Un silencio pétreo tinguiu a madrugada do 4 de xaneiro de 1656. Arredor de 650 almas foron as desafortunadas testemuñas dun terrible naufraxio nas augas das Bahamas. A maioría dos tripulantes morreron durante a noite e moitos outros foron devorados por tiburóns. As cifras dan conta da desgraza: tan só sobreviviron 45 persoas. O galeón no que viaxaban, Nuestra Señora de las Maravillas, formaba parte da frota española que partía das Américas rumbo a Sevilla cargada cun incualificable tesouro. Non só transportaba lingotes de prata, cerámica e ouro, senón tamén xoias de altísimo valor e cunha forte conexión con Galicia. A última expedición na zona do naufraxio, cuxos resultados se deron a coñecer nas últimas semanas, rescatou colgantes coa Cruz de Santiago e outras pezas xacobeas.
Un dos obxectos de maior valor está composto por unha pedra bezoar de orixe india que antigamente, en Europa, era moi valorada polas súas propiedades curativas. Segundo apuntan nunha reportaxe publicada polo xornal The Guardian, a pedra ten forma de cuncha de vieira, o símbolo indiscutible da peregrinaxe a Compostela. Ademais, está integrada nun colgante de ouro coa Cruz de Santiago. Ao parecer, este achado está intimamente vinculado coa Orde de Santiago, unha institución de carácter militar e relixioso que participaba activamente no comercio marítimo e se encargaba de protexer os peregrinos.
Amais desta peza, outra das xoias xacobeas que rescatou o equipo de Allen Exploration —a empresa encargada de realizar os traballos arqueolóxicos nas Bahamas— foi outro colgante, tamén de ouro e coa Cruz de Santiago, que mostra unha gran esmeralda ovalada. Esta pedra preciosa está enmarcada por outra ducia de esmeraldas, neste caso cadradas. Segundo a versión ofrecida por The Guardian, poderían estar simbolizando os doce apóstolos.
Unha expedición con fins científicos
As dúas pezas, dun total de catro, contan cunha clara vinculación xacobea e son algúns dos obxectos máis prezados e rechamantes dos últimos traballos arqueolóxicos levados a cabo na zona do naufraxio. Mais o interese polo Maravillas non é recente, senón que se remonta ao momento do seu afundimento. De feito, dende o 1656 ata o 1679, España desenvolveu dez operacións de salvamento, das que se lograron recuperar 36 cañóns de bronce e arredor de 2,9 millóns de pesos. Tamén se realizaron expedicións entre os anos 70 e 90 do pasado século. Despois, os mares permaneceron pechados ata que en 2019 a empresa Allen Exploration conseguiu unha licenza para realizar exploracións científicas. Froito do seu traballo, acaba de fundarse o Museo Marítimo das Bahamas, onde se expoñen as pezas rescatadas na última exploración.
Dende a institución, cunha exposición exclusivamente adicada ao naufraxio, poñen en valor o Maravillas e salientan a importancia da súa historia. Ao parecer, o galeón transportaba unha dobre carga: non só enviaba a España a súa propia prata, senón que tamén carreaba o valioso cargamento do barco Jesús María de la Limpia Concepción, que se afundiu fronte ás costas de Ecuador en outubro de 1654. Malia que a meirande parte do tesouro que cargaba o Maravillas foi rescatado entre 1656 e 1990, a expedición realizada por Allen Exploration ía máis alá do descubrimento das xoias aínda soterradas. O seu principal obxectivo era recuperar obxectos cotiáns, como a cerámica e as pipas de tabaco, para reconstruír a vida da tripulación que ía a bordo.
Os resultados da expedición serven para coñecer máis polo miúdo o final da Idade de Ouro en España. Con todo, non foi doado rescatar os restos. Segundo indican dende o Museo Marítimo das Bahamas, os obxectos naufragados están moi dispersos, nunha extensión aproximada de 13 quilómetros, debido ao transcorrer dos séculos. Ademais, adoitan estar escondidos baixo areas densas e arrecifes de coral mortos. Segundo Allen Exploration, o máis probable é que o castelo de popa se desprendese durante o afundimento e se afastase flotando. Polo tanto, os arqueólogos cren que os últimos descubrimentos vinculados ao Maravillas proveñen deste extremo perdido do galeón.
Por que se afundiu o Maravillas?
O desafortunado desenlace do galeón español debeuse, segundo apuntan os expertos, a un erro de navegación. Ao parecer, durante a madrugada do 4 de xaneiro de 1656, decatáronse de que estaban a navegar en augas cada vez menos profundas. Trataron de alertar ao resto da frota e, a continuación, fixeron un xiro moi brusco cara ao oeste. A arriscada manobra provocou que Nuestra Señora de la Concepción, o buque insignia que capitaneaba a frota, chocase accidentalmente contra o Maravillas. O sucesoi foi de tal brutalidade que, segundo unha información publicada pola BBC, o galeón afundiuse en tan só media hora ao norte das Bahamas, a uns 70 quilómetros da costa.
O afundimento do barco debeuse a un erro de navegación
Malia o seu nome esperanzador, o seu final non correu a mesma sorte. De feito, segundo o Museo Marítimo das Bahamas, é un dos naufraxios máis famosos da zona. Foi nomeado en honor a unha escultura da Virxe María, datada do século XIII, que se atopa nun convento de Madrid. A breve historia do galeón comezou en 1639, durante a súa construción. Uns anos despois cruzou o Atlántico rumbo a América do Sur. E foi xustamente na súa viaxe de regreso a España cando se afundiu nas Bahamas en 1656 cargado un tesouro xacobeo de altísimo valor, que quedou soterrado baixo as aguas durante máis de 360 anos.
As pezas, expostas nun museo
Agora, as pezas rescatadas descansan no Museo Marítimo das Bahamas para que o público poida acceder á contemplación de tan valioso tesouro. Máis alá das xoias, do ouro e da prata, poden observarse obxectos cotiáns ou imprescidibles para a navegación como un astrolabio de bronce, xarróns españois e pezas de cerámica chinesa e mexicana. A raíz destes descubrimentos, o equipo está a investigar se eran os oficiais e pasaxeiros os únicos que comían con estes artigos de luxo ou tamén o facían os mariñeiros baixo cuberta. Tamén se atopou a empuñadura dunha espada, un anel de perlas e dúas botellas de viño de cristal. Pénsase que as moedas de prata e ouro, así como as esmeraldas e as amatistas, eran envíos ilegais de contrabando non autorizados pola Coroa española.
Malia a cantidade de obxectos rescatados, o labor de investigación continúa. Allen Exploration analizou detidamente os arquivos sobre o Maravillas, e comparounos cunha base de datos que contén máis de 8.800 obxectos magnetométricos. A hipótese principal é que o castelo de popa se desprendeu en 1656 e afastouse flotando. Por iso, o traballo do equipo arqueolóxico está agora centrado en explorar o rastro que deixou esta parte do barco e que é o que puido estar almacenado nel. Aínda que durante case 400 anos se intentou rescatar o tesouro do Maravillas, con expedicións exitosas ao longo dos séculos, o mar é un gran aliado do esquecemento. A saber que tesouros xacobeos seguen a estar escondidos baixo as profundas augas das Bahamas.