Venres 29 Marzo 2024

Un “banco panorámico” enriba dun petróglifo en Noia

O colectivo A Rula critica a instalación "innecesaria" do moble no monte de San Lois, a carón do que é o primeiro gravado rupestre localizado no municipio

O monte de San Lois é un dos principais miradoiros da cara norte da serra do Barbanza. A medio camiño entre Noia e Porto do Son, permite albiscar toda a ría de Muros e Noia, co referente do monte Louro no horizonte. Hai 10 anos, o lugar foi escenario dunha controvertida historia debido á destrución dun petróglifo que fora identificado por un grupo de veciños e que, posteriormente, aparecera esnaquizado nunha zona próxima despois dunhas actuacións con maquinaria pesada. E foi tamén no seu cumio onde o colectivo A Rula, entidade cultural que avoga pola divulgación e protección da arte rupestre da área de Compostela, acaba de expoñer a presenza dun “banco panorámico”, instalado a comezos de 2019, sobre unha pía na que se pode ver un petróglifo, segundo compartiron este xoves a través do seu blog.

Retiran o banco instalado enriba dun petróglifo en Noia

Hai un ano, o Concello, a través da concellaría de Medio Ambiente, anunciaba que viña “sumarse á moda” da instalación deste tipo de mobles en numerosos puntos de Galicia coa colocación do de San Lois. Segundo conta A Rula, “o Concello decidiu limpar a zona e literalmente ‘cravar’ un banco nunha rocha no chan”, situándoo, “lamentablemente”, “xusto enriba dunha pía natural nun afloramento que conserva uns gravados”. Alén deste, instalouse outro banco mirando cara á boca da ría. Na parte traseira levan o lema “Todo o que ves é teu. Cóidao”.

Publicidade

O gravado, que non se coñecía ata o descubrimento realizado polo colectivo, convertiríase “no primeiro petróglifo coñecido do Concello de Noia, xa que, ata o de agora, a mostra de arte rupestre prehistórica coñecida situada máis preto da vila de Noia era o petróglifo da Picota, nas inmediacións da poboación de Portosín, xa no termo municipal de Porto do Son”.

Ante a instalación do banco, desde A Rula insisten en que o seu uso no lugar “é absolutamente innecesario“, “polo que pensamos que o seu valor só é propagandístico”. Na mensaxe aproveitan para alertar da “fraxilidade dos motivos gravados e da súa erosión e próxima desaparición, pois o petróglifo Monte San Lois 1 encóntrase xusto na zona da rocha que a xente que accede ao banco pisa directamente sobre os motivos”.

Ante esta situación, agardan “que as administracións “fagan o necesario para reverter esta situación ilegal que pon en perigo a conservación dun ben que goza da categoría de Ben de Interese Cultural (BIC), e polo tanto da máxima cobertura legal prevista”. Avanzan, deste xeito, que comunicarán “ao Concello de Noia e a Dirección Xeral de Patrimonio a localización e a solicitarlles a súa valoración e que tomen as medidas oportunas para a súa posterior catalogación”.

Vista desde o banco de San Lois sobre a ría de Muros e Noia. Foto: A Rula.
Vista desde o banco de San Lois sobre a ría de Muros e Noia. Foto: A Rula.

O petróglifo a carón do banco

Segundo a descrición, o gravado está moi erosionado e só é visible durante o día “coa luz rasante do solpor”. A rocha na cal se atopa, e onde se cravaron os pés do banco, ten “dous metros de longo por un de ancho, de gran groso, o que dificulta tanto o gravado como a súa conservación, así como a visión actual do petróglifo”.

A parte visible do denominado como petróglifo Monte San Lois 1 “consiste nunha combinación duns 50 centímetros de diámetro composta por cinco círculos concéntricos, coviña central e dous sucos radiais que saen do circulo interior en direccións noroeste e sur”.

Posteriormente, unha análise a través de fotogrametría descubriu “a presenza de dúas combinacións (non visibles a ollo nu) case pegadas á combinación de maior tamaño, e outras dúas combinacións máis formadas por coviña e círculo simple máis afastadas”. Na mesma rocha aparecen varias coviñas máis, incluíndo unha agrupación en forma de roseta, e nunha segunda pedra situada a dous metros consérvase outro grupo de coviñas.

Desde A Rula adiantan que “posiblemente non sexa o único complexo rupestre” no monte,  nesta ladeira do monte San Lois, e apuntan a que “unha limpeza da vexetación da contorna e unha prospección da zona podería axudar no estudo do patrimonio arqueolóxico nas proximidades deste impoñente monte”.

A referencia do monte Louro, segundo explican, é un denominador común na arte rupestre da comarca, xa que se pode contemplar desde outros lugares como A Rastra, Pedra da Gurita ou Pena Bicuda.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:22

"As bólas de plástico supoñen un problema para centos de anos"

Un equipo de Gciencia desprázase coa confraría de pescadores ata a praia de Boa, onde realizan unha visita de verificación

Galicia e Portugal compartían no Paleolítico un corpus artístico que revela nexos culturais

Dúas investigacións descobren os paralelismos existentes entre representacións de máis de 9.000 anos de antigüidade en Cova Eirós e o val do Côa

Laxe dos Bolos, un petróglifo referente da arte rupestre en Galicia

Un libro recolle o traballo arqueolóxico coordinado por Elena Cabrejas Domínguez, arqueóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio

Á venda un forno de posible orixe medieval en Noia

Ana Filgueiras, arqueóloga municipal da vila, está a realizar un informe do inmoble para despexar dúbidas e guiar actuacións de futuro