Helena nunca estivo en Troia: un estudo revela unha versión alternativa da obra de Eurípides

A investigadora Francisca Gómez Seijo combate a visión da 'Ilíada e da Odisea', que consideran a protagonista como culpable da guerra entre gregos e troianos

No 412 a.C., oito anos antes de que rematara a Guerra do Peloponeso entre Esparta e Atenas, representábase nesta última cidade a traxedia Helena do dramaturgo grego Eurípides, unha das 18 que chegou ata nós de case un cento de obras que se lle atribúen. O argumento ofrece unha versión alternativa á dos poemas épicos Ilíada e Odisea atribuídos a Homero, segundo a cal o rapto da esposa do rei espartano Menelao, Helena, polo príncipe troiano Paris foi a orixe da Guerra de Troia. O texto de Eurípides, que agora analiza a doutora Gómez Seijo no ensaio Rescatando a Helena, conta que esta foi levada a Exipto polo mensaxeiro dos deuses, Hermes, e que a que levou Paris era en realidade unha pantasma, unha imaxe feita de aire creada por Hera, en vinganza polo episodio do xuízo no que o príncipe troiano escolle a Afrodita fronte a ela.

A versión da pantasma, explica a investigadora, xa estaba presente na obra do poeta grego Estesícoro (630 a.C-555 a.C.), e a obra de Eurípides fora analizada ata o de agora cun enfoque filosófico, por presentar a dicotomía entre aparencia e realidade, amosando o difícil que é distinguir o que parece real do que o é. O ensaio, que publica a editorial alemá De Gruyter, estuda a representación dramática e as emocións que puido provocar nun auditorio maiormente iletrado composto tanto por atenienses como por foráneos e que quizais soamente vería unha traxedia teatral unha vez na súa vida.

Publicidade

Francisca Gómez Seijo, colaboradora do Grupo de Investigación Estudos Clásicos e Medievais da USC e profesora de Latín e Grego no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, sinala que a de Eurípides era unha obra pacifista que se estrea no Teatro de Dioniso ateniense cando aínda non rematara a Guerra do Peloponeso e que suporía unha auténtica “experiencia emocional” para as persoas que a viran, converténdoa nunha das obras máis exitosas de Eurípides, quen foi autor doutras como Hipólito, Medea ou Andrómaca.

Segundo o texto do dramaturgo, Helena, “que era considerada a muller máis bela do mundo”, nunca amou a Paris nin fuxiu voluntariamente con el. En realidade, a guerra de Troia librouse por unha pantasma coa mesma aparencia física que a Helena real, que estaba retida en Exipto por vontade de Zeus. Cando Menelao retorna a Esparta tras a guerra de Troia, coa que cre que é a súa esposa, o seu barco naufraga en Exipto e el adéntrase en terra e no camiño atópase coa Helena real; ela recoñéceo pero el négase a crer que sexa a súa esposa, ata que chega desde a costa un escravo mensaxeiro que lle conta que a Helena do barco era unha pantasma que se despediu dos mariñeiros e que se esvaeceu no aire, co cal Menelao finalmente comprende todo o sucedido.

Fronte ás análises filosóficas da traxedia realizadas anteriormente, no ensaio Rescatando a Helena. Caracterización de Helena na traxedia homónima de Eurípides, a doutora Gómez Seijo analiza os recursos dramáticos empregados polo poeta, do que salienta que “acada o máximo potencial de conflito do personaxe”, logrando que as palabras e accións de Helena conmoveran o público orixinal da obra.

1 comentario

  1. Estas historias mesturan mitos e
    argumentos que non sempre son
    reais …
    Aquiles , Hercules , eran semidioses e xa que logo habería que facer os
    argumentos adaptados os personaxes , pero segundo o literato de turno habería diversas variantes …

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC e da UVigo crea unha maqueta virtual interactiva para imaxinar o futuro de Galicia

O proxecto do CISPAC crea unha paisaxe alternativa vertebrada en catro eixos temáticos: a comunidade, o hábitat, a enerxía e a alimentación

Os segredos dos 21.000 pelos: un estudo revela a través do ADN o comportamento social do oso pardo

A tese de Esther Valderrábano confirma o bo estado sanitario da poboación cantábrica, que conta con arredor de 400 exemplares

Unha IA para formar terapeutas: así é o proxecto galego que xera sesións de psicoterapia sintéticas

Un equipo do CiTIUS (USC) e da Universidade de Michigan presenta a iniciativa ROGERS, que xa está validada por profesionais do sector

Un novo recurso didáctico creado na USC conecta o patrimonio musical galego co Camiño de Santiago

O material reúne dez arranxos de música do percorrido francés e propostas para traballar este repertorio das aulas de Primaria e Secundaria