Ano 1978. A paleontóloga Mary Leakey e o seu equipo descobren cinco pegadas consecutivas no xacemento de Laetoli, en Tanzania. As pisadas pertencían a unha especie descoñecida pero que, sen dúbida, camiñaba sobre dúas pernas. Este descubrimento proporcionou as probas máis antigas de bipedismo en homínidos, atribuídas naquel momento a un Australopithecus afarensis. Non obstante, tan só dous anos antes, en 1976, escavárase outro conxunto de pegadas misteriosas, próximo ao anterior. Mais naquel momento descartouse que fosen pisadas humanas e determinouse que poderían pertencer a un oso. Mais o debate estaba servido e non todos os expertos estaban de acordo.
Nos anos 80, un dos membros do equipo de Mary Leakey, o xeólogo Dick Hay, datou as pegadas descubertas en 1976 —atopadas nun xacemento denominado A— en 3,7 millóns de anos de antigüidade. Agora, unha recente investigación publicada na revista Nature determina que esas pegadas descubertas en 1976 si foron feitas por un humano primitivo e bípedo. Así o constata unha escavación recente levada a cabo tamén en Laetoli grazas a un análise comparativo detallado.
Técnicas en 3D
Para iso, un equipo de traballo internacional desprazouse ata Tanzania en xuño de 2019. Alí volveron escavar e limpar por completo as pegadas descubertas a finais dos anos 70. E alí mesmo identificaron que esas pisadas fósiles foron feitas por un homínido. Para iso, mediron, fotografaron e escanearon as pisadas en 3D. Posteriormente, comparáronas con outras especies, como as dos chimpancés (Pan troglodytes) e as dos osos negros (Ursus americanus). Para iso, traballaron en colaboración cun centro de rescate e rehabilitación de osos negros salvaxes e analizáronse máis de 50 horas de vídeo nas que estes animais camiñaban. E aí determinaron que era pouco probable que as pegadas pertenceran a esta especie.
Compararon as pegadas do sitio A con outros homínidos, chimpancés e osos negros
“Cando os osos camiñan, dan pasos moi amplos, tambaleándose cara a adiante e cara a atrás”, di o autor principal do artigo, Jeremy DeSilva, nunhas declaracións ao portal científico Eurekalert. “Non poden camiñar cun paso similar ao das pegadas do Sitio A, xa que a súa musculatura da cadeira e a forma do xeonllo non permiten este tipo de movemento e equilibrio”, sinala. Polo tanto, os talóns dos osos estréitanse e os seus dedos e pés teñen forma de abano, mentres que a dos primeiros humanos son cadrados e xa teñen un dedo gordo prominente. Aínda así, as pegadas do Sitio A pertencen a alguén que camiñaba a “paso cruzado”. É dicir, cruzando unha perna sobre outra.
Un paso cruzado
“Aínda que os humanos non adoita camiñar con pasos cruzados, este movemento pode ocorrer cando un está tratando de restablecer o equilibrio”, apuntan os investigadores. “As pegadas do Sitio A poden ser o resultado dun homínido camiñando por unha área dunha superficie desnivelada“, engaden, tratando de explicar o tipo de paso atopado.

A maiores de todo o anterior, os investigadores tamén compararon estas marcas atopadas no Sitio A coas do xacemento de 1978, cunhas pegadas atribuídas ao Australopithecus afarensis. Cotexaron as proporcións do pé, a morfoloxía e a forma de andar, e os resultados determinaron que as pegadas do Sitio A son distintas das dos outros xacementos. “A través desta investigación, agora temos evidencia concluínte de que as pegadas do Sitio A de que había diferentes especies de homínidos camiñando bípedos neste paisaxe pero de diferentes maneiras e en diferentes pés”, engade DeSilva. Isto demostra que, ata o momento, se descoñecía a gran diversidade de homínidos da época.
Referencia: Footprint evidence of early hominin locomotor diversity at Laetoli, Tanzania. (Publicado en Nature).