Galicia é o territorio con máis castelos derrubados do Estado

As revoltas irmandiñas arrasaron entre 150 e 200 fortificacións, marcando un punto de inflexión na súa historia

Castelos como os de Moeche, Vimianzo, Monterrei ou Soutomaior son unha inmersión na historia, patrimonio e cultura de Galicia, pero tamén son unha excepción. A nosa comunidade autónoma conserva poucos castelos en pé, liderando a lista de territorios de España con menos fortificacións en bo estado. O contraste é maior se poñemos o foco nas provincias: fronte a 10 castelos en pé en Pontevedra ou 14 na da Coruña, contabilízanse 237 en Xaén ou 198 en Guadalajara.

Porén, a realidade de hoxe en día non debe ocultar que existiu unha densa rede de casas fortes, torres de vixilancia, castelos, igrexas-fortaleza e baluartes fronteirizos espallados por todo o Reino de Galicia que falan de control territorial e de poder.

Publicidade

Multifactorial

A historia, a evolución social, os asedios, o abandono, a reutilización dos seus espazos e o saqueo de distintos elementos construtivos (muros, ornamentos pétreos, brocales…) ao longo do tempo son factores que explican a desaparición e decadencia dos castelos e fortalezas galegas, segundo apunta Ana Filgueiras Rei, arqueóloga e portavoz dá Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal).

Mais, en que momento deixou de ser Galicia unha terra de castelos, de fortificacións? O punto de inflexión remóntase ao século XV, cando as revoltas irmandiñas plantaron cara aos abusos dos señores feudais, que os abocaban á miseria e a morte. Esta revolución —a primeira contestación social organizada de Europa— arrasou entre 150 e 200 castelos e obrigou os seus propietarios a trasladarse a outras propiedades ou fuxir, sobre todo, a Castela e Portugal, en busca de acubillo.

Publicidade

Os asedios, o abandono e o saqueo son algúns dos factores que contribuíron á decadencia das fortalezas galegas

Esmagada a revolta, parte destes castelos e fortificacións foron reconstruídas. En ocasións, como no caso do de Castro Caldelas, polos derrotados, a modo de castigo exemplarizante, “xa que os señores feudais non podían tolerar unha afronta tan grave como o levantamento popular contra o poder establecido”, explica Ana Filgueiras Rei.

Ao contrario que en Europa, os castelos, torres e fortalezas en Galicia non eran grandiosas nin ostentosas. Respondían, dun xeito funcional, ás necesidades defensivas de territorios e comarcas e estaban ligadas a clans señoriais (Andrade, Moscoso, Osorio, Soutomaior, Ulloa…) que tecían e destecían alianzas, ou se enfrontaban á Igrexa (por exemplo, a mitra compostelá) ou á Coroa. Aparcada a súa funcionalidade primixenia —a defensa do territorio—, estas “vivendas” foron esmorecendo ao tempo que se abrían paso os pazos, como casas nobres e símbolos dun poder máis ilustrado.

O abandono e desaparición de castelos, torres defensivas e fortificacións non enterrou o seu legado, pois como indica Ana Filgueiras “o sentimento de arraigamento, as lendas, a tradición oral e mesmo a toponimia foron as súas salvagardas” en períodos de escuridade. 

“Boto de menos un plan xeral de consolidación de elementos, limpeza e mantemento que inclúa a contorna, camiños, fontes muíños, cruceiros…, elementos que interactúan co castelo”

Ana Filgueiras Rei, arqueóloga e portavoz de Apatrigal

Unha maior concienciación política e social impulsou e impulsa distintas iniciativas das administracións a favor da recuperación e posta en valor do noso patrimonio. Nesta liña deputacións e concellos van da man na rehabilitación, mantemento e promoción de castelos como, por exemplo, os de Vimianzo ou Soutomaior, convertidos en centros de interpretación, sedes culturais e reclamos turísticos.

A aposta polo coidado da herdanza cultural non debe limitarse ao coidado e promoción do patrimonio máis “monumentalizado”, sinala Ana Figueiras, arqueóloga adscrita á Oficina de Rehabilitación do Centro histórico do Concello de Noia, quen bota en falta “un plan xeral de consolidación de elementos, limpeza e mantemento que preserve un legado histórico que fala de nós; unha actuación que ten que incluír a contorna das edificacións: camiños, fontes, muíños, lavadoiros, cruceiros…, elementos asociados e que interactúan co castelo, fórrea ou fortaleza”

1 comentario

  1. Mais que interesante artigo,que pon en evidencia o interese dos Concellos en rotondas e paseos que no patrimonio e na cultura.juan lopez

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia