Confirmado: os neandertais xa tiñan capacidade simbólica

Arqueólogos españois descobren que os cranios de grandes herbívoros atopados no xacemento de Pinilla del Valle, en Madrid, foron usados como trofeo

No xacemento atoparon cranios de rinoceronte da especie
No xacemento atoparon cranios de rinoceronte da especie "Stephanorhinus hemitoechus". Crédito: CENIEH

A Comunidad de Madrid atesoura no Val dos Neandertais, situado en Pinilla del Valle, un dos achados arqueolóxicos máis excepcionais dos últimos anos que confirmaría a capacidade simbólica dos neandertais.

Así se desprende do estudo iniciado hai 14 anos polo equipo de investigación dos xacementos que integran este espazo, que lideran o arqueólogo Enrique Baquedano; o paleontólogo Juan Luis Arsuaga, director científico do Museo da Evolución Humana e codirector dos xacementos de Atapuerca (Burgos), e o xeólogo Alfredo Pérez-González e cuxas conclusións publicou a revista Nature Human Behaviour.

En concreto, a investigación céntrase no xacemento arqueolóxico neandertal da Cueva Des-Cubierta de Pinilla del Valle. Localizada no ano 2009, trátase dunha longa galería de cova cos teitos caídos, é dicir, que non conserva a súa cuberta orixinal. Nela recuperouse un conxunto excepcional de cranios de grandes herbívoros asociados algún deles a pequenos lumes.

Todos os cranios deste santuario de caza foron preparados polos neandertais seguindo un mesmo patrón

Entre os restos destacan os bisontes (Bison priscus), os uros (Bos primigenius), cervos (Cervus elaphus) e dous de rinocerontes da especie Stephanorhinus hemitoechus, que foron preparados polos neandertais seguindo un mesmo patrón: quitándolles a mandíbula e o maxilar superior, consumindo os miolos, e deixando a parte do cranio cos cornos ou hastas a modo de trofeo de caza.

Ademais, segundo a investigación, esta mesma actividade mantívose ao longo de, polo menos, varias xeracións, o que introduce o concepto de tradición cultural que pasaría de xeración en xeración. Xunto a eses cranios apareceron utensilios líticos musterienses, típicos dos neandertais, así como engras.

Segundo os expertos, este comportamento dos neandertais de hai algo máis de 40.000 anos non está relacionado con actividades de subsistencia senón máis ben con outras que lanzan luz sobre aspectos bastante descoñecidos para esta especie de hominino: as súas capacidades simbólicas, ata o de agora só atribuídas á nosa especie.

Os traballos de investigación no xacemento da localidade madrileña mantivéronse durante 14 anos. / CENIEH

Un atributo intelectual compartido cos sapiens

Doutra banda, non existe ata o de agora ningún outro xacemento arqueolóxico en todo o territorio neandertal cun conxunto similar ao de Pinilla del Valle, o que converte á Cueva Des-Cubierta nun lugar excepcional que abre portas a un novo concepto sobre esta especie de hominino e cuestiona o noso papel como único sapiens na evolución da vida no planeta.

Ata o de agora, a nosa especie considerouse como a única con capacidade para atribuír conceptos aos símbolos, unha teoría que, a partir dos achados de Cueva Des-Cubierta obriga a compartir ese atributo intelectual cos neandertais.

Desde que en 2002 comezase a investigación polo actual equipo de investigación no Calvero de la Higuera de Pinilla del Valle, zona arqueolóxica protexida como Ben de Interese Cultural (BIC), todos os veráns, ao longo de polo menos un mes, lévanse a cabo as escavacións que permitiron dar conta deste achado.

Os xacementos de Pinilla del Valle son un dos enclaves máis importantes para coñecer os modos de vida dos neandertais

A Cueva Des-Cubierta, xunto coa próximas Cueva del Camino, Abrigo de Navalmaíllo e Cueva de la Buena Pinta constitúen os únicos xacementos da Comunidad de Madrid onde se atoparon restos fósiles de homininos. A súa análise está a permitir desentrañar as claves do comportamento de Homo neanderthalensis. Ademais, no xacemento de Cueva Chica, descuberta en 2021, está a estudarse aos primeiros Homo sapiens europeos, os cromañóns.

Modos de vida e formas de interacción co medio

Con esta investigación confírmase que os xacementos de Pinilla del Valle son un dos enclaves máis importantes para coñecer os modos de vida e formas de interacción co medio dos neandertais.

O Parque Arqueolóxico do Val dos Neandertais, aberto ao público pola Comunidad de Madrid desde o ano 2015, e que se reabrirá o próximo día 1 de abril, permite aos visitantes coñecer in situ tan particular sitio arqueolóxico.

O Museo do Val dos Neandertais será inaugurado en 2025, unha vez se desenvolva o proxecto museográfico

A Comunidad construíu o futuro Museo do Val dos Neandertais, promovido polo Museo Arqueolóxico e Paleontolóxico da Comunidad de Madrid, cuxa obra finalizou e que será inaugurado en 2025 unha vez se desenvolva o proxecto museográfico. Alí poderase contemplar parte dos achados procedentes das escavacións (orixinais e réplicas).

Desde 2002, polos xacementos de Pinilla del Valle pasaron centos de estudantes e investigadores procedentes de todas as universidades españolas e de numerosos centros de investigación e universidades estranxeiras. É unha das maiores escolas de arqueoloxía de campo sobre Evolución Humana.


Referencia: A symbolic Neanderthal accumulation of large herbivore crania (Publicado en Nature Human Behaviour)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.