Imaxes de satélite para detectar con rapidez mareas vermellas nas rías galegas

Investigadoras do CSIC deseñan unha nova metodoloxía con fotografías de Sentinel-2 para controlar as proliferacións de algas potencialmente nocivas

Un equipo do CSIC desenvolveu unha metodoloxía que permite, empregando imaxes de satélite, controlar e detectar dous organismos microscópicos causantes de mareas vermellas nas rías galegas. No estudo, publicado en Science of the Total Environment, observaron os dinoflaxelados (organismos unicelulares que forman parte do microplancton) Noctiluca scintillans e Alexandrium, cuxa presenza pode significar a aparición de toxinas na zona.

“A importancia desta investigación radica no arranque dunha metodoloxía nova para detectar mediante os satélites Sentinel-2 e en tempo case real as floracións de algas con detalle, incluídas especies nocivas que, en Galicia, debido á acumulación das súas toxinas no marisco, ocasionan danos a sectores como a acuicultura ao supoñer un risco para a saúde humana e animal”, explica Isabel Caballero de Froitos, investigadora do CSIC.

Publicidade

“O uso das imaxes satelitais servirá para a alerta temperá e o mellor seguimento de episodios tóxicos”

AMÀLIA MARIA SACILOTTO, investigadora do CSIC

A formación de mareas vermellas é un fenómeno natural, que en ocasións pode alertar sobre floracións de algas nocivas (FANs), como é o caso dalgunhas especies de Alexandrium. As biotoxinas expoñen un problema frecuente en Galicia durante a época estival, con importantes perdas económicas no sector acuícola relacionado coa explotación de marisco en bancos naturais e cultivos. Recursos mariños como os mexillóns acumulan estacionalmente as toxinas que producen algunhas especies de fitoplancto, e se alcanzan os niveis máximos permitidos, prohíbese a súa recollida e venda ao consumidor.

Os autores do estudo insisten na necesidade de incorporar estas ferramentas de teledetección gratuítas e públicas aos programas tradicionais. Aínda que por regra xeral as mareas vermellas non adoitan ser tóxicas en Galicia, existen excepcións como a de Alexandrium no verán de 2018 nas Rías Baixas. “O desenvolvemento destas ferramentas cos satélites do programa europeo Copérnico da Comisión Europea serviranos para estar mellor preparados durante os períodos de maior risco de aparición de FANs, avanzando na alerta temperá e no seguimento de episodios tóxicos co obxectivo de lograr unha mellor xestión dos recursos mariños”, expón Amália Maria Sacilotto, investigadora do CSIC e principal autora do traballo.

Publicidade

Anos de traballo

O estudo, no que participaron investigadores do Instituto de Ciencias Mariñas de Andalucía (ICMAN-CSIC), do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), combinou mostras de campo recollidas polo IEO-CSIC e IIM-CSIC con imaxes do satélite Sentinel-2 do programa Copérnico da Comisión Europea e a Axencia Espacial Europea (ESA). Desta maneira, o equipo puido identificar e cartografar con gran detalle durante os veráns de 2017 e 2021 en tres rías galegas (Vigo, Pontevedra e Corme e Laxe) as mareas vermellas de dous dinoflaxelados, Noctiluca scintillans e Alexandrium, a unha resolución espacial de 20 metros.

Grazas a isto, desenvolveron un índice espectral de detección destes organismos, que pode aplicarse tanto en Galicia como en calquera outra rexión do mundo. “Como complemento aos estudos con imaxes de satélite, é necesario recoller máis datos de campo e que a sociedade estea sempre alerta cando se produza un cambio no cor da auga do mar, para que podamos calibrar cada vez máis esta metodoloxía”, apunta Sacilotto.


Referencia: Mapping dinoflagellate blooms (Noctiluca and Alexandrium) in aquaculture production areas in the NW Iberian Peninsula with the Sentinel-2/3 satellites (Publicado en Science of the Total Environment)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

O chorro polar impulsa un episodio de calor que rozará os 40 graos en Galicia

MeteoGalicia activa avisos amarelos e laranxas por temperaturas máximas nas Rías Baixas, Ourense e o sur de Lugo