A historia foi gris durante moito tempo, e iso segue notándose. As páxinas escribíronse con nome de home, mentres as mulleres aparecían, na maioría das veces, en notas á marxe ou en circunstancias excepcionais, afastadas como estaban das decisións que marcaron o rumbo das cousas. Mais as páxinas poden correxirse ás veces coa memoria, e darlles cor, e niso traballa desde hai máis de cinco anos o proxecto Do gris ao violeta, unha iniciativa do Concello de Pontevedra para devolverlles o espazo merecido.
Resulta complicado citar nomes, por risco de esquecer outros moitos. Mais historias como a de Ernestina Otero, Isolina Villaverde, a Señorita Carmiña, Josefina Arruti, Amalia Álvarez, Carme Rey Freijanes (Carme a da Bandeira), Juana Otero, Regina Filgueira Monteagudo (Regina do Batán) ben pagan a pena de seren rescatadas do esquecemento e hoxe ocupan o seu lugar na rede grazas ao inxente traballo de compilación realizado desde o concello.
Foi en decembro de 2013 cando botaba a andar Do gris ao violeta, coa arela de construír un fondo documental que lle puxera nomes, apelidos e rostro a estas historias. Despois de moitas entrevistas, conversas, participación cidadá e actos públicos, o arquivo da memoria feminina da cidade conta xa con máis de 200 biografías de mulleres de diversos eidos.
Toda a documentación (que pode consultarse en dogrisaovioleta.gal) recolle as biografías en tres grupos principais, segundo explica Montse Fajardo, que forma parte do equipo que coordina o proxecto: “Están as traballadoras, as mulleres que coas súas mans e o seu esforzo fixeron posible que moita xente saíra adiante; as creadoras e pioneiras, que destacaron por abrir o camiño en determinadas disciplinas; e as represaliadas e resistentes, as que ou ben sufriron directamente a barbarie franquista ou ben, grazas á dignidade, resistiron e subsistiron en familias tronzadas pola represión”.
Entre os obxectivos, alén da compilación de arquivos, imaxes e testemuños audiovisuais arredor destas figuras, estase a promover a participación dos centros educativos da cidade e outros axentes sociais, que se teñen implicado activamente no proxecto desde os comezos. Así, grazas ao uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación, Do gris ao violeta transmite tamén ás xeracións máis novas a relevancia das mulleres para a historia da cidade na que viven.
O espazo público
Alén da rede, o concello tamén decidiu que estas figuras estiveran presentes nas rúas polas que camiñan todos os días os cidadáns. Así, en 2015, no marco das actuacións Do gris ao violeta, un acordo plenario propuxo o uso de nomes de mulleres para denominar vías urbanas (rúas e prazas), parques, xardíns e edificios públicos da cidade, ademais de murais, rótulos, placas conmemorativas e esculturas pola cidade e as parroquias rurais do concello.
Do mesmo xeito, organízanse de forma periódica roteiros temáticos nos que se percorren os mesmos lugares que, cada unha no seu tempo, cambiaron a historia, aínda que fose un pouquiño, e pintaron o gris de violeta.