Publicidade
Sábado 24 Maio 2025
Publicidade

Monte e lagoa de Louro: a atalaia que reborda historia e natureza

O enclave situado na beira norte da ría de Muros e Noia leva séculos cativando aos humanos pola súa maxestosidade, como demostran os vestixios presentes nel

Para calquera persoa que viva á beira da ría de Muros e Noia, a lingua de pedra que debuxa no horizonte o monte Louro é, sen dúbida, unha das postais que quedan gravadas e nunca se esquecen. Xa o sabían, sen dúbida, os poboadores que levan moito tempo deixando o seu rastro arredor do dobre cumio do monte, que se eleva rapidamente ata os 240 metros de altura e se atreve a meterse no mar. É un punto case que inmellorable para controlar todo o que se move nesta ría. E tamén é unha referencia terra adentro, pois desde os picos máis interiores do Barbanza xa se comeza a vislumbrar a bastantes quilómetros de distancia. E a carón, entre a praia de San Francisco e a pequena vila que leva o nome do monte, a lagoa das Xalfas acompáñao fielmente.

A peculiar paisaxe que debuxa o monte Louro atopa explicación na xeoloxía. É o que se coñece como inselberg (do alemán ‘monte illa’), un lugar no que a erosión desgastou os materiais máis brandos dos arredores e só deixa as rochas máis duras, graníticas no caso de Louro. É, de feito, un Lugar de Interese Xeolóxico (LIG) recoñecido polo Instituto Geológico y Minero de España (IGME). Salvando as distancias, é difícil non comparalo como unha especie de monte Pindo a pequena escala, sobre todo ao miralo desde o próximo mirador do Naraio. De feito, varias formas de tafoni que se ven nos granitos de Louro remiten claramente ao Olimpo celta.

Publicidade

Foto: Ramón Piñeiro / CC BY 2.0.
Foto: Ramón Piñeiro / CC BY 2.0.

A historia do monte Louro

O monte Louro, como suspendido no aire polo salseiro, golpeado sen tregua polo vento, o mar e a borraxeira (Monte Louro con touca, chuvia moita ou pouca, di o refraneiro), non é un lugar especialmente acaído para os asentamentos humanos, de aí que a única construción que hoxe se mantén é a do faro de Punta Queixal, ao pé dos cantís, e xunto á estrada que rodea o macizo. Mais no seu cumio si que quedan vestixios da súa relevancia estratéxica. Das abas do monte, na zona máis próxima a Louro, saen os sendeiros que dunha forma sinxela (alén do lóxico desnivel) nos sitúan no punto máis alto.

Aínda que as evidencias científicas non son moitas, pola falta de documentos e investigacións que así o constaten, parece claro que o innegable valor estratéxico do monte tivo que dar pé no pasado a construcións defensivas e de vixilancia. Segundo recolle Patrimonio Galego, o catálogo de bens arqueolóxicos do plan xeral de Muros contempla a posibilidade de que aquí houbera asentamentos. E tamén hai restos que inducen a pensar que houbo unha garita (que de feito dá nome ao pico situado máis ao sur). As imaxes recollidas por Manuel Gago apuntan, con poucas dúbidas, á presenza de edificacións antigas.

Publicidade

E non moi lonxe, ao outro lado do lugar de Louro, os petróglifos agroman arredor do monte Meán. Aos máis coñecidos da Laxe das Rodas, unha das estacións máis relevantes da zona, uniúselle hai menos de dous anos o achado doutra paraxe no Outeiro dos Furados.

A natureza do Monte Louro

Unha vez percorridas a través da imaxinación as andanzas das sentinelas do monte e os artistas rupestres da zona, é momento de mergullarse na riqueza natural que xira arredor da lagoa de Xalfas. É posible grazas a que a barra de area que conforma a praia de Area Maior impide a chegada ao mar das augas do rego Longarela. Porén, en momentos puntuais (o último aconteceu hai só uns días), prodúcese o fenómeno do Ingüeiro, cando a lagoa e o mar xuntan por un tempo as súas augas.

O ecosistema que conforma a lagoa de Xalfas da pé ao encontro de aves, anfibios, réptiles e pequenos mamíferos. Entre os paxaros destacan o lavanco, a garza real, a focha ou o rascón, converténdose nun interesante espazo de observación ornitolóxica. En canto á flora saliéntase o endemismo da Lilaeopsis carolinensis, que ten aquí a súa única poboación en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os hospitais de Vigo e Santiago administrarán terapias CAR-T a pacientes adultos

Compostela só podía subministrar, ata o de agora, o tratamento á poboación pediátrica, mentres que o da Coruña era o único orientado a persoas maiores

Un novo estudo cuestiona o baño xudeu da Coruña: “Moi dubidoso, senón abertamente incorrecto”

Un traballo de José María Bello Diéguez cuestiona de forma crítica o proceso feito para afirmar que se trata dunha mikvé

Tradición, comparsas e disfraces: así celebraba Galicia o Entroido no século pasado

O arquivo fotográfico das institucións galegas permite unha volta ao pasado para desfrutar destes históricos festexos

Primavera anticipada? Galicia roldará esta semana os 20 graos en pleno febreiro

Unha profunda borrasca no Atlántico afectará ao litoral galego creando unha alerta amarela por ondas de entre catro e cinco metros de altura para este martes e mércores