Sábado 20 Abril 2024

Descuberto un trilobites de 473 millóns de anos con características inéditas

Un equipo de invesitgación internacional con participación española acha en Perú un novo fósil do grupo dos trinucleidos

Un trilobites de 473 millóns de anos. Ese é o novo achado dun equipo de investigación do Instituto de Geociencias (IGEO-CSIC-UCM) e do Instituto Geológico Minero y Metalúrgico de Perú (INGEMMET). Os científicos atoparon un novo fósil procedentes das rocas ordovícias do val dos ríos Apurímac, Ene e Mantaro. Segundo informan dende o CSIC, trátase dun novo xénero e especie do trupo dos trinucleidos, nomeado agora como Fantasticolithus isabelae. O traballo acaba de ser publicado na revista Papers in Palaeontology.

A zona na que se atopou o trilobites é un lugar apartado e de acceso complicado. O director da expedición, Juan Carlos Gutiérrez-Marco, coñeceu a existencia destes terreos ordovícicos en 1998. Grazas aos seus traballos de procura de trilobites en tres campañas (2006, 2016 e 2018) recolleu numerosos fósiles, entre os que se atopaba o denominado Fantasticolithus isabelae.

Publicidade

Os trinucleidos

Os trilobites trinucleidos son un grupo relativamente raro de trilobites (artrópodos mariños) que xurdiron no Cámbrico superior (hai uns 490 millóns de anos) e desapareceron no evento de extinción global de finais do Ordovícico (fai uns 440 millóns de anos). Trátase dun grupo moi especializado de trilobites cegos e filtradores, que tiña unha morfoloxía característica: un cefalón (cabeza) moi grande en forma de ferradura, un tórax con seis segmentos aplanados e un pigidio (cola) triangular e moi curto. O nome do grupo alude aos “tres núcleos” que destacan no centro do cefalón, que constan dun elemento central alongado (a glabela), e dous elementos laterais redondeados (as fazulas) dun relevo algo menor. Rodeando estes tres elementos existe unha orla perforada por buracos en forma de embude que comunican coa parte ventral.

Son un grupo relativamente raro de trilobites que xurdiron no Cámbrico superior

“Os trinucleidos tiñan unha cabeza con tres relevos centrais e unha orla perforada ao redor, que utilizaban para expulsar a auga da cámara de filtración ventral que escavaban baixo o seu caparazón. Nesta operación apoiaban a cabeza no substrato. A novidade do Fantasticolithus isabelae reside en que a cabeza permanecería elevada do fondo grazas a dous apoios esqueléticos que saían das súas esquinas anteriores, visibles como buracos nos moldes internos”, explica o científico.

“Outra característica singular”, continúa, “é a prolongación da cabeza cara a atrás en dúas fazulas anchas e finamente perforadas, similares ás doutro grupo moi distinto de trilobites (os harpétidos), cos que carecen de parentesco, pero que aquí se ofrecen como un carácter mixto e ata o de agora inédito, apoiando a hipótese de que, probablemente, se debía á adaptación a un modo de vida parecido. Cremos que estamos ante unha estratexia diferente para filtrar as partículas alimenticias”.

As conclusións do estudo

Gutiérrez-Marco resalta que as conclusións deste estudo de Perú, xunto coas doutros do norte de Bolivia, reflicten descubrimentos en territorios moi pouco coñecidos, polo que hai que seguir estudándoos. “A maior escala e centrándonos nos fósiles, poderemos completar o coñecemento das migracións faunísticas de moitos invertebrados ordovícicos ao longo da plataforma mariña que relacionaba Sudamérica, o norte de África e o suroeste de Europa antes da apertura do actual Océano Atlántico”, conclúe.


Referencia: Extraordinary Ordovician trilóbite Fantasticolithus gen. nov. from Peru and its bearing on the trinucleimorph hypothesis (Publicado en Papers in Palaeontology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte