Conviven connosco desde hai milleiros de anos. Son amigos e amigas fieis, que nos axudan nos peores momentos e gozan dos mellores. Pero a pesar de todo o tempo compartido, fican moitas crenzas inexactas e mesmo erróneas sobre eles. Pasa, por exemplo, co asunto dos ósos: cantas veces na ficción vimos como desfrutaban rillando un anaco de esquelete? Por que nos asustamos tanto ao pensar nalgunhas razas que parecen moi agresivas e perigosas? É verdade iso de que se moven o rabo están moi felices? Non sempre é así, polo que cómpre precisar moitos mitos sobre os compañeiros caninos.
As vacinas
Algunhas mensaxes e crenzas animan a evitar o contacto dos cachorros co mundo exterior ata que se complete o calendario de vacinación, que se estende durante os primeiros meses de vida do animal. Pero é isto recomendable? “É moi importante que ao principio os cans saian á rúa, antes de acabar o período vacinal, porque o período de socialización dos cans é un momento moi sensible”, advirte Ángela González Martínez, doutora en Veterinaria, profesora da USC e responsable do servizo de Medicina do Comportamento no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo.
Deste xeito, “todo aquilo que os cans vexan nese tempo van a consideralo normal, e o que non vexan, non. Por exemplo, se non ven persoas, terán medo ás persoas, se non ven outros cans, terán medo a outros cans… Este período vai desde as tres semanas aos tres meses, aproximadamente”, continúa Ángela González. A vacinación, engade, acabaría máis alá dos catro meses, polo que pechar os animais ata ese momento pode ter consecuencias negativas. “Se non os sacamos ata completar as vacinas, van perder moita socialización, adquirirán medos e problemas de comportamento. Algúns deles poderán solucionarse despois con terapia, pero terán dificultades. Coa primeira vacina xa poden saír á rúa; iso si, debemos ter un certo coidado con non xuntalos moito con outros cans, sobre todo se non sabemos cal é o seu estado vacinal, pero desde logo si que poden saír e socializar”, resume a veterinaria.
A dominancia e a xerarquía
Outro dos erros baseados en mensaxes distorsionadas é o que xira arredor da necesidade de establecer dominancia e unha relación de xerarquía con eles. Porque isto tamén pode causarlles problemas.”Adoptar o papel de alfa-rol, de intentar ser ‘o xefe’ pola forza, é algo que está contraindicado, porque o que pode facer é empeorar o vínculo co animal e desencadear problemas de agresividade”, destaca González.
Así, “para moitos etólogos, aínda que hai matices dependendo do autor que consultemos, é unha situación probabilística”. Ángela González exemplifícao deste xeito: “Se eu collo, por exemplo, o teléfono móbil, e estou con el todo o tempo, sería a dominante respecto a el. E se o fago con moitos máis obxectos, eu estaría por riba na escala xerárquica, porque o conxunto de relacións de dominancia pode traducirse nunha xerarquía”, expón a veterinaria.
Este tipo de situacións podería darse nos cans á hora de atopar unha parella reprodutiva, en cuestións de alimentación, etc. Porén os vínculos que se tecen entre eles, e mesmo cos humanos, son moitos, distintos e complexos. “Fan relacións con cada individuo dun xeito diferente, e iso tradúcese nunha socialización complexa, que vai alén de ir por riba ou debaixo na escala xerárquica. Nalgúns grupos de cans si poderiamos dicir que se establecen niveis, pero en xeral non se pode establecer este tipo de xerarquías”, resume a investigadora.
Os ósos
Gardar os ósos para que coman os cans é algo que se fai en moitas casas, e que vemos moitas veces na ficción. Pero hai que ter coidado. “Dise que comer ósos, para os cans, é como fumar: hai quen o fai toda a vida e non lle pasa nada, e alguén que o fai só unha vez teñen que entrar ao quirófano; o certo é que poden producir obstruccións intestinais, desgarros, etc. É algo que non lle deberiamos dar”, aclara Ángela.
O rabo
É outro dos mitos máis estendidos: se o rabo se levanta e se move axilmente, o animal está feliz. Ángela González matiza e precisa: “O que indica é excitación, e por exemplo, cando dous cans machos se presentan, coa cola erguida e en movementos pequenos, probablemente vaian pelexar”. Aclara a veterinaria que, para indicar un estado máis semellante á alegría, “a cola está máis baixa, e oscila en movementos moi amplos”.
As razas perigosas, tamén agresivas?
Desde hai máis de 20 anos está en vigor a lei sobre animais potencialmente perigosos, que establece medidas especiais en caso de ter determinadas razas de cans. “A lei, tal e como está, non ten moita base científica”, sostén Ángela González. Así, “os cans de razas potencialmente perigosas non son máis agresivos cós doutras razas; como é lóxico, se é un can con condutas agresivas, obviamente é un problema pola súa forza na mandíbula, a súa mordida… Pero non son os máis problemáticos”. Neste sentido, salienta a investigadora que algúns estudos salientan que as razas máis agresivas son outras sobre as que se transmite unha imaxe máis benévola, como os teckel, o caniche ou o cocker.
Coa colaboración de
Referencias:
– Dominance in domestic dogs—useful construct or bad habit? (Publicado en Journal of Veterinary Behavior)
– Why nobody will ever agree about dominance in dogs (Publicado en Journal of Veterinary Behavior)
– Posicionamiento del GrETCA sobre la socialización en el perro.