De onde vén o nome da Coruña? A nova proposta que descarta todas as anteriores

O académico Gonzalo Navaza resume a súa teoría nun dos capítulos da serie da Real Academia Galega 'O Seminario de Onomástica responde'

A Coruña é un dos topónimos que máis interese suscitou dentro da filoloxía galega. Foron múltiplas as hipóteses que tentaron deitar luz sobre o nome da cidade herculina, algunhas tan temperás como a do propio Afonso o Sabio. A última das propostas etimolóxicas é a do académico Gonzalo Navaza, quen descarta as anteriores para lanzar a súa propia, que resume nun dos capítulos da serie da Real Academia Galega O Seminario de Onomástica responde.

Nas fontes clásicas, a poboación aparece denominada como Brigantium (Ptolomeo, século II; Dion Cassio, séculos II-III; itinerario de Antonino, século III) ou Brigantia (Paulo Orosio, séculos IV-V; Notitia dignitatum, séculov), denominación de inequívoca orixe céltica. O faro erixido polos romanos no lugar provocou a mudanza da paisaxe tan grande que tamén forzou o cambio de nome. E desde o primeiro milenio ata comezos do século XIII, a vila foi coñecida como Faro e con ese nome aparece en todos os rexistros coñecidos.

Publicidade

No ano 1208, o rei Afonso IX concedeulle unha carta foral e con ele, seguindo unha práctica que xa empregara noutras poboacións galegas con motivo desa concesión, alterou a denominación da vila para impoñerlle un novo nome. Este nome foi Crunia (en latín, que correspondía a A Cruña en romance, con artigo desde os primeiros rexistros): loco qui dicitur Crunia apud turrim de Faro (nun lugar chamado Crunia preto da torre de Faro), ano 1208. O nome de Faro continuou vixente na administración eclesiástica ata a actualidade como nome do arciprestado.

“O topónimo ten suscitado múltiples hipóteses etimolóxicas”, reflexiona Navaza. A crenza de que xa existía antes de 1208 na toponimia local (malia que non se rexistra por escrito) levou a consideralo un topónimo de orixe prerromana. O mellor coñecemento das retoponimizacións levadas a cabo por Afonso IX permite atribuírlle a Crunia unha orixe literaria: o rei tomou o novo nome dunha cidade mencionada entre as supostas conquistas de Carlomagno en Galicia segundo a lenda da Historia Turpini, un dos libros do Códice Calixtino (século XIII). Da mesma fonte tomou este rei outros topónimos como Baiona ou Viana para renomear vilas reguengas con motivo da concesión do foral.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando a investigación sae do laboratorio: así funciona a transferencia científica en Galicia

A Xunta identifica o potencial dos xestores de transferencia como ponte entre o académico e o mercado con iniciativas de formación especializada

Unha nova pintura chega á Coruña: a viaxe dunha táboa flamenga recuperada do tráfico de arte

A peza, do século XVI e atribuída a un pintor anónimo, foi localizada en Italia tras ser exportada ilegalmente dende España

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela