Os taboleiros barrocos de Santiago: únicos en Europa, pero sen protección

Son máis de 200 e están repartidos por diversos puntos da cidade, algúns foron cimentados ou substituídos por outras pedras

Colectivo A Rula leva dende 2013 estudando os taboleiros barrocos gravados en pedra na cidade de Santiago de Compostela onde se xogaba ao tradicional “Pai, fillo, nai”, hoxe en día coñecido como ‘tres en raia‘. Constitúen un conxunto único en toda Europa e chamaron a atención de medios tan prestixiosos como The Guardian. Compostela foi declarada Patrimonio Cultural da Humanidade en 1985, e segundo defenden dende a organización que divulga e estuda estes achaos, os taboleiros tamén o son.

Na actualidade Colectivo A Rula contabiliza máis de 200. Están datados da segunda metade do século XVII, o séxulo XVIII e comezos do século XIX, deixando de facerse na Ilustración. Son nove pequenas covas en liñas de tres onde se introducen pedras para encher os ocos. Aínda na segunda metade do séxulo XX se empregaban, posto que hai testemuños que acreditan campionatos celebrados na Praza da Quintana. Os taboleiros están situados en múltiples lugares da cidade de Compostela: na Praza do Obradoiro, na Facultade de Historia, na Igrexa da Compañía, no entorno de San Martiño Pinario —aquí hai cerca de medio centenar—, no Convento de Santa Clara e incluso en vivendas particulares.

Publicidade

Existen diferenzas entre eles, xa que nalgúns hai cavidades que poden ser adornos ou variedades do xogo que non se coñecen, explica Luis Leclere, divulgador e presidente da organización. No comezo da investigación pensaron que eran taboleiros de xogo da época medieval, mais despois de descubrir os do convento de Santa Clara —aquí contabilízanse 45—, comezan a percatarse de que están tallados en construcións posteriores ao séxulo XVI, co cal, conforman todo un corpus que achega información moi relevante daquela época.

Taboleiro en San Martiño Pinario.

“A diferenza dos taboleiros medievais que están nos agros e adoitan estar en espazos pechados e limitados a determinadas persoas, como os feitos por soldados que facían garda en fortificacións, ou os dos mosteiros e dos claustros, estes están na rúa, accesibles a todo o mundo”, alega Luis Leclere. Na época na que se enmarcan toda esta familia de taboleiros, Santiago estaba “redeseñándose” e era a primeira cidade asistencial, comenta. As ordes relixiosas acumulaban riqueza á par que a poboación pasaba fame. Antes de ir traballar, as persoas ían a estes edificios a pedir esmola.

Publicidade

Leclere cre que foi a xente corrente a que se encargou de traballar nestas pedras para facer un xogo que os entretivese mentres que mendigaban ante as comunidades relixiosas. Con todo, existen excepcións, xa que hai un taboleiro no alto da torre Berenguela, na Catedral de Santiago, que probablemente foi feito por campaneiros no seu tempo de ocio. Da mesma maneira, no caso dos da Praza do Obradoiro, o divulgador comenta que están relacionados coa parte lúdica, xa que era un lugar de xuntaza e de celebración.

Taboleiro da Facultade de Historia da Universidade de Santiago.

Gravaron co que tiñan a man, son de feitura simple, non teñen un coidado estético. Si que hai algúns máis elaborados que forman un rombo”, explica Leclere. Desta maneira, o maior impedimento co que se atopa este pequena xoia é o paso do tempo e a falta de coidado por parte das institucións. O clima, a falta de limpeza e dunha sinalización que indique o que son provoca que os habitantes de Compostela descoñezan o que significan estes pequenos buratos. De feito, un taboleiro que se atopou na Facultade de Historia estaba diante dunha papeleira.

“É cuestión de vontade, divulgalos é unha función primordial”

LUIS LECLERE, divulgador
Taboleiro da Casa do Cabido.

“Pedimos unha catalogación e a mesma protección que a cidade. É cuestión de vontade, divulgalos é unha función primordial. Debemos darlle un repaso e limpialos”, comenta Leclere. “Apostamos pola divulgación, pensabamos que isto iba a cambiar cando se publicou a nivel nacional e internacional, mais non foi así. Unha sinalización xa serviría para poñelos en valor. Non coñecemos nada parecido a nivel europeo nin na península ibérica”.

O descoñecemento e a falta de protección dos elementos culturais conduce á desaparición e é o maior medo dos divulgadores e os investigadores deste tipo de manifestacións da cultura popular. A inexistencia dunha figura de amparo provocou que moitos foran cimentados ou subtituídos por outras pedras, mais non é tarde para traballar na conservación dos que están localizados e daqueles poucos que queden por descubrir, agochados neste intre nalgún recuncho de Compostela.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O longo periplo de mosaicos e torques: un estudo reconstrúe as viaxes dos bens culturais fóra de Galicia

A tese de Erea Castro Alfonso analiza o papel do numismático tudense Ricardo Blanco-Cicerón no movemento de patrimonio artístico e histórico

Tes un ben cultural ao lado da casa? Este mapa interactivo de Galicia permíteche descubrilo

A aplicación desenvolvida polo divulgador Manuel Gago permite consultar máis de 75.000 pezas de patrimonio a través dun mapa interactivo e imaxes históricas

O Consello da Cultura Galega alerta da transferencia do control do patrimonio aos concellos

Un informe do órgano estatutario lamenta que se elimine a autorización previa da Consellería nas intervencións en bens catalogados e dubida da súa constitucionalidade

Estragan unha alvariza de máis de 200 anos en Vimianzo: este é o antes e o despois

As estruturas tradicionais para protexer as colmeas das abellas forman parte dun patrimonio único na Costa da Morte