Mapas na aula alén do mar. Fonte: Mupega.
Mapas na aula alén do mar. Fonte: Mupega.

Museo Pedagóxico de Galicia: unha viaxe pola aventura do saber

O edificio, situado no barrio compostelán de San Lázaro, ten por obxectivo a conservación e divulgación da memoria educativa

Na Avenida de San Lázaro, en Santiago de Compostela, atópase o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O museo ten como obxectivo principal a conservación e difusión do patrimonio pedagóxico galego, así como a promoción de proxectos para a recuperación da memoria educativa.

O museo conta cun total de tres plantas, nas que se distribúen exposicións de carácter permanente ou temporal, así como as áreas interactivas e a peza do mes. Dende o seu nacemento, no ano 2000, o Mupega recibe arredor de 10.000 visitas ao ano. “Algúns anos hai máis visitas e outros menos, pero a cifra media está aí”, explica Susana Alonso Lorenzo, asesora técnica do museo. Desvela tamén que non está exposto nin o 9% do material do que dispón o museo: “Ao ser un museo público, recibimos obxectos de todos os centros educativos, ademáis das doazóns da xente”.

Aula antiga interactiva

Na planta baixa atópase unha das áreas máis aclamadas polo público: a aula obradoiro, onde os e as visitantes poden representar unha clase antiga e adoptar distintos roles; dende o mestre, no seu escritorio, ata os alumnos e alumnas, con pequenos encerados e pizarrillos como único instrumento de escritura.

Susana Alonso explica que o carácter interactivo esperta moito interese, especialmente entre as persoas de terceira idade e os colexios e institutos que acoden en visitas escolares. Estes últimos tamén se mostran cautivados pola colección de xoguetes antigos, especialmente do futbolín: fascínalles descubrir que unha peza tan coñecida foi inventada por un galego exiliado en Madrid durante a Guerra Civil, para que tódolos nenos feridos poideran xogar ao fútbol.

Nesta planta atópase tamén unha copia da Carta Xeométrica de Galicia elaborada por Domingo Fontán entre 1817 e 1834: o primeiro mapa físico elaborado con criterios científicos e matemáticos, que recolle un total de 8.533 topónimos.

Alternativas educativas

As escaleiras que conectan as plantas están decoradas con fotografías de distintos institutos e escolas de municipios das catro provincias ao longo do século XX. Este treito lévanos á segunda planta, coa exposición infantil de xogos e xoguetes, as escolas de alén do mar, a aula da Transición e a zona de exposicións temporais. Dende o 18 de febreiro é “Homo sapiens, transmisor de coñecemento”, a que ocupa esta área.

Trátase dun percorrido pola evolución do ser humano como investigador ao longo da historia, a través de 42 pezas de carácter científico, artístico ou didáctico que conforman unha gran parte do patrimonio histórico, custodiado polos Institutos Históricos de Galicia.

Por outra banda, nesta planta, aínda que sen abandonar a ensinanza, avánzase cara aos seguintes niveis: o ensino secundario e as primeiras ramas da Formación Profesional, da man da Rede Mupega, formada polo fondo patrimonial dos Institutos Históricos de Galicia.

 

Neste sentido, cóntase cun laboratorio de ciencias clásicas equipado e detallado, onde reside, segundo explica a asesora técnica, unha das pezas estrela do Mupega: un planetario esférico do ano 1930 que, a pesar da súa antigüidade, previa ao desenvolvemento dos modernos sistemas de observación do universo, representa á perfección o movemento do Sistema Solar.

As escolas alén do mar represéntase mediante unha aula que recrea o ensino nas comunidades indíxenas americanas, que conta cun moble que recompila as coñecidas historias de Saturnino Calleja.

A educación especial tamén ten o seu oco no Mupega: no segundo andar recompílanse nas vitrinas unha serie de obxectos pedagóxico-didácticos que se empregaron dende mediados do século XIX, cando xorde o concepto de Educación Especial, na educación das persoas con algún tipo de diversidade funcional.

 A historia de España a través das aulas

A través de cinco aulas situadas nas distintas plantas, realízase un percorrido polo século XX da historia de España. Analízase a evolución política e social, a través tanto das aulas como de distintos obxectos conservados e expostos en vitrinas. A aula da Transición democrática é a que maior emoción esperta entre as persoas que estudaron naquela época, e a máis parecida ao modelo actual.

OMuseo Pedagóxico pode visitarse na Rúa San Lázaro nº107, en Santiago de Compostela, de martes a venres entre as 10 a 15 e de 16 a 19 horas. O sábado abre de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00; os luns, domingos e festivos permanece pechado. Aínda que se non tes a posibilidade de acudir de xeito presencial, podes realizar unha visita virtual polas instalacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.