Martes 19 Marzo 2024

Castelo de Vimianzo: 800 anos de memoria en pedra

Foi escenario da Revolta Irmandiña, a loita dos labregos do século XV contra os abusos dos señores feudais e garda unha rica historia

O Castelo de Vimianzo nacido como unha “casaforte” da man dos Mariño de Lobeira, acumula 800 anos de historia, unha traxectoria que permite coñecer a complexa e poderosa época medieval do Reino de Galicia. Situado no concello coruñés de Vimianzo foi símbolo de poder e residencia de liñaxes ilustres como os Mariño de Lobeira -cuxa familia construíu a primeira fortaleza rematando o século XII— ou os Moscoso.

Os seus muros viviron encarnizadas e cruentas disputas entre a familia Moscoso e a mitra compostelá e foi un dos escenarios da Revolta Irmandiña, o levantamento campesiño do século XV que plantou cara aos abusos dos señores feudais. Un acontecemento lembrado cada mes de xullo na vila coa festa Asalto ao Castelo.

Publicidade

O patio de armas do castelo de Vimianzo.

Pero a historia da fortaleza de Vimianzo ten continuidade ata os nosos días. En 1870 a propiedade foi vendida a Ramón Martelo Núñez que acometeu unha profunda rehabilitación e reforma. Entre as súas paredes atopou refuxio e inspiración o seu fillo, Evaristo Martelo Paumán, avogado e poeta, autor de obras como Os afiliados do demo (1885), Líricas galegas (1894) ou Leandras e balas (1919). Amigo de Eduardo Pondal foi unha das figuras do Rexurdimento, o movemento que guiou o renacer da lingua e da cultura galegas. A súa pegada é tal que a fortaleza pasou a ser coñecida daquela como “Torres de Martelo”.

Reconvertido na sede do Concello en 1936, tras o golpe de estado foi tamén un emblema de resistencia fronte ao fascismo. Os franquistas entregaron de novo a propiedade á familia Martelo. Foi Dolores Martelo de la Maza, solteira e sen descendencia, quen doou o castelo ao Arcebispado de Santiago e xa totalmente abandonado foi comprado en 1973 pola Deputación da Coruña, que o acondicionou para ser visitado.

En outubro de 1994 foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e na actualidade, xestionado polo Concello de Vimianzo, ten as portas abertas como museo, monumento e centro de actividades culturais.

Quen hoxe visite o Castelo de Vimianzo atoparase un conxunto monumental de estrutura poligonal con catro torres (tres defensivas e a Torre da Homenaxe) e un patio de armas. A fortaleza conta con murallas e un foso sobre o que se tende unha ponte, outrora levadiza. Da primixenia construción tan só atopará os restos no actual patio de armas, durante as escavacións de 1991, do que puido ser a Torre da Homenaxe e un antigo forno de pan.

Os fortes muros e torres do castelo de Vimianzo.

Un Centro de Interpretación da Costa da Morte e unha Mostra de Artesanía en Vivo na que se visibiliza o traballo dos seus palilleiras e artesáns, co rico patrimonio intanxible da bisbarra -encaixes, cestería, prata e vidro, cerámica, coiro e maquetas de barcos- completan a visita.

O Concello de Vimianzo está localizado na provincia da Coruña, a 60 km de Santiago de Compostela, forma parte da comarca Terra de Soneira e é un municipio “interior” da Costa da Morte, coa que só comparte unha pequena franxa litoral no lugar de Sabadelle. É a súa unha posición estratéxica que explica, en boa medida, as guerras medievais libradas pola familia Moscoso e o Arcebispado de Santiago co fin de controlar os roteiros comerciais do mar do norte, os negocios da sardiña e do sal e os botíns dos naufraxios acontecidos neste batido tramo do litoral.

O castelo é un dos principais atractivos de Vimianzo pero non é o único. O seu amplo, rico e variado patrimonio suma exemplos dignos de coñecer, e sen saír do municipio, como o renacentista Pazo de Trasariz, os Batáns e muíños do Mosquetin, o castro de Barreiras, os dolmens e monumentos megalíticos do municipio (Pedra Cuberta, Pedra Moura, Pedra Lebre, Arca da Piosa, ou Pedra da Arca…) ou os Penedos de Pasarela e Traba, declarados Paisaxe Protexida en 2009.

A TER EN CONTA:

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España

As infeccións de transmisión sexual entre menores de 18 anos medran un 37% en España

O XIV Congreso Nacional GeSIDA celebrado na Coruña reúne a centos de expertos que debatirán sobre os avances e retos no ámbito do VIH

Os Museos Científicos Coruñeses programan do 11 ao 19 de novembro a Semana da Ciencia

Co obxectivo de atender a elevada demanda de visitas, este ano prolónganse durante dúas fins de semana as celebracións da Semana da Ciencia