O mar Mediterráneo non sempre foi o mar Mediterráneo. Durante a era dos dinosaurios, hai entre 230 a 66 millóns de anos, era un complexo arquipélago tropical composto por centos de illas. A comunidade científica consideraba que a maioría desas illas eran tan pequenas que sería complicado que puidesen albergar poboacións de grandes saurios. Pero un novo estudo dun equipo internacional liderado polo investigador do grupo Mapas Lab, que forma parte do CIM-UVigo, Alfio Alessandro Chiarenza, achega novas evidencias que poderían demostrar que non era así.
Este grupo, do que forman parte tamén investigadores do Field Museum of Natural History de Chicago e das universidades de Trieste, Boloña e Toronto, vén de publicar un artigo na revista Scientific Reports con novos datos sobre o primeiro xacemento en Italia que alberga múltiples esqueletos de dinosauros. Atópase no norte do país, na beira do Adriático, en concreto en Villaggio del Pescatore, no municipio de Duino-Aurisina. Todos os esqueletos de dinosauro atopados están preservados de forma excepcional e pertencen a Tethyshadros insularis, unha especie de hadrosaurio de pico de pato. “Son os restos de dinosaurio máis grandes e completos escavados en Italia”, como explica Chiarenza, que engade que no xacemento tamén se atoparon peixes, crocodilos e pterosaurios.
Novas hipóteses
Estes descubrimentos en Villaggio del Pescatore permitiron a este equipo internacional reescribir algunhas hipóteses sobre como eran os ecosistemas terrestres naquelas illas do arquipélago mediterráneo. Os científicos explican que ata agora críase que as poboacións de grandes animais que habitan illas durante un longo período de tempo tenden a diminuír o seu tamaño, un cambio propiciado, seguramente, pola ausencia de predadores e a maior escaseza de recursos, explican.
Todos os esqueletos atopados están preservados de forma excepcional
De feito, anos atrás no xacemento de Villaggio del Pescatore atopouse un espécime moi pequeno de Tethyshadros, bautizado como Antonio, que levou os investigadores a interpretalo como un caso de ananismo insular. Non obstante, os novos espécimes atopados, por exemplo o bautizado como Bruno, de tamaño moito máis grande, “confirman que Antonio era en realidade un individuo inmaduro e que estes hadrosaurios non sufriron un proceso de miniaturización como se pensaba antes”, explica Matteo Fabbri, coautor do artigo.
Unha reconstrución do Mediterráneo diferente
Ademais do achado de exemplares de maior tamaño, este equipo multidisciplinar tamén puido datar o xacemento con maior precisión. “Cuns 80 millóns de anos, esta nova idade abre a porta a que o ecosistema preservado en Villaggio del Pescatore pertencera a unha península conectada con outras partes de Europa e Asia”, sinala Juan López Cantalapiedra, investigador da Universidad de Alcalá e coautor do artigo. E é que tanto a evidencia xeolóxica como paleontolóxica debuxa unha reconstrución do Mediterráneo diferente á que se tiña.
Tanto é así, que Chiarenza lembra que cando era neno lle explicaron que no seu país non podía haber restos de dinosauros dado que, naquela época, estas zonas estaban somerxidas na súa maioría e as únicas terras emerxidas eran principalmente pequenas illas afastadas dos principais continentes e non aptas para o sustento de animais grandes. “Agora, con este estudo, demostramos que non só se atoparon manadas enteiras destes animais, senón tamén que a área na que se atoparon, no que agora é o nordeste de Italia, era unha terra fronte a un vasto océano pero conectada con Europa occidental e Asia”.
Isto significa que esta rexión non só estaba salpicada de illas, “senón que as linguas de terra emerxida conformaban certas rutas migratorias que permitiron a grandes animais terrestres, como os dinosauros, chegar ao que hoxe é Itali””, remarca o coautor Federico Fanti. Polo tanto, os restos atopados en Italia e os resultados obtidos nesta investigación terán un papel moi relevante na reinterpretación de aquel antigo arquipélago e as súas faunas e na “avaliación de hipóteses científicas interesantes sobre estes animais e os seus ecosistemas”, engade Chiarenza.
Futuro investigador Juan de la Cierva
Alfio Alessandro Chiarenza uniuse ao grupo Mapas Lab, liderado pola investigadora Starting Grant Sara Valera no mes de marzo de 2021 cun contrato de posdoutoramento ERC. En febreiro tomará posesión dunha bolsa Juan de la Cierva Incorporación, un logro polo que se amosa moi satisfeito, dada a alta esixencia da convocatoria. “Isto será moi importante para min e permitirame seguir traballando no grupo liderado por Sara Valera, pero tamén contribuirá a facer medrar o laboratorio e expandir a nosa investigación sobre novas preguntas arredor de vidas pasadas e a evolución do noso planeta”.
Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.