Retiran o banco instalado enriba dun petróglifo en Noia

O banco xa non está no lugar no que fora instalado despois da visita esta mañá de persoal da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta

Catro días despois de que o Colectivo A Rula denunciara a instalación por parte do Concello de Noia dun banco “panorámico” enriba dunha rocha cun petróglifo no monte de San Lois, e despois da visita de persoal da Dirección Xeral de Patrimonio esta mañá, o moble xa non está presente no lugar.

O voceiro municipal do BNG en Noia, Ricardo Suárez, declarou que a retirada coñeceuse esta mañá, cando o seu grupo, xunto aos outros da oposición municipal (PSOE e Marea de Noia) preguntou na comisión de Urbanismo ao goberno do PP pola instalación dos dous bancos no enclave de San Lois. Segundo indicou en dita comisión o alcalde da localidade, Santiago Freire, responsables de Patrimonio visitaron a zona, e máis tarde coñeceuse a retirada do banco.

Publicidade

Esta mesma tarde, o Concello de Noia informou a través das redes sociais da retirada do banco “por decisión propia a baixo a supervisión dun arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio” e “ata que haxa unha conclusión” por parte do organismo autonómico. Respecto á decisión de instalar nun primeiro momento o banco no lugar, argumentan que “cando se instalou o banco, o petroglifo non estaba inventariado nin catalogado”, e que “non consta no Plan Básico Autonómico, nin no Plan Xeral de Ordenación Municipal, nin nas Normas Subsidiarias”.

“Sen autorización”

Tanto Suárez como Luis Leclere, presidente do Colectivo A Rula, coinciden en salientar que a actuación do Concello de Noia realizouse “sen autorización pertinente” no caso dos lugares afectados por contornas de protección de bens arqueolóxicos, con vestixios dun castro, que requiren de medidas especiais nun perímetro de 200 metros. “Os terreos pertencen á comunidade de montes de Boa, á que se lle pediu autorización por teléfono, e se lles respondeu que podían instalar o banco, pero previa consulta á arqueóloga municipal, debido á posibilidade de que se producira esta situación”, explica Suárez.

Publicidade

Porén, segundo expón o voceiro do BNG, non se realizou este trámite, e “instalouse o primeiro dos bancos, que está xusto no centro da área de protección, e despois o outro, a pesar de que existen moitas evidencias documentais de que o lugar pode albergar un patrimonio arqueolóxico importante”. Aínda que o lugar no que está o petróglifo sitúase fóra da área de protección, Suárez expón que “canto menos se lle debería ter consultado á arqueóloga municipal”.

A retirada do banco, que aínda non confirmaron desde Patrimonio a pesar das consultas realizadas por GCiencia, deixou pegada na lousa sobre a que está o gravado. Tal e como se ve nas imaxes difundidas polo BNG de Noia, a instalación e posterior retirada do moble provocou o arrancamento de parte da lousa. Ademais, o impacto tamén se deixou notar no outro dos bancos instalados no monte, onde se aplanou o terreo con grava e se cortaron varias árbores para despexar a vista cara á ría de Muros e Noia.

Detalle do anaco de rocha arrincado a carón da pía para retirar o banco. Foto: BNG de Noia.
Detalle do anaco de rocha arrincado a carón da pía para retirar o banco. Foto: BNG de Noia.

Desde o Colectivo A Rula, o seu presidente Luis Leclere expón que “todo isto podería terse evitado se as cousas se fixeran cun mínimo criterio”. “Era obvio que podía pasar isto; temos máis de 3.000 pedras con gravados espalladas polos montes de Galicia, e en San Lois ademais hai catalogado un castro, coa súa faixa de protección. Xa é pouco aconsellable poñer un banco enriba dunha pedra, que ten xa de valor por si, pero é que ademais non se fixo a mínima consulta”, lamenta Leclere.

Con todo, desde A Rula apuntan a que a polémica “pode converterse nunha oportunidade para impedir que cousas así volvan a acontecer, e para aproveitar e protexer a contorna de San Lois”. Expón o presidente do colectivo que “tendo en conta outros gravados que hai nas áreas próximas do Barbanza, moitas delas mirando cara ao Monte Louro, é posible que nas abas de San Lois poidan aparecer máis. Poderíase estudar o petróglifo que está a carón do banco, pero tamén facer unha prospección pola zona, e convertelo nun reclamo polo seu patrimonio rupestre, sen precisar de bancos”.

Un “banco panorámico” enriba dun petróglifo en Noia

Foi hai algo menos dun ano cando o goberno local da vila anunciaba que viña “sumarse á moda” da instalación deste tipo de mobles en numerosos puntos de Galicia coa colocación do de San Lois. Meses despois, colocouse o banco chantado enriba dunha lousa na que, segundo denunciou A Rula, se pode observar un gravado “moi erosionado” que “consiste nunha combinación duns 50 centímetros de diámetro composta por cinco círculos concéntricos, coviña central e dous sucos radiais que saen do circulo interior en direccións noroeste e sur”.

O gravado, que non se coñecía ata o descubrimento realizado polo colectivo, convertiríase “no primeiro petróglifo coñecido do Concello de Noia, xa que, ata o de agora, a mostra de arte rupestre prehistórica coñecida situada máis preto da vila de Noia era o petróglifo da Picota, nas inmediacións da poboación de Portosín, xa no termo municipal de Porto do Son”.

Na súa denuncia, A Rula alertaba  da “fraxilidade dos motivos gravados e da súa erosión e próxima desaparición, pois o petróglifo encóntrase xusto na zona da rocha que a xente que accede ao banco pisa directamente sobre os motivos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De hórreos a torres medievais: 18 bens patrimoniais galegos entraron na Lista Vermella no último ano

Dez monumentos están en Lugo, catro na Coruña, dous en Ourense e dous en Pontevedra, segundo o catálogo da asociación Hispania Nostra

Novo espolio en Vimianzo: estragada outra histórica alvariza en monte Faro

O patrimonio de Cova do Raposo está preto de onde estaba a pedra furada que desapareceu e outra estrutura danada pola actividade madeireira

Mámoas roubadas e usadas como ramplas para motos: está en risco o patrimonio galego?

Os danos a elementos como petróglifos son relativamente habituais e en parte débese á súa fraxilidade e á dispersión da poboación en Galicia

Un pombal na Coruña e dúas antigas escolas en Cenlle entran na Lista Vermella do Patrimonio

Só no que vai de 2025, 14 novas estruturas foron incorporadas á catalogación realizada por Hispania Nostra, das cales tamén hai Bens de Interese Cultural