Venres 19 Abril 2024

Timanfaya, a erupción sen fin que transformou Lanzarote no XVIII

A paisaxe creada polos volcáns da illa canaria forma un auténtico museo xeolóxico

“O 1 de setembro (de 1730) entre as nove e dez da noite a terra abriuse de súpeto preto de Timanfaya, a dúas leguas de Yaiza. Na primeira noite unha enorme montaña elevouse do seo da terra e do ápice eleváronse chamas que continuaron ardendo durante nove e dez días”. Deste xeito describía o párroco de Yaiza, Andrés Lorenzo Curbelo, o inicio das erupcións no sur de Lanzarote que se prolongaron durante seis anos e que deron lugar ao actual parque nacional de Timanfaya, un auténtico museo xeológico ao aire libre que amosa os efectos daquela tormenta de fogo que asolou case a cuarta parte da illa canaria.

Lagoa Verde, situada na zona de El Golfo.

A recente erupción do volcán de Cumbre Vieja na illa de La Palma, que se prolongou durante tres meses, tivo os efectos que todos vimos polas retransmisións en vivo, pero hai tres séculos ocorreu un fenómeno máis longo e transformador, con erupcións de distintos volcáns durante seis anos e cuns efectos devastadores que aínda se poden apreciar hoxe. A zona conta cun elevado nivel de protección e á área central do parque so se pode acceder nun autobús turístico e sen pousar pé en terra.

Publicidade

As erupcións en Timanfaya comezaron no Volcán del Cuervo, que hoxe é o destino dunha das diversas rutas de sendeirismo que se poden facer na illa. Nas semanas posteriores, segundo a testemuña do párroco de Yaiza, a lava estendeuse polo val e —como ocorreu na Palma— acabou por chegar ao mar. Nos meses e anos posteriores entraron en erupción case todos os volcáns que da zona, ata un total de 25. O resultado final é que practicamente cuarta parte da illa está cuberta polo material expulsado polos volcáns do sudoeste de Lanzarote. As erupcións arrasaron a zona e obrigaron a desprazar a boa parte da poboación do sur da illa naqueles tempos.

Seis anos de erupcións

Despois destes seis anos que transformaron a illa no que é hoxe, non se rexistraron novas erupcións ata case un século despois. A finais de xullo de 1824 rebentou un volcán na zona de Tiagua e nos tres meses seguintes naceron novos volcáns na área, os de Tao, Volcán Nuevo del Fuego e Tinguatón. Este novo acontecemento eruptivo tivo moitas menos consecuencias que o anterior e durou ata finais de outubro.

Dende hai case dous séculos non se rexistran novas erupcións en Lanzarote, pero a evidencia de que a actividade volcánica prosegue a sinten os turistas que se achegan ata o restaurante El Diablo, deseñado polo artista César Manrique na zona do illote Hilario, que comproban que a temperatura do solo segue sendo moi elevada a poucos metros da superficie. Os guías turísticos prenden mato co calor da terra ou verten auga en buratos para provocar columnas de vapor. Así demostran que as chamadas montañas de fogo o seguen sendo.

As semellanzas coa paisaxe lunar ou de Marte é evidente para calquer visitante. Apenas se albisca vexetación máis alá dos liques sobre as rochas e a vida animal tampouco e fácil de apreciar, xa que a maior parte das especies que habitan na zona son insectos pequenos. As aves e mesmo coellos non son fáciles de ver, polo menos durante o día.

O tipo de terreo existente en Timanfaya, case único no mundo, levou a Axencia Espacial Europea a empregalo para adestramentos de astronautas xa hai tempo. De feito, a NASA bautizou co nome de Timanfaya a zona na que aterrou o rover Perseverance o pasado ano en Marte, dadas as semellanzas desa área volcánica do planeta roxo co Parque Nacional de Lanzarote.

A NASA bautizou co nome de Timanfaya a zona na que aterrou o ‘Perseverance’ en Marte

Os puntos de interese para os afeccionados á xeoloxía non terminan en Timanfaya. A poucos quilómetros atópanse zonas como El Golfo e Los Hervideros, que están en terreos formados con restos volcánicos tralas erupcións do século XVIII. A paisaxe na zona de El Golfo e verdadeiramente dunha beleza estrana, cunha lagoa de color verde preto do mar pola alta presenza de xofre na auga. Esta zona atópase dentro do parque nacional Los Volcanes.

Hai que lembrar que a illa de Lanzarote é a que máis días de erupción rexistra na serie histórica das Canarias cun total de 2.141, o que supón máis do 75% dos rexistrados en total en todo o arquipélago

Visita á illa La Graciosa

Pero ademais do tesouro xeolóxico que supón a área de Timanfaya e a súa contorna, Lanzarote ofrece moitas outras posibilidades aos interesados no turismo científico. Cara ao norte e moi recomendable desprazarse ata o porto de Órzola e tomar alí un barco que en apenas 30 minutos deixará ao viaxeiro na oitava illa das Canarias, La Graciosa.

Esta illa é parque natural e reserva da biosfera e apenas conta con dous núcleos poboados, Caleta de Sebo e Pedro Barba. Dende o primeiro deles, onde chegan os barcos, é posible realizar excursións a pé, en bicicleta ou en 4×4 por toda a illa, que pode percorrerse por completo en bicicleta facendo algunhas paradas nas praias e outros puntos de interese en poucas horas.

Trátase dunha paisaxe totalmente diferente á que podemos ver en Timanfaya, xa que aquí o terreo e máis areoso. La Graciosa e os outros illotes que forman o chamado arquipélago Chinijo tamén son de orixe volcánico e naceron durante o Pleistoceno como resultado de erupcións de tipo hidromagmático. Lanzarote e os pequenos illotes que a rodean conforman un paraíso para os interesados no turismo científico, en xeral, e na xeoloxía, en particular.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas