Valdeorras recupera séculos de historia no xacemento do Castelo

Arqueólogos galegos presentan os achados do asentamento de Valencia do Sil tras catro anos de escavacións e estudos da súa vida e costumes

O grupo de arqueólogos de Sputnik Labrego, en colaboración con estudantes da USC, traballaron dende 2019 nas escavacións do xacemento do Castelo

Na parroquia de Valencia do Sil, na comarca de Valdeorras (Ourense), atópase o xacemento arqueolóxico do Castelo, que se corresponde coa época romana. Esta zona leva sendo escavada dende 2019 polo equipo de Sputnik Labrego, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co concello de Vilamartín de Valdeorras. Ao longo destes anos, o equipo realizou diversos estudos e análises cos que obtiveron resultados moi relevantes para o coñecemento da historia do Imperio Romano na comarca e a súa pegada nas sociedades que alí habitaron. Despois de catro anos de investigación, o equipo presentou hoxe por primeira vez os achados deste xacemento nunha charla informativa no Centro Santa Lucía de Vilamartín de Valdeorras.

Carlos Tejerizo García, membro do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC e director de Sputnik Labrego, explica que o sitio onde se realizaron as escavacións xa fora investigado hai varios anos polo grupo de arqueólogos “Os escarvadores”, moi populares na contorna. Este feito foi relevante á hora de constatar a potencialidade patrimonial, de tradición, da historia e do turismo desta zona galega. “Propuxemos o proxecto ao concello e iniciamos un convenio coa USC para que estas escavacións servisen de escola para futuros arqueólogos“, explica o investigador.

Un asentamento de gran importancia histórica

A ubicación do xacemento, situado nun pequeno cumio cunha forte pendente, é unha das particularidades que ten o asentamento do Castelo, e que o fai destacar entre outros descubrimentos arqueolóxicos de Galicia, como é o castro de Viladonga ou o de San Tomé, construídos en zonas máis horizontais. “Esta pendente amosa que claramente fixeron un esforzo grande para montar o asentamento, e permítenos deducir a función que tiña este sitio ao longo da súa historia, moi vinculado ás imposicións do Imperio Romano“, expón Carlos Tejerizo García. A entrada dos romanos en Galicia deixou a súa pegada nas vilas galegas, sobre todo na activación de diversas actividades, como foi a explotación mineira. “Valdeorras era unha zona estratéxica pola riqueza mineira e xeolóxica da contorna e, ademais, atópase moi preto das Médulas, antiga explotación romana de ouro”, engade.

A partir das escavacións e dos estudos levados a cabo polo grupo de arqueólogos no xacemento, puideron recoller información que revelou a existencia de dúas zonas ou barrios distinguidos, con vivendas que pertencían a dúas clases sociais diferentes. “As primeiras casas estaban moi vinculadas a xente rica, ás elites daquel momento. Isto soubémolo por datos como o número de estancias que tiñan no seu interior, que amosaban moito investimento e esforzo, a planificación das construcións, parecidas ás típicas dunha cidade romana, ou o cal pintado nas súas paredes, que entón se asociaba cun símbolo de status”, revela o investigador. Ademais, os restos dos barrios indicaron que estas familias ricas conviviran na comunidade con persoas pertencentes a un estrato social algo inferior. “Aínda que se aprecian certas diferenzas económicas nas casas, isto non quere dicir que non adicasen igualmente os seus esforzos na construción das vivendas”, admite.

“Grazas ás análises de poles antigos sabemos que os campos de cultivo estaban moi preto do xacemento”

A maiores do estudo arquitectónico, os investigadores galegos tamén analizaron mostras de ósos de animais atopados no xacemento, que revelaron a dieta que se seguía naquela época. “Observamos que tiñan unha economía complexa e, a partir das escavacións de ósos, puidemos ver que esta xente consumía carne de vaca, porco, ovella e que tamén cazaban”, indica o arqueólogo. Tiñan unha alimentación bastante completa, pois entre as ruínas tamén descubriron restos do que foron no seu momento muíños de man, o que revela que os habitantes da vila tiñan acceso aberto a cereais, polo que podían fabricar produtos derivados como o pan.

