O glifosato, a nova ameaza dos abellóns: pon en perigo o desenvolvemento das súas crías

O herbicida máis empregado do mundo afecta a capacidade termorreguladora dos polinizadores, un factor esencial para o mantemento da colmea

Os insectos, sexan cales sexan e estean onde estean, están en perigo. Son numerosas as investigacións e os expertos que alertan do declive das súas poboacións. Agora, un estudo publicado en Science pon o foco nos abellóns (Bombus terrestris) e suma unha nova ameaza: o glifosato, o herbicida máis empregado do mundo. Segundo unha investigación da Universidade de Konstanz, Alemaña, a exposición prolongada a este químico diminúe a capacidade termorreguladora dos abellóns. Isto é esencial para manter a temperatura da colmea, garantir a supervivencia do colonia e, ademais, o factor máis importante para o desenvolvemento das crías.

O estudo, liderado pola investigadora Anja Weidenmüller, descubriu que a exposición ao glifosato non é letal para os abellóns, pero si prexudicial, sobre todo nunha situación de escaseza de alimentos. É dicir, a substancia química non mata, pero si reduce a capacidade destes insectos de manter a calor na colonia, algo que afecta directamente á súa reprodución. De feito, en declaracións recollidas polo Science Media Centre España (SMC), o ecólogo e investigador na Estación Biolóxica de Doñana, Ignasi Bartomeus, di o seguinte: “Os abellóns viven en colonias compostas por centos de traballladoras, e por tanto os efectos para as súas poblacións deberían medirse a este nivel. É irrelevante que non sexa letal para individuos illados se está a reducir a capacidade da colonia para sobrevivir”.

Publicidade

Como afecta?

Os abellóns xa están ameazados pola escaseza de alimentos derivada da perda de hábitat e da xeneralización dos monocultivos agrícolas. Agora, os efectos do glifosato supoñen un novo desafío, posto que dificultan a súa capacidade para manter quente a colmea e poder incubar as larvas. De feito, esta especie é única á hora de activar un “termostato colectivo”, que funciona regulando a súa propia temperatura corporal a través do “tremor”. Así o explican en ScienceAlert, onde apuntan que a capacidade destes polinizadores é esencial para o desenvolvemento das crías, que só poden chegar á idade adulta se manteñen unha temperatura de entre 25ºC e 35ºC.

“É irrelevante que non sexa letal para individuos illados se está a reducir a capacidade da colonia para sobrevivir”

Para a realización do estudo, os investigadores traballaron con 15 colonias de abellóns nun laboratorio. Cada colonia dividiuse en dúas seccións separadas por unha malla metálica, con igual número de obreiras en cada lado. Nun lado, as obreiras recibían auga azucrada e pole. O outro lado foi alimentado da mesma maneira, agás que a súa auga azucrada foi engadida con 5 mg/L de glifosato. Ademais, os investigadores déronlle unha larva de imitación a cada inidividuo, que eles coidaron como se fose real. E aquí demostraron que os que estiveron expostos ao herbicida eran lixeiramente máis lentos nas súas tarefas de incubación, pero os resultados foron “estatisticamente débiles”.

Os efecto sobre a colonia

Polo tanto, sen unha conclusión clara sobre os efectos do glifosato a nivel individual, os investigadores analizaron a nivel colmea, algo esencial ao tratarse de animais sociais. E aí foi, na colonia, onde observaron diferenzas significativas entre os que consumiron glifosato ou non, cunha repercusión directa sobre a súa capacidade térmica. “Cando as colonias non eran perturbadas e estaban ben alimentadas non se detectou ningunha diferenza na temperatura media do niño entre os dous lados da colonia. Con todo, cando experimentaron unha limitación dos recursos, os efectos da exposición ao glifosato fixéronse evidentes”, sinalan na investigación.

“Este herbicida atópase no mercado sen ser de todo seguro para os polinizadores”

É dicir, cando se reduciu a subministración de alimentos, os niños que non foran expostos ao glifosato arrefriáronse, pero non se comprometía o desenvolvemento das larvas. Pero ao outro lado da malla, coa mesma escaseza de recursos e co consumo de glifosato, as temperaturas descenderon moito máis rápido, chegando a caer incluso por debaixo do límite necesario para o crecemento das crías. Polo tanto, isto podería reducir aínda máis as taxas de reprodución en períodos de escaseza de alimentos e contribuír a un maior declive na poboación de abellóns en todo o mundo.

Mellores programas de avaliación

O equipo que desenvolveu a investigación considera que os abellóns, como importantes polinizadores, poden considerarse substitutos doutras especies de abellas silvestres. É dicir, que os resultados do estudo poderían extrapolarse. De momento, aínda non está claro o motivo polo que o glifosato afectou os abellóns, pero seguindo traballos elaborados anteriormente sospéitase que esta substancia química ten un impacto no microbioma dos abellóns. De todos modos, os investigadores mostran preocupación e insisten en que aínda que o glifosato non é letal para eles, ten consecuencias alarmantes.

“Este herbicida atópase no mercado sen ser de todo seguro para os polinizadores, polo que pon de manifesto que os actuais programas de avaliación de risco presentan limitacións”, di a investigadora do Institut de Bioloxía Evolutiva Celeste Azpiazu. E engade en declaracións ao SMC España: “Por exemplo, baséanse en test que avalían case exclusivamente a mortalidade, e neste estudo xustificouse que é importante avaliar tamén os efectos subletais. O glifosato pode afectar no comportamento da incubación das larvas, prexudicando o seu desenvolvemento”.

Cancro, contaminación da auga e perda de biodiversidade: os riscos do uso masivo de glifosato


Referencia: Glyphosate impairs collective thermoregulation in bumblebees (Publicado en Science)

1 comentario

  1. Os abellóns son uns de tantos das vítimas de Bayer-Monsanto. Xa no 2015, o Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro da OMS clasificou o glifosato como “probablemente canceríxeno para os humanos”.
    Diversos estudos científicos asocian o glifosato con problemas de fertilidade e malformacións tanto en humanos coma en animais. O Autismo e o Alzheimer tamén teñen a súa parte co glifosato.
    É un coñecido disruptor endócrino.
    Tóxico para a vida acuática.
    E a lista non para de aumentar, pero claro, hai un “lobby” moi forte en Europa para impedir que se prohiba. Unha multinacional disposta a todo, menos a preservar a nosa saúde e medioambiente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atracción fatal ou confusión? Este é o verdadeiro motivo polo que os insectos voan arredor das bombillas

Estes animais non se dirixen ao foco luminoso, senón que se inclinan cara a el, desvíanse e modifican de forma errática a súa traxectoria

Europa prorroga 10 anos o glifosato, o herbicida “canceríxeno” usado masivamente en Galicia

É o produto fitosanitario máis eficaz contra as malas herbas, pero numerosos artigos científicos atribúenlle efectos nocivos na saúde das persoas

Un estudo demostra que os abellóns combaten con éxito a avespa velutina

A pesar destas estratexias de defensa, comprobaron o impacto negativo nas colonias de polinizadores

A chegada do mosquito tigre a Galicia, unha visita que a comunidade científica esperaba

O aumento das temperaturas favorece a proliferación deste tipo de especies que pode criar nas contornas das casas