Xoves 10 Outubro 2024

Un equipo da UVigo descobre un “importante xacemento romano” en Sálvora

Os investigadores realizan a primeira escavación arqueolóxica na illa e cren que o achado é unha factoría de salgadura de peixe da época

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo (UVigo) vén de realizar a primeira escavación arqueolóxica na illa de Sálvora. A intervención, indican os seus responsables, permitiu “descubrir un importante xacemento romano” que posiblemente corresponda cunha factoría de salgadura.

O proxecto, explica o seu director, o profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense Adolfo Fernández, incluía a realización dunha sondaxe valorativa no Areal dos Bois e levouse a cabo logo de que nese lugar se descubrisen hai algúns anos materiais arqueolóxicos en superficie, o que se interpretou coa presenza alí dun xacemento romano, sen saber exactamente as súas dimensións e características. Así, lembran desde o GEAAT, durante o ano 2021 arqueólogos deste grupo desprazáronse ata Sálvora para realizar unha prospección arqueolóxica, o que propiciou a recolla de novos materiais romanos en superficie no Areal dos Bois.

Publicidade

Estrutura e numerosos restos

Eses indicios levaron a promover, en colaboración co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o proxecto desenvolvido agora para caracterizar os posibles restos agochados baixo a duna mediante a realización dunha sondaxe valorativa. A intervención, realizada durante o mes de abril, deu “os seus froitos ao descubrir que baixo a duna atópase protexida unha estrutura de época romana”.

A investigación permitirá saber que especies existían e se consumían nos séculos I ao IV d.C.

O equipo da UVigo localizou un muro de contención que nivelaba o terreo nunha zona por onde descorría un antigo regato. Segundo indican, nesta zona, fóra do edificio romano, localizouse “un potente vertedoiro con centos de fragmentos cerámicos, ósos de animais, cunchas, un coitelo de ferro e unha fibela de bronce”. Todo este material, “tirado ao lixo polos habitantes romanos de Sálvora”, será estudado no Laboratorio do GEAAT no campus de Ourense e poderá achegar “importantes datos sobre a cronoloxía do xacemento, os seus usos e os hábitos de vida e consumo de alimentos dos seus habitantes”. Así, engade o equipo arqueolóxico, a colección de fauna recuperada, unida á recuperada no xacemento do Canexol (Ons), permitirá coñecer que especies existían e eran consumidas nas illas durante os séculos I ao IV d.C.

Publicidade

Outros achados

Ademais de todo este material, na sondaxe recuperáronse abundantes fragmentos de morteiro hidráulico formado por cal e coios que era utilizado habitualmente como revestimento dos píos de salga. Este tipo de morteiro é o utilizado nas fábricas romanas de Adro Vello (O Grove), en Sobreira (Vigo), en O Naso (A Illa) ou na propia fábrica de Canexol (Ons). “Por este motivo, cremos que o que se atopa baixo a duna sur do Areal do Bois é moi posiblemente unha nova factoría de salgadura de peixe de época romana”, comenta Adolfo Fernández.

Conxunto de fauna recuperada na sondaxe en proceso de estudo. Intervención arqueolóxica na illa de Sálvora polo grupo GEAAT da UVigo. Foto: DUVI
Conxunto de fauna recuperada na sondaxe en proceso de estudo. Foto: DUVI

A súa localización, nun lateral da praia a certa distancia do mar e ao carón dun regato de auga doce cumpre, segundo o GEAAT, “cos parámetros que temos observado na localización doutras fábricas semellantes”. Isto, unido aos restos de morteiro recuperado e aos restos anfóricos, fai que a hipótese da fábrica de salga sexa a máis posible. Porén, engaden, “serán necesarias novas sondaxe no lugar para caracterizar correctamente o xacemento e poder construír paseniñamente o pasado antigo da illa de Sálvora”.

A iniciativa forma parte da colaboración existente entre a institución académica e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. Esta colaboración ten permitido ao GEAAT escavar e investigar desde o ano 2021 na illa de Ons dous importantes xacementos de época romana. Nesta ocasión, contouse co apoio e a colaboración do Organismo Autónomo Parques Nacionales (OAPN). O obxectivo da intervención en Sálvora, na que participou un equipo de catro membros do GEAAT, foi o de “afondar no coñecemento sobre a ocupación humana antiga desta illa, a máis norteña das que conforman o parque e poder confrontar os datos cos recollidos nas actuacións na illa de Ons”.

Atopan na illa de Ons unha segunda factoría romana de salga


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

O CSIC localiza na provincia da Coruña 180 posibles sitios arqueolóxicos

Grazas ás tarefas do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), estes achados serán incluídos eventualmente no inventario arqueolóxico de Galicia

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...