Evolución da lagoa de Baldaio desde xuño de 2018 ata a actualidade. En vermello, situación do cámping e vivendas afectadas polos asolagamentos destes días. Fonte: Sentinel/Elaboración propia.
Evolución da lagoa de Baldaio desde xuño de 2018 ata a actualidade. En vermello, situación do cámping e vivendas afectadas polos asolagamentos destes días. Fonte: Sentinel/Elaboración propia.

Baldaio: último capítulo dunha historia de desfeitas

A inundación da marisma, provocada ao taponarse o intercambio coa auga do mar, fai aflorar un problema que dura bastantes décadas

Para explicar o que está acontecendo estes días en Baldaio (Carballo), un dos humidais costeiros máis importantes de Galicia, hai que mirar cara a atrás e facer varias paradas no tempo. Unha delas é a do 8 de maio de 1977, data dunha das grandes mobilizacións do ecoloxismo en Galicia durante a Transición. Baldaio foi, xunto ás Encrobas, Xove ou a protesta polos bidóns con residuos nucleares arrebolados no fondo do Atlántico, un punto e á parte na conciencia de moitas persoas para a conservación da natureza.

Daquela, milleiros de persoas saíron á rúa nun domingo de feira en Carballo, e pola tarde desprazáronse ata os arredores da marisma, no medio da efervescencia política da época, para protestar por unha das paradas desta historia de desfeitas: durante anos, baixo o amparo dunha concesión para criar marisco, Baldaio sufriu unha gran alteración. Construíronse comportas, canles e pistas polo medio da lagoa para optimizar o cultivo dos bivalvos, sen ter en conta o impacto na dinámica da marisma. E ademais, os tractores cargados de area desfilaban todos os días para alimentar a fame do sector da construción. Hai quen di aínda hoxe en Carballo que moitos edificios da vila, e mesmo da cidade da Coruña, levan nos seus cimentos area de Baldaio.

Aquela protesta, duramente reprimida, mesmo con torturas a algúns dos detidos por parte da Garda Civil, marcou un fito e acabou freando as agresións perpretadas á paraxe costeira. Pero aínda fixeron falta anos para conseguilo.

Foto a comezos dos anos 80 da ponte e comportas construídas para a concesión marisqueira coa que tamén se extraía area do espazo de Baldaio. Fonte: IGME.
Foto a comezos dos anos 80 da ponte e comportas construídas para a concesión marisqueira coa que tamén se extraía area do espazo de Baldaio. A canle, aínda que non é a natural, mantiña o equilibrio do ecosistema da marisma. Fonte: IGME.

Catro anos despois daquela mobilización, en decembro de 1981, un informe do Instituto Geológico y Minero de España (IGME) (descargar en PDF) aínda advertía do futuro “desolador” que lle agardaba a Baldaio. “Sabemos que por un tractor de area estanse pagando 5.000 pesetas, e nunha soa noite poden extraerse varias toneladas”. De Baldaio, como a duna de Monte Branco no esteiro do Anllóns, de Barrañán ou Sabón, “a area desaparece día a día, dun modo máis ou menos encuberto por manobras de transformación, e a pesar da teórica ilegalidade, os danos que se están a causar son irreparables e a este ritmo, nun curto prazo, serán irreversibles”.

Porén, aínda coa desfeita, o ecosistema recuperouse en boa medida e, litixio xudicial mediante, os habitantes da zona puideron mariscar e pescar de novo na zona. Ao outro lado do sistema dunar que protexe a lagoa do mar aberto está a que é unha das praias máis longas de Galicia, con máis de catro quilómetros ata Razo, que dá acubillo a surfistas e a camiñantes.

O valor natural de Baldaio

Panorámica do val de Baldaio, coa marisma e o mar ao fondo. Foto: Concello de Carballo.
Panorámica do val de Baldaio, coa marisma e o mar ao fondo. Foto: Concello de Carballo.

Ata hai uns meses, o ecosistema persistía en equilibrio, aínda que fráxil. Cando a marea sobe, a auga salgada entraba a través dunha canle construída para arranxar a desfeita realizada hai décadas. Pero non se mantivo sempre así nos últimos anos. A canle baixo a ponte non é a ‘natural’, segundo lembran veciños da zona que coinciden en situala uns metros cara ao oeste.

A pesar das sucesivas alteracións, alí seguen convivindo numerosas aves de diversos tamaños, entre as que destacan, por exemplo, a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), que ten neste espazo un dos seus núcleos máis destacados de cría en Galicia. Entre a flora, destacan endemismos do norte de Galicia, como a Omphalodes littoralis subsp. gallaecica. A presenza destas e outras especies convértena nun espazo protexido en Rede Natura e catalogado como ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves).

Aínda hai que facer outra parada polo camiño, a finais de 2002. A ameaza da marea negra do Prestige leva a tomar unha decisión límite: taponar a entrada do mar para impedir que, coa pleamar, o chapapote chegue ata o fondo da marisma. Aquela acción non foi de balde, xa que se rachou unha vez máis o feble equilibrio entre auga doce e salgada, e os seus ecosistemas asociados.

