Os depósitos de auga empregados nas explotacións mineiras romanas ao descuberto son verdadeiros arquivos que conteñen unha gran cantidade de información referente á evolución da paisaxe. En concreto, a sedimentación que se produciu dentro do vaso do depósito mentres estivo en funcionamento e durante boa parte do período que seguiu ao seu abandono (cando a auga aínda se seguía a acumular), contén información paleoambiental extremadamente rica con datos de carácter edafolóxico, palinolóxico, carpolóxico e antracolóxico”, destaca Currás.

“Agora estamos a procesar os primeiros resultados das mostraxes nos depósitos de auga, e prevemos que boten luz sobre cuestións que se poden relacionar co impacto da minaría, como unha intensificación da antropización derivada dun aumento da densidade demográfica en zonas mineiras; a transformación nos usos do solo; a apertura de zonas de cultivo e pasto; a evolución dos procesos de deforestación; a introdución de novas especies ou a contaminación ambiental causada por metais pesados asociados coa actividade minerometalúrxica”, avanza Currás.

O traballo de campo do proxecto Avraria inclúe as minas do cuadrante noroccidental da Península Ibérica, entre elas As Médulas, considerada a principal explotación aurífera do Imperio Romano, e La Leitosa, ambas as dúas en León, e Montefurado, en Galicia.

O proxecto contempla catro grandes liñas de actuación: a identificación e topografía das explotacións de ouro da Hispania romana, a cuantificación do volume de ouro extraído das explotacións mineiras, a determinación do inicio e fin da explotación de ouro en Hispania, e, por último, o estudo do impacto ambiental da minaría.

A investigación, que está coordinada polo grupo de Estrutura Social e Territorio do Instituto de Historia do CSIC, conta coa participación da Universidade de León e da Universidade de Santiago de Compostela. Os traballos na serra do Courel contaron coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e a colaboración da Comunidade de Veciños de San Xulián (A Rúa) e das Comunidades de Monte Veciñal en Mancomún de Seoane do Courel.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais