No ano 1957, o agro en Galicia comezaba a experimentar un forte cambio cara a modernización. Así o reflectiu o oculista Antón Beiras en imaxes, que se revelan 67 anos despois. Os fotogramas que o santiagués tomou nunha das mallas das Aguias (Muras), en Lugo, trasládanse a unha exposición organizada polo colectivo Legado Activo Beiras Cal na mesma aldea lucense. Esta será a primeira actividade que realizarán para pór no mapa a herdanza cultural do investigador e da pedagoga Antía Cal, a súa muller. Poderá visitarse dende o 24 de xullo ata o 27 de outubro na antiga caseta de Correos dun mesón, situada na estrada que comunicaba Lugo con Viveiro.
Baixo o título “A malla de Pascual, 1957“, preséntanse 35 fotografías tomadas por Antón Beiras na localización na que se celebra a galería. Este tesouro sairá á luz como mostra dun día de verán na era da casa dos de Pascual, unha malla lucense. Pero, que é unha malla? É o efecto de mallar por medios mecánicos os cereais para separar o froito ou gran da palla.
Deste xeito, o doutor decidiu recoller en imaxes as mudanzas do campo, que neste momento atopábase en proceso de transición. As primeiras concentracións parcelarias abren paso a unha agricultura industrializada. “Os tempos ían cambiar”, menciona un dos membros do comisariado Miguel Piñeiro, aclarando a intención que tiña Beiras de gravar no carrete esta transformación.
Máis aló da ciencia
Antón Beiras e Antía Cal viviron todo o seu epistolario no contexto da casa familiar da pedagoga, na aldea das Aguias, ao norte da provincia de Lugo. Este pequeno lugar foi o escenario da súa relación, “unha paisaxe icónica para eles”, como menciona Piñeiro, rodeada polo río Eume, os bosques e a natureza desta zona de Galicia. Este lugar converteríase na inspiración dunha das facetas do investigador: a actividade fotográfica.
O oftalmólogo tomaba tempo tamén para esta parte máis persoal da súa vida. “Antón Beiras estaba interesado na identidade de Galicia e dos pobos”, asegura este membro da exposición pola parte familiar que lle toca, pois está casado con Beatriz Beiras, filla da parella. Con todo, o seu perfil de fotógrafo era algo habitual, como recorda dunha cita de Antía Cal: “Sempre tiña cámaras”.
No ano 1968 gardáronse os negativos tomados por Beiras nunha mesa de noite, polo que tras atopalos tiveron que levarse a cabo labores de conservación con procesos químicos. Así, conserváronse os tesouros etnográficos do pasado de Galicia ata case 70 anos máis tarde, que aparecen para axudar a levar a vista cara o pasado. “Isto ten que ver co amor que sentía e co rural de Galicia”, declara o autor sobre a intencionalidade do santiagués.
Así, máis aló da súa xenialidade intelectual, “a calidade fotográfica de Beiras é sorprendente”, apunta o comisario, aludindo á súa capacidade humanística. O autor do primeiro artigo científico en galego tras a guerra tamén foi quen de capturar o pasado de Galicia a través de instantáneas. Pero, o que máis chama a atención é a precisión: “Non é casual, tiña unha intención”.
A malla lucense no 1957
As Aguias é o espazo que quería representar Antón Beiras nestas fotografías. A profesión no campo estaba a cambiar, e iso foi o que o oculista quería inmortalizar, fascinado coa vida nesta aldea despois de nacer na cidade universitaria de Galicia. Como expón o historiador Bruno Esperante no dossier que presenta a exposición, o uso intensivo do traballo e as tarefas pouco mecanizadas da agricultura tradicional comezarían a transición nos anos sesenta cara a industrialización.
Este foi un feito que afectou a toda Europa, e fíxose evidente nos anos setenta e oitenta, cando os traballadores comezaron a ser substituídos por maquinaria. A paisaxe agraria transformouse, e as agras de centeo e trigo fóronse reducindo no campo galego. Co tempo, os de Pascual deixarían de mallar, mais estas imaxes encadradas manteranse no tempo para recordalo.
A pesar de ter sesións que mostran as condicións máis duras das familias de Galicia, ou outras de carácter científico, nesta “transmite a beleza das persoas, sen indicadores sociais sesgados”. Estas imaxes captan unha realidade moi distinta á doutros fotógrafos da época, pois “nun pobo de vinte persoas, a chegada dunha cámara profesional era un fito”, o que se retrataba nas imaxes a través dos sorrisos. No 1957, as Aguias era unha aldea moi afastada, polo que “a relación coa cámara neste momento significaba chegar máis aló“, explica Miguel Piñeiro.
Rodeado de relacións artísticas no seu círculo, Antón Beiras “atopa un bo escenario no que indagar e traballar” en Muras. Así, o que procuraba o oculista a través das súas fotografías era amosar como vivían e que empregaban no seu día a día estas xentes. Así, “o primeiro valor que ten esta serie é a documentación multimedia“, asegura, pois “axuda a ir construíndo a película na que nós sempre estamos ao final”.
As Aguias como centro da exposición
“Documentar, documentar e documentar” é o lema que seguen dende o colectivo que quere manter a memoria desta parella de intelectuais. O Legado Activo Beiras Cal trata de divulgar e compartir estas lembranzas con base en propiedades icónicas desta aldea lucense, como a caseta de Correos onde se vai levar a cabo a exposición como o mesón que se sitúa diante. “Parecía oportuno establecer este sitio como punto de partida”, xustifica.
Ademais, a descentralización dos centros de difusión e animación cultural resulta ser un aspecto relevante para o colectivo. “É importante esta acción en medio de campañas como a Galicia Vaciada”, argumenta o comisario baixo a decisión de establecer esta actividade no concello de Muras, e non en Santiago, A Coruña ou Vigo. No pasado, para chegar á aldea, había que pasar polo Porto da Gañidoira, onde paraban os carruaxes como zona de paso. “A nosa intención é volver a provocar que sexa un lugar de paso e parada a través de contidos culturais”, sostén.
Claramente, non foi un enclave escollido ao azar, senón unha localización “icónica e provocada”, declara Piñeiro. Con cero emisións, só se pode visitar durante o día, imitando así o horario do campo, onde se traballa de sol a sol. Dende o edificio, situado ao pé do Xistral, vese un meandro do río Eume, o que o fai un lugar ideal para acoller esta exposición que homenaxea a Antón Beiras e Antía Cal e comparte o seu legado, xunto coa historia dunha cambiada aldea das Aguias.



