“Indirectamente sabemos que nun momento dado do xacemento os campos de cultivo estaban moi preto, grazas ás análises de poles antigos, unha técnica utilizada en arqueoloxía para estudar os poles que quedan nas árbores e na vexetación da contorna”, explica Carlos Tejerizo. Desta forma, os profesionais conseguiron evidencias de que a historia do xacemento se partía en dúas fases principais e que, nunha delas, os campos de cultivo se atopaban arredor do asentamento, o que dá a entender que se trataba dunha sociedade estable e cunha economía complexa, con distintas funcionalidades e tarefas para cada un dos grupos sociais que alí habitaban.

Os materiais descubertos que revelan a vida dos habitantes

Os investigadores realizaron tamén varias datacións hidrocarbónicas, coa fin de poder datar coa maior exactitude posible a zona do xacemento. Finalmente, as conclusións ás que chegaron foron que o sitio estivo ocupado en dúas fases: unha primeira etapa que comezou no século I antes de Cristo e que rematou co posterior abandono do asentamento entre o I e o II despois de Cristo. “Seica se abandona durante un tempo e volve ser habitado no século IV despois de Cristo“, explica Carlos Tejerizo. Desta forma, puideron tamén deducir que o pobo se adicaba principalmente á minaría, á extracción de minerais pero tamén á fabricación de obxectos con ditos materiais. “Isto o sabemos polas escouras de metal que atopamos entre os restos do xacemento”, engade.

“Pretendemos visibilizar ás mulleres deste tipo de sociedades a través do labor dos seus tecidos”

As escavacións no Castelo sacaron á luz materiais típicos desta clase de asentamentos, mais únicamente aqueles que sobreviviron ao paso de tantos séculos. Entre as pezas, destacaron varios anacos de cerámica, distintos metais e moedas de gran valor histórico. Ademais, os arqueólogos atoparon restos de teares. “Isto é moi interesante, de feito, estamos realizando un traballo específico sobre os teares en relación ao traballo das mulleres naquela época. Acabamos de sacar unha tese doutoral sobre arqueoloxía de xénero que o que pretende é visibilizar ás mulleres deste tipo de sociedades, a través da labor dos seus tecidos”, indica o experto. As mulleres moitas veces pasan desapercibidas neste tipo de investigacións e achados, polo que resaltar o seu valor nas sociedades antigas é un traballo que o grupo de arqueólogos considera de suma importancia para a verdadeira comprensión da nosa historia.

Un anaco de cerámica atopado no xacemento de O Castro, en Valencia do Sil

“Non só analizamos os obxectos máis grandes e visibles, senón que tamén extraemos mostras de terra e doutros materiais para poder facer outro tipo de análises en profundidade”, revela Tejerizo García. Neste ámbito, os investigadores analizaron os poles das árbores e os carbóns que saen da terra para poder reconstruír o ambiente que había na época.

Mediante a realización de análises concretas destas pezas, o grupo de arqueólogos puido comprobar que nesa zona fabricaban obxectos de ferro e cobre de alta calidade. “Esta é unha das razóns pola que o sitio era ocupado e máis tarde abandonado, pois cando ese tipo de producións deixaba de ser interesante, os seus habitantes mudaban de lugar”, asegura o investigador. Este proceso, a nivel xeral, está ligado á fin do Imperio Romano e ao inicio da Idade Media.

O Castelo, un referente arqueolóxico en Valdeorras

Durante os catro anos de escavacións, estudos e análises do terreo, o grupo de arqueólogos de Sputnik Labrego en colaboración coa USC, recolleron a suficiente información como para chegar a reconstruír gran parte da historia e vida da poboación do Castelo, que habitou en Valdeorras hai máis de 600 anos. Con todo, os investigadores aseguran que o proxecto non chegou aínda a súa fin, pois actualmente están traballando en poder facer desa zona un espazo adecuado pasra ser visitado por todo o mundo.

“Polo de agora, os restos dos materiais que sacamos do xacemento temos que levalos ao Museo de Ourense, mais a nosa intención é poder devolver esta parte da historia de Valdeorras ao seu lugar de orixe”, comenta o director de Sputnik Labrego. Tamén revela que o obxectivo final sería construír un pequeno centro onde expoñer ditos materiais preto do xacemento, que pretende tamén ser restaurado para poder acoller futuras visitas. “Pensamos que ten a importancia e a singularidade suficiente para que poidamos poñelo en valor, restaurar os seus muros e dalo a coñecer a todo aquel que estea interesado”, expón o experto. Os investigadores conclúen que o traballo que teñen por diante trátase dunha labor divulgativa importante do patrimonio e da historia deste xacemento, lugar que pretende converterse nun referente arqueolóxico en Valdeorras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.