Chamábase Manuel Sosa, estaba casado e era africano. Non se sabe cando nin onde naceu, como viviu, se tivo fillos. Todo queda reducido a un nome e a un documento tan castigado pola humidade que impide profundar na súa historia. A historia dun escravo negro mercado polo concello de Lugo o 30 de maio de 1705. Si, a cidade pagou 12 dobróns a un capitán de barco —probablemente portugués— a comezos do século XVIII como proba do seu prestixio. Posuír un escravo era, na época, un símbolo de riqueza e de status.
Os documentos sobre Manuel Sosa non sempre respectan o seu nome e fan alusión a el como “negro” ou “criado de la ciudad”. Así o recolle o historiador Francisco Xabier Louzao Martínez, tamén investigador na Universidade da Coruña (UDC), nun estudo publicado na revista Cuadernos de Estudios Gallegos. No seu artigo describe a función de Sosa como clarín, é dicir, como músico destinado a dar bandos e pregóns. Tamén desempeñaba outras actividades, como a limpeza de fontes. E recibía anualmente un aguinaldo a comezos de xaneiro, mais non se atoparon os motivos detrás desta compensación económica.
Da música ás tarefas domésticas
Era habitual que os escravos africanos, sobre todo no contexto americano, se dedicasen á música militar e á das cerimonias públicas, tanto civís como eclesiásticas. “O escravo introdúcese nunha sociedade branca escravista, e convértese en intérprete dunha música europea, con instrumentos que lle resultaban alleos, como podía ser o clarín”, refire Louzao Martínez no seu artigo, dando conta das dificultades de adaptación ás que se podían enfrontar as persoas nas mesmas condicións que Manuel Sosa.
O caso do escravo de Lugo, pese a ser considerado unha “rareza”, non dista do destino de tantos outros que correron a mesma sorte. Máis alá da música, Sosa debía realizar tarefas cotiás de limpeza e, probablemente, tantas outras que non aparecen especificadas nunha documentación aguillada polo paso do tempo. “Un escravo urbano adoitaba servir como doméstico ou aplicado ao oficio”, indica o investigador da UDC. E, por suposto, a súa esperanza de vida dependía directamente do seu destino: algúns deles debían dedicarse a traballos agrícolas e mineiros máis esixentes fisicamente e con peores condicións laborais.
O número de escravos africanos aumenta considerablemente na península ibérica a partir do século XVI, sobre todo para destinalos ao traballo doméstico. Pero non só eran unha posesión de aristócratas e burgueses, senón que as institucións públicas, como o concello de Lugo, víano como unha forma de ostentar o poder. “Mostraba riqueza e rango social. Daba unha imaxe de diferenciación sobre o resto de habitantes”, analiza Louzao Martínez no seu artigo co obxectivo de desentrañar os motivos polos que a cidade lucense adquiriu un escravo no XVIII; o que posteriormente sería coñecido como o século da Ilustración.
Un salario para o seu alimento
Sobre a vida de Manuel Sosa, máis alá das tarefas encomendadas polo concello de Lugo e o seu nome e apelido, pouco máis se sabe. A documentación reflicte fielmente algúns aspectos económicos, como o real e medio diario que debía recibir para alimentarse. Tamén tiña apousento nunha casa da cidade que costeaba o propio concello. O 6 de marzo de 1706 fixéronselle uns zapatos. Pagáronse 16 reais en 1710 para a elaboración de dúas camisas. Un ano despois gastaríanse 154 reais e medio para vestilo…. E pouco máis. O certo é que a consideración social de Manuel Sosa, segundo recolle o artigo, debía ser “nula”, dada as formas ambiguas e impersoais que se empregan na documentación para referirse a el.
Outra data clave é 1716. Na primeira metade do ano, o escravo africano de Lugo desaparece dos arquivos. Non hai ningunha referencia ao seu falecemento nin ao seu enterro, pero si unha información clave: a súa viúva, Isabel Francisca, enviou unha carta ao concello para que lle pagaran o salario que o consistorio lle debía a Manuel Sosa. “É a primeira vez que se menciona á súa muller. Non sabemos como chegou ata aquí, se era ou non escrava, aínda que sería de supoñer”, indica o investigador da UDC no artigo. E ata aquí a súa historia persoal, pretendidamente esquecida.
Si, era de orixe portuguesa
Manuel Sosa foi vendido ao concello de Lugo por un capitán portugués en plena Guerra de Sucesión pola coroa española. E a principal hipótese defende a orixe africana do escravo nalgunha das colonias lusas, como podía ser Angola. Dende logo, o país veciño posuía na época o maior poder sobre o comercio de escravos africanos, xa habituais dende comezos do século XVI na sociedade portuguesa. “Todos os anos nas carabelas desembarcaban importantes continxentes de escravos, cifrados de 2.000 a 3.000”, refire o autor no artigo. Pola contra, no resto da península non era habitual atopar perfís como o de Manuel Sosa. É máis, no centro e no norte eran considerados “auténticas rarezas”.
Aínda que fosen casos esporádicos, o de Manuel Sosa non foi o único. E así queda recollido, a modo de recompilación, no estudo de Louzao Martínez. Tense constancia, sobre todo, a partir do século XVI. Por exemplo, en 1576 véndense dúas escravas africanas, Juliana e Esperanza, que mercou un portugués na cidade brasileira de San Tomé e despois entregou no porto da Coruña. En 1583, un xuíz pontevedrés merca unha escrava chamada Isabel: “De cor marmelo e sinalada no rostro”. En 1601, un rexedor compostelán mandaba liberar unha parella de escravos, Isabela e Jorge. Incluso no interior de Lugo, en Vilanova de Lourenzá, un matrimonio libera a súa escrava de orixe portuguesa en 1692. “Houbo escravos nas principais casas da nobreza galega durante os séculos XVI e XVII, aínda que os negros africanos son unha minoría”, salienta Louzao Martínez.
Juliana, Esperanza, Manuel, Isabela e Jorge son os nomes esquecidos de tantos outros homes e mulleres que non foron donos do seu destino. Obrigados a traballos forzados, sen liberdade. Algúns estudos rescatan a escasa memoria que queda das súas historias, como esta investigación sobre a “rareza” dun escravo negro en Lugo en pleno século XVIII. Pero un escravo con nome, apelido, muller, talvez fillos e, dende logo, unha vida. Aínda que estivese sometida a donos ou institucións públicas que borraron todo rastro da súa historia.














