Venres 19 Abril 2024

O tsunami de Lisboa: 267 anos do desastre que impulsou o estudo científico da sismoloxía

Un terremoto duns 8,5 graos e o posterior maremoto deixaron arredor de 20.000 vítimas mortais, con efectos que tamén se sentiron en Galicia

O 1 de novembro de 1755 era un día como outro calquera. A única peculiaridade era a celebración de Todos os Santos, que levou a gran parte da poboación a asistir ás misas matinais. Ás 9.30 horas reinaba o silencio e a vida de Lisboa transcorría sen máis sobresaltos. Ninguén imaxinaba que a natureza estaba a punto de ensinar a súa peor cara: un sismo de arredor de 8,5 graos na escala Richter cambiou para sempre a historia de Portugal e dunha gran parte da fachada atlántica da península. O tremor do solo tan só foi o principio da catástrofe, que derivou nun tsunami que arrasou parte da cidade e desembocou en numerosos incendios, probablemente derivados das candeas prendidas para celebrar a festividade católica. Este martes, 1 de novembro de 1755, fanse 267 anos dunha terrible catástrofe natural que marcou o devir da sismoloxía e tivo un amplo seguimento mediático en Europa.

Malia que Lisboa levou a peor parte do desastre, as súas consecuencias tamén se sentiron noutras zonas litorais da península e de Marrocos. Os danos materiais foron incalculables e as vidas humanas que segou a traxedia, difíciles de calcular. Segundo un estudo realizado polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN), onde se analizan os efectos do terremoto en España, as vítimas mortais causadas polo sismo “foron notablemente esaxeradas en moitas publicacións”. De feito, a cifra oscila considerablemente segundo a fonte consultada: dende as 50.000 ata as 100.000 mortes estimadas. Uns números que se rexeitan dende o IGN, apostando por unha cifra moi inferior. As vítimas mortais do terremoto e do tsunami, tanto na península como norte de África, estarían entre as 15.000 e as 20.000 persoas, das que 10.000 se produciron en Lisboa.

Publicidade

O empuxe da ciencia

Máis alá do desastre, a catástrofe tivo enormes implicacións políticas, económicas, relixiosas e tamén científicas. Expertos de toda Europa, conmocionados pola traxedia, trataron de atopar unha explicación ao que acababa de ocorrer, impulsando a sismoloxía, pouco desenvolvida ata o momento, sobre todo en España. “É como consecuencia do acontecemento de 1755 cando se realiza o primeiro catálogo sísmico cun contido máis formalista, pois anteriormente a información estaba moi diseminada e soamente dispoñía dun conxunto de relatos históricos sobre grandes terremotos”, indican dende o informe publicado polo IGN.

O interese por saber máis sobre o sismo e o posterior tsunami instou á elaboración de longas e detalladas investigacións sobre o suceso, como a que impulsou o Marqués de Pombal en Portugal. Grazas a isto, que tamén se fixo en Galicia e España, pódese coñecer mellor como se viviu a traxedia nos territorios afectados. Tamén cabe salientar que naquel movemento, a dinámica de placas e a orixe dos terremotos eran un absoluto misterio ata para os máis ilustrados. Alén das habituais explicacións relixiosas e metafísicas, había quen cría que os sismos eran causados por fortísimos ventos subterráneos que circulaban polas entrañas da Terra, entre outras teorías.

Os efectos en Galicia

Os efectos do desastre tamén se deixaron sentir en Galicia, pero en menor medida. Baiona, Viveiro, Mondoñedo, Ponteareas, Santiago de Compostela e A Coruña son só algúns dos puntos da nosa xeografía onde quedou documentación escrita do desastre. De feito, nas zonas de costa o susto era evidente: foron testemuñas do avance e retroceso anormal do mar durante horas. O tsunami derivou tamén nunhas mareas vivas extraordinarias, como quedou recollido nos cuestionarios que enviou Fernando VI ás vilas e cidades de toda España a través do Consello de Castela, igual que o fixera o Marqués de Pombal en Portugal, quen sentou as bases do estudo científico da sismoloxía.

“O movemento do mar foi extraordinario, porque en menos dunha hora medrou e minguou varias veces, e que aínda que manifestaba gran furia e violencia nos seus movementos, non saíu nin excedeu os seus límites”. Así quedaron recollidos os efectos do tsunami na Coruña, igual que aconteceu en Lugo, onde se escribiu o seguinte: “O principio foi terrible, porque se vían mover edificios, sepulturas dos templos e aínda as columnas deles; calmouse algo ao medio tempo, e tivo fin co mesmo furor do seu principio”. Outro exemplo a mencionar é o de Ponteareas, onde ese día se estaba a celebrar o mercado, cunha concorrencia que roldaba as 3.000 persoas, segundo documentos da época. “Puxéronse todos de xeonllos pedíndolle a Deus perdón cada un polas súas culpas”, segundo o relato recollido polo IGN. Hai tamén testemuños de estampidas e psicose en Santiago e Pontevedra.

Son moitas as vilas galegas que sentiron os efectos do desastre. En canto ás vítimas mortais, o número tamén é estimado. Os datos apuntan a que faleceron entre 2 e 6 persoas. A única morte “violenta” do terremoto produciuse en Avión. Ao parecer, debido ao medo que causou o tremor, unha muller precipitouse desde a tribuna do templo e foi posteriormente atropelada pola multitude que fuxía en estampida da igrexa. Tamén se parece confirmar a morte dunha muller na Coruña e unha anciá en Oia debido a un infarto causado polo pánico. Así mesmo, menciónanse tamén tres bebés que faleceron durante o parto en Oia, Pontevedra e Santiago, malia que as causas puideron estar asociadas a outros factores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Podería ser España a próxima en sufrir un terremoto?

Na península podemos esperar sismos de magnitude entre 6,5 e 7 nas fallas asociadas ao mesmo proceso tectónico que o recente de Marrocos

Estes foron os terremotos máis intensos rexistrados en Galicia

O de Triacastela en 1997 foi o de maior magnitude, pero os que máis danos causaron foron os de Ferrol en 1910 e o de Pontevedra en 1920

As primeiras 48 horas tralo impacto do asteroide que acabou coa vida dos dinosauros

A colisión provocou un megatsunami cunha enerxía 30.000 veces maior ao do Índico en decembro de 2004, no que morreron máis de 230.000 personas

As ondas sísmicas dos terremotos de Turquía e Siria detectáronse na península

Unha animación resume o movemento dos dous potentes sismos, que xa deixan máis de 2.300 mortos nos países afectados