“Cando veu o Prestige estabamos comezando a recuperar”, lembra María José Felípez, presidenta durante 22 anos a agrupación de mariscadoras de Baldaio, que extrae da marisma ameixa, berberecho e longueirón . “A nós non nos matou o chapapote, senón as decisións que se tomaron para evitar que entrara”. Explica Felípez que ao pechar a canle que comunicaba co mar, “a auga salgada marchou, e morreu moito marisco”. Ademais, alude á crenza, común na zona, de que o dique do porto exterior da Coruña, situado a algo máis de 10 km en liña recta, puidera ter influído no cambio de correntes e as acumulacións de area na contorna da lagoa.

A acumulación de area acabou pechando a canle que permitía a entrada da auga do mar e o baleiramento da lagoa coas mareas. Foto: Concello de Carballo.
A acumulación de area acabou pechando a canle que permitía a entrada da auga do mar e o baleiramento da lagoa coas mareas. Foto: Concello de Carballo.

Despois de sucesivas dragaxes que solventaron o problema temporalmente, as correntes foron pechando de novo a canle e formouse, como en anteriores ocasións, un meandro cara ao oeste. “Gastamos miles de euros para volver abrila, pero non o conseguimos”, lembra Felípez.

O esforzo foi en van. Repetiuse a mesma dinámica, os piares da ponte baixo a que tempo antes corría a auga en función das mareas quedaron cubertos de area e, mentres, o océano comezaba a sucar as dunas a uns metros. Ata que en novembro de 2019, segundo informou a edición local de La Voz de Galicia, a borrasca Cecilia deu o golpe final. Tal e como tiñan advertido os mariscadores en repetidas ocasións, a duna rompeu, arrastrando area cara ao interior da lagoa, e de novo o ecosistema quedou nunha situación moi delicada.

Nestas últimas semanas, ante a acumulación de area na canle, as achegas de auga dos regatos que desembocan na marisma e a entrada puntual de auga do mar coas mareas altas foron subindo o nivel da auga da lagoa ata provocar as inundacións.

Evolución da lagoa de Baldaio e a canle entre 2018 e a actualidade. Na parte superior pode verse como a canle se estreita e se despraza ata que a duna se fractura en novembro de 2019 e impide o baleiramento da lagoa, facendo subir o nivel da auga. En vermello, na última imaxe, situación do cámping e as vivendas que xa están sufrindo inundacións. Fonte: Sentinel/Elaboración propia.
Evolución da lagoa de Baldaio e a canle entre 2018 e a actualidade. Na parte superior pode verse como a canle se estreita e se despraza ata que a duna se fractura en novembro de 2019 e impide o baleiramento da lagoa, facendo subir o nivel da auga. En vermello, na última imaxe, situación do cámping e as vivendas que xa están sufrindo inundacións. Fonte: Sentinel/Elaboración propia.

A actuación

María José Felípez lembra que cando en marzo de 2014 outro temporal provocara unha situación semellante, a agrupación de mariscadores propuxera a construción dun dique de pedras e area para previr a erosión nese punto, “pero desde Conservación da Natureza da Xunta só nos permitiron usar area, e cando volve bater o mar, volve comer a duna”.

Nos últimos días, coa situación trascendendo xa o ámbito local debido ás inundacións, e despois de varias peticións por parte do goberno local de Carballo, a Xunta de Galicia anunciou que ía “elaborar un estudo con actuacións inmediatas que permitan abrir a Lagoa de Baldaio e evitar os posibles asolagamentos de vivendas nas inmediacións deste espazo”.

Despois dunha reunión celebrada entre as dúas consellerías implicadas (Mar e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda), determinouse que técnicos da Xunta visitaran a zona “para obter os últimos datos sobre o estado actual que presenta a lagoa e decidir cales son as medidas inmediatas necesarias que se deberán abordar para paliar esta situación”. Alén disto, ofreceron traballar na redacción dun plan “que permita conxugar os intereses medioambientais da lagoa cos intereses do sector marisqueiro”.

Porén, desde o concello carballés, a través do seu alcalde, Evencio Ferrero, informouse de que había contacto permanente coa Demarcación de Costas de Estado. Este ente comprometeuse, en palabras do rexedor, “a realizar unha intervención tan pronto como a Xunta a autorice, xa que calquera actuación nese ámbito debe contar coa autorización de Conservación da Natureza”.

O executivo municipal lembrou, do mesmo xeito, que xa ofrecera un estudo cando empezara a acumularse area hai bastantes meses, e que estimaba en 6.000 euros o investimento preciso, pero que foi rexeitado polo organismo autonómico. “Agora o problema é moitísimo maior e aquela cantidade, absolutamente insuficiente”, expón o concello carballés.

Mentres, Baldaio segue esperando, e resistindo como pode, á espera de que esta desfeita non sexa a definitiva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.