As viaxes do xeógrafo e naturalista prusiano Alexander von Humboldt espertaron desde comezos do século XIX unha auténtica febre en Europa por explorar os tesouros naturais do continente americano. Xa desde a segunda metade do século XVIII, numerosas expedicións percorreran o mundo con afán exploratorio. En España, a máis notable fora a de Malaspina, sufragada baixo a monarquía de Carlos III, que recalou en América e Australia entre 1789 e 1794. Pero o século seguinte verá como se redobra ese esforzo e chega a era dos grandes exploradores, en ocasións auténticos aventureiros, animados por sociedades científicas como a prestixiosa Royal Society inglesa.
Baixo o mesmo espírito, xa en tempos de Isabel II, lánzase a Comisión Científica do Pacífico, unha expedición de naturalistas, humanistas e fotógrafos españois enviada ao continente americano entre 1862 e 1865 que se converteu na principal empresa da ciencia neocolonial do país. E, para dirixila, escolleuse a un galego: o mariño e malacólogo ferrolán Patricio María Paz y Membiela. Viaxeiro e naturalista, este científico logrou reunir unha vasta colección de máis de corenta mil especies de moluscos, colleitadas ao longo de América e moitas delas novas para a ciencia. Tamén recolleu insectos, réptiles e outros espécimes que considerou de interese, de xeito que as súas coleccións seguen a ser hoxe un auténtico tesouro.

Paz y Membiela nacera en Ferrol o 17 de marzo de 1808, nunha familia de orixe nobre. Con só 12 anos ingresou na Armada, prestou servizo en diversos buques, chegando a comandar varios deles e a recalar tanto en Manila como na Habana. Foi en Cuba onde coñeceu aos naturalistas Felipe Poey e Nicolás Gutiérrez, que instruíron a Paz nas coleccións de ciencias naturais, nas que ambos acadaran prestixio mundial polos seus estudos da fauna antillana.
Foi así como, tras o seu retiro da carreira militar en 1840 por mor dunha crecente xordeira, Paz y Membiela entrégase de xeito total á malacoloxía, consolidando unha inmensa colección de cunchas, moitas das cales colleitara nas súas viaxes coa Armada.

Cando contaba 54 anos, xa cun prestixio como naturalista sumado á súa condición de mariño, Paz y Membiela é nomeado presidente da Comisión Científica do Pacífico, que percorrería unha boa parte de América entre 1862 e 1866. O ferrolán comezou redactando un regulamento da expedición que lle trouxo os primeiros conflitos co resto de expedicionarios. Os científicos elixidos eran tres zoólogos (Francisco de Paula Martínez y Sáez, Marcos Jiménez de la Espada e o propio Paz y Membiela), un xeólogo (Fernando Amor), un botánico (Juan Isern), un antropólogo (Manuel lmagro) e un taxidermista (Bartolomeu Puig y Galup). Tamén viaxaba na campaña o fotógrafo e debuxante Rafael Castro y Ordóñez, un auténtico fito histórico xa que se incluía por primeira vez a fotografía nunha expedición científica.
A expedición partiu de Cádiz en agosto de 1862, a bordo da fragata Triunfo. Tras recalar nas illas de Tenerife e San Vicente de Cabo Verde, cruzaron a Río de Janeiro, Montevideo, Bos Aires, Chile e Perú. Con todo, o carácter autoritario de Paz y Membiela desatou continuos conflitos entre os científicos, que comezaron a intrigar ata provocar a súa dimisión como presidente da Comisión Científica o 29 de xullo de 1863. Por esta razón, despediuse en Lima e continuou pola súa conta por Ecuador e Panamá ata regresar a Europa, vía Estados Unidos.
No seu periplo, o ferrolán colleitara incontables exemplares de moluscos e outras especies animais, moitas delas novas para a ciencia, polo que foi condecorado en 1867 coa Gran Cruz de Isabel a Católica. Desde entón, Paz e Membiela dedicouse a sistematizar e analizar a súa colección, que incrementou por intercambio con outros malacólogos mundiais ata que reuniu máis de corenta mil exemplares, que finalmente vendeu ao Museo de Ciencias Naturais pola cantidade de seis mil duros.

En 1871, Paz y Membiela converteuse nun dos membros fundadores da Sociedade Española de Historia Natural. Faleceu tres anos despois, en xaneiro de 1874, e tras as moitas polémicas e diferenzas cos outros científicos participantes na Comisión do Pacífico, encargóuselle a Jiménez de la Espada unha descrición da súa figura, na que agachou as fondas diferenzas que lles separaban en vida para eloxiar as súas virtudes como naturalista. Así, escribiu: “Era o señor Paz y Membiela un colector de primeira orde, experto, infatigable, paciente; dotado dunha vista tan perspicaz e dun acerto tan seguro que raiaban en instinto. Ninguén descubría un caracol, un insecto ou outro animal calquera onde el non os atopaba; porque bo é advertir que o seu tino e a súa práctica non as utilizaba soamente na recolección de cunchas; a Entomoloxía e Herpetoloxía españolas e americanas débenlle máis dun réptil ou dun insecto raro e curioso. E estas sobresalientes calidades eran tanto e máis de admirar no noso malogrado socio, canto que non constituían para el un oficio ou medio de lucro, nin descoidaba por elas a vida, porte e costumes dun cumprido cabaleiro e home de mundo. Causaba verdadeiro asombro e ao mesmo tempo compracencia –e nisto podo falar como testemuña – verlle durante o día aos raios do sol das Américas, ou sufrindo as recias turbonadas daquel ceo, escudriñar enmarañadas matogueiras, rexistrar extensas praias ou peladas rochas, ou rubir aos bicos escarpados…”
Patricio María Paz y Membiela queda como un ferrolán pioneiro da ciencia e un exemplo dunha era na que a Humanidade se apaixonou coa exploración da Terra e coa catalogación dos seus tesouros naturais.