O Libro de Leinster e o cantar de Breogán

O Libro das Invasións reúne fontes mitolóxicas, bíblicas e de autores cristiáns para dar conta das invasións de Irlanda por diferentes pobos

O himno galego canta a Galicia como ‘Fogar de Breogán’. Así o escribiu o poeta Eduardo Pondal na súa obra ‘Os Pinos’, que foi logo musicada por Pascual Veiga e estreada no Gran Teatro da Habana en 1907. Tanta importancia tiña o vello caudillo galaico na letra daquel himno que Pondal titulou primeiro a súa composición como ‘Breogán’, pero o título cambiou tras ter que facer uns cambios na acentuación para que se adaptase mellor aos arranxos musicais de Veiga.

Aquel Breogán mítico fora incorporado á identidade de Galicia polo historiador Manuel Murguía. Pero a súa mellor referencia estaba en Irlanda, escrita no coñecido como Libro de Leinster, custodiado no Trinity College de Dublín e que estivo en Santiago de Compostela en empréstito no ano 2019 na exposición ‘Galicia, un relato do mundo’ no Museo Gaiás.

Publicidade

O Libro de Leinster (Lebor Laignech) é un manuscrito medieval irlandés datado ao redor do ano 1160. O manuscrito foi producido por Aed Ua Crimthainn, quen foi abade do mosteiro de Tír-Dá-Glas en Shannon, hoxe no condado de Tipperary. Segundo os últimos estudos, a obra, da que se conservan 187 páxinas, foi un labor de décadas, na que participaron os discípulos de Áed, engadindo novos contidos ata o ano 1224.

A obra é capital para a xenealoxía e a mitoloxía irlandesas, xa que contén os textos fundacionais da súa identidade, como o Lebor Gabále Erenn (‘Libro das Invasións’) e o Táin Bó Cuailnge (‘O roubo do touro de Cuailnge’).

Pero o máis destacado para Galicia é o Lebor Gabále Érenn, literalmente o ‘Libro da toma de Irlanda’, coñecido como o Libro das Invasións. Aquí atopamos por primeira vez unha mención a Breogán, líder mítico cuxo fillo Ith avistou Irlanda desde o Faro de Brigantium.

O Libro das Invasións reúne fontes mitolóxicas, bíblicas e de autores cristiáns para dar conta das invasións de Irlanda por diferentes pobos, os últimos dos cales serían os milesios, procedentes da cidade galega de Brigantia. Entre as fontes máis importantes do Libro das Invasións está o historiador Paulo Orosio, oriúndo de Braga, que no século V describe o vínculo entre Irlanda e Brigantia.

Breogán e a suposta conquista de Irlanda polos galaicos aparece en dous dos libros do Lebor Gabále Érenn, que comeza dunha maneira mítica, facendo un paralelismo entre a historia dos gaélicos e a dos xudeus. Dalgún xeito, con isto pretendía darse unha lexitimidade cristiá ás vellas lendas do país e considerar aos irlandeses tamén un ‘pobo elixido por Deus’. Así, os ‘Gaels‘ son definidos como descendentes de Noé, foron escravos dos exipcios e pasaron 400 anos vagando polo deserto en busca da súa ‘terra prometida‘. Resulta evidente que falamos dunha versión do Éxodo do Antigo Testamento aplicada aos gaélicos.

O Libro de Leinster, que estivo na exposición no Museo Gaiás.

No segundo libro, que narra a ‘Historia temperá dos Gaels’, aparece no seu remate Breogán, que é descendente dos primeiros Gaels. Tras vagar polo Mediterráneo xunto ao seu pobo, conquista Iberia e funda unha cidade chamada Brigantia, onde constrúe unha alta torre. Desde ela, o seu fillo Íth consegue albiscar Irlanda. Unha vez máis, estamos fronte á ‘terra prometida’.

Nos seguintes capítulos da obra, os autores esquecen a Breogán e pasan a contar a historia de Irlanda en sucesivas invasións cos seus reis e dinastías. Pero o caudillo de Brigantia regresa triunfal no oitavo libro, titulado ‘Milesians’.

Aquí retoman a historia dos Gaels, cando Íth, o fillo de Breogán, decide navegar ata aquela illa verde que albiscou desde a torre de Brigantia. O caudillo é recibido por tres reis, pero é asasinado por atacantes descoñecidos e os seus homes deben regresar a Brigantia.

Aquí chega a conquista definitiva. Os Gaels deciden partir cunha poderosa frota para vingar a morte de Íth. Son coñecidos como os Milesians. Os Gaels procedentes de Brigantia conquistan Irlanda tras sucesivas batallas. E mesmo aparecen momentos máxicos, entre eles cando asinan unha tregua e pasan tres días a bordo das súas naves a unha distancia de nove ondas da costa. Os seus inimigos convocan un gran vento que lles impedirá navegar de regreso a terra. Pero uno dos Gaels, Amergin, calma o vento recintando un verso. Finalmente, os Gaels regresan e toman o control definitivo de Irlanda.

A lenda de Breogán e dos Gaels que une Galicia con Irlanda está no ‘Libro das Invasións’ que tamén forma parte do patrimonio ideolóxico mítico galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

De herexe a referente: homenaxean o xeógrafo Pérez Alberti pola súa traxectoria

O catedrático e investigador leva décadas viaxando polo mundo para comprender os procesos que mudan as paisaxes

Identificadas as catro candorcas que entraron na ría de Arousa

Os exemplares corresponden á avoa Toñi, matriarca do grupo, o macho Pingu, e as femias Gnomo e Gladis Estrela

Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo