A hernia de disco é unha lesión moi común da columna vertebral, que se produce polo desgaste dos discos que hai entre as vértebras, coa consecuente presión sobre os nervios próximos ou a medula espiñal, o que provoca unha dor intensa. Ata o de agora, para extirpalas seguíase unha técnica bastante agresiva que derivaba nunha recuperación complexa. Agora estase implantando unha nova técnica máis segura que permite ao paciente abandonar o hospital no mesmo día da intervención, sen inflamación e sen dor. Co obxectivo de dala a coñecer entre a comunidade médica, este venres 24 de marzo, o centro de cirurxía experimental do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) celebra un curso dirixido a traumatólogos e neurocirurxiáns de toda Galicia.
Esta nova técnica de cirurxía endoscópica lumbar require unha incisión mínima, inferior a un centímetro, pola que se introduce unha cánula provista dunha cámara e de todos os aparellos precisos para levar a cabo a operación. “Ofrécese unha imaxe amplificada e de alta resolución da zona, o que permite unha maior delicadeza na manipulación dos tecidos e a extracción completa da hernia, sen danar a estrutura ósea nin a musculatura. É unha técnica máis segura. Desaparecen os riscos para o paciente posto que non hai sangrado nin posibilidades de infección, ao tempo que apenas se tocan as estruturas nerviosas”, explican os doutores Juan Castro Toral e Juan Álvarez de Mon Montoliu, encargados de impartir o curso.
“Desaparecen os riscos para o paciente porque non hai sangrado nin posibilidades de infección”
“Ademais, o paciente pode abandonar o hospital o mesmo día da intervención, sen inflamación e sen dor, polo que non se requiren analxésicos, e en dúas semanas xa pode facer vida normal. E a hernia non volve reproducirse, o que era habitual coas técnicas clásicas”, manifestan os doutores. Tamén salientan que esta técnica permite realizar cirurxías a pacientes con complicacións e que, doutro xeito, sería inviable, por motivos de idade, enfermidades terminais… Isto proporciónalles unha gran melloría na súa calidade de vida. Nos pacientes mozos, evítanse inmobilizacións prolongadas. Por outro lado, agora é posible facer cirurxía en casos nos que ata o de agora non estaba indicado debido á complexidade das técnicas clásicas. “Esta técnica supón unha revolución na cirurxía da columna posto que se pode aplicar para abordar calquera patoloxía lumbar, o que abrangue multitude de doenzas”, aseguran os doutores.
En Galicia, esta técnica xa se está a aplicar con éxito no Hospital San Rafael da Coruña, no que traballan os dous doutores: Castro como xefe de Servizo de Traumatoloxía e Álvarez como especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía na Unidade de Columna. Levan preto de 200 pacientes intervidos desde finais de 2021, momento no que empezaron a poñela en práctica.
Un gran avance da medicina e unha nova esperanza para os milleiros de persoas que padecen problemas da columna. Esperemos que o Servicio Público de Saude pronto aplique esa técnica nos Hospitais. Outra cousa van ser as lista de aspera.
Ahora só falta que o fagan os hospitáis de Galicia, que teñamos dereito todos os galegos.
Estupendo, enhorabuena por los progresos no invasivos y sus prontas recuperaciones