O presidente da Xunta, na comparecencia deste xoves despois do Consello de goberno. Imaxe: Xunta de Galicia/elaboración propia.
O presidente da Xunta, na comparecencia deste xoves despois do Consello de goberno. Imaxe: Xunta de Galicia/elaboración propia.

A Xunta adía as restricións á semana que vén coa pandemia en niveis máximos

A Consellería de Sanidade informou este venres dun novo máximo no número de infeccións de SARS-CoV-2, con 1.505 positivos detectados mediante PCR entre as 18 horas do mércores 21 e a mesma hora do xoves 22. O engadido diario á serie histórica, que inclúe o total de diagnósticos con outras análises (como as de antíxenos), supera por primeira vez os 1.800 diagnósticos, tal e como xa recollera o informe publicado o xoves polo Ministerio de Sanidad, con 1.830 casos confirmados no día previo. Do mesmo xeito, a ocupación hospitalaria continúa ascendendo, con 932 persoas ingresadas, e hospitais como o da Coruña, o de Santiago ou o de Ferrol nunha situación de importante carga asistencial, tanto en camas de hospitalización como de UCIs. A cifra de falecementos diarios xa leva varios días por riba das 10 persoas, e increméntase o número de concellos que multiplican a incidencia de risco extremo.

Porén, case toda Galicia mantense con medidas menos restritivas que na segunda onda de outono, cando se pechou a hostalaría e se prohibiron as reunións entre persoas non conviventes en numerosos concellos. Neste escenario, a Xunta de Galicia adiou ata o luns, cando se volverá reunir o comité clínico, o anuncio de novas limitacións para conter a transmisión do virus, que en todo caso non entrarán en vigor antes do martes. Ao tempo, medran as voces que esixen medidas máis contundentes. Entre elas, o Colexio de Médicos de Ourense, que este venres emitiu un comunicado alertando da “situación crítica”, na que piden “medidas moi contundentes”, como un confinamento domiciliario de 20-30 días “permitindo a actividade escolar, o deporte individual e os paseos ao aire libre dos conviventes”.

Novos casos

Os últimos días están a ser os de maior número de realización de probas PCR en Galicia, superando as 10.000 e mesmo as 12.000 diarias. Os cribados realizados á poboación de varios municipios están facendo agromar, ao tempo, cadeas de transmisión non detectadas. A positividade leva xa varios días por riba do 10% en total, e subindo ata preto do 20% nalgunhas áreas. Así está sendo a tendencia:

Casos activos

Outro dos indicadores que constata o rápido crecemento é o dos casos activos, que amosa ás persoas baixo seguimento. Algúns destes casos xa detectados redundarán, en días posteriores, en máis hospitalizacións e ingresos na UCI, cunha estancia media que pode superar os 20 días e, por tanto, aumentar ata niveis bastante maiores os hospitais se o número de novos casos segue medrando. Desde o 1 de xaneiro, esta cifra triplicouse.

Carga asistencial e colectivos de risco

Con todo, a cifra de positivos activos e de diagnósticos da infección non pode equipararse directamente cos datos da primeira onda, xa que naquel momento só se detectaban unha pequena parte dos casos. Mais si é posible achegarse a esta comparación a través da ocupación dos hospitais. E a tendencia apunta a que, de continuar o crecemento dos últimos días, a vindeira semana superarase notablemente a carga asistencial de comezos de abril. Hai que mirar cara os días que van do 31 de marzo ao 10 de abril para atopar un maior número de persoas hospitalizadas con coronavirus en Galicia.

En relación a isto, increméntanse un día máis os casos activos vinculados a brotes en centros residenciais, lugares especialmente vulnerables á transmisión da Covid-19. Das 17125 persoas baixo seguimento este venres, máis de 770 están en centros residenciais. A situación levou á Xunta a intervir outra residencia, a Quercus de Leiro, con 68 usuarios e 15 traballadores afectados por un surto.

Tal e como indican os propios datos de Sanidade, algunhas destas persoas non chegan a ser ingresadas nos centros hospitalarios e falecen nas propias residencias (274 das 633 persoas usuarias falecidas desde o comezo da pandemia morreron nesta situación, ás que habería que engadir os casos de mortes producidas nas chamadas “residencias integradas”).

Neste sentido, o número de falecementos leva xa varios días por riba dos 10 diarios.

 

Concellos con máis do 1% da poboación afectada

Ata o momento, e diante do adiamento das novas medidas, son tres os concellos no nivel máximo de restricións, coa hostalaría pechada e a limitación de reunións entre non conviventes: Arteixo, Xinzo de Limia e Viveiro. Este aumento das restricións podería estenderse a outros municipios en situación semellante, con indicadores que superen a incidencia acumulada de 1.000 casos/100.000 habitantes nos últimos 14 días ou, o que é o mesmo, máis do 1% da poboación cun diagnóstico positivo de SARS-CoV-2 nas últimas dúas semanas.

Este non é o único factor a ter en conta, xa que Sanidade inclúe outros criterios como o número de habitantes (unha poboación baixa pode ‘disparar’ a incidencia aínda que os brotes sexan de menor tamaño), así como o perfil da poboación afectada por estes focos. Por exemplo, se unha parte importante dos casos se detecta en residencias sociosanitarias, onde non hai un contacto directo co resto da poboación, a incidencia ‘real’ na comunidade non é a mesma.

Mais alén dos casos xa mencionados, é probable que outros concellos entren a vindeira semana no nivel máximo no que xa están Xinzo, Viveiro e Arteixo. Localidades de máis de 10.000 habitantes, como Poio, Ponteareas, Verín ou Fene superan o 1% de incidencia nos últimos 14 días, e outros están moi preto, como A Laracha, . Por tanto, é posible que estas e outras localidades onde a tendencia tamén é crecente se vexan afectadas polas medidas máis drásticas, segundo apuntou nos últimos días o presidente da Xunta de Galicia, que está a insistir na solicitude ao goberno de adiantar o horario do confinamento nocturno.

Na outra banda, redúcese tamén o número de municipios non afectados polo coronavirus. Este venres eran 25 os concellos sen casos nos últimos 14 días.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.