Sábado 20 Abril 2024

O astronógrafo: o invento galego do século XIX para recrear o universo coas mans

O instrumento ideouno o pedagogo Manuel López Navalón para o seu alumnado cego e agora unha investigación trata de devolvelo ás aulas

A memoria esvaécese co paso do tempo. Dilúese entre o silencio, a indiferenza e as historias mal contadas. Vidas e obras quedan soterradas polo inexorable transcorrer dos anos e, ás veces, rescatalas do esquecemento é só unha cuestión de serendipia. Quen diga que as casualidades non existen, mente. Non hai outra forma de entender a fascinante historia que se esconde detrás do astronógrafo, un instrumento centenario pensado para resolver todo tipo de problemas de xeografía astronómica. E o que é aínda máis fascinante: deseñouse para persoas cegas. O seu obxectivo non era outro que axudarlles a imaxinar o universo sen velo; a ser capaces de recrealo coa punta dos dedos.

O obxecto permaneceu anos nos esquecemento ata que un cúmulo de curiosas circunstancias uniu á mestra e pedagoga Fátima García; ao docente e afeccionado á astronomía Juan Carlos Asensi; e ao director do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra, José Ángel Abraldes. O seu obxectivo era descrifrar o astronógrafo e non se detiveron ata conseguilo. A súa investigación, que comezou en 2018, tivo numerosos freos no camiño —incluída unha pandemia—. Conseguiron rematala en 2021, despois de tres anos de esforzos e quebracabezas. E agora o seu obxectivo é levalo ás aulas. “Estamos pensando en elaborar unha guía didáctica, empregar impresoras 3D… Facer algo que calquera docente poida empregar no día a día”, di García.

Publicidade

Manuel López Navalón

Mais ese tan só é o resultado dunha longa investigación que comezou por descubrir quen se escondía detrás do astronógrafo. Un instrumento complexo e ideado por unha mente brillante: a de Manuel López Navalón. Un mestre natural de Seseña, en Toledo, que traballaba no Colexio Nacional de Xordomudos e Cegos. Coa saída á luz da lei educativa de 1857, coñecida popularmente como Lei Moyano, tamén chegaron os avances didácticos. O documento instaba á creación de centros educativos especializados para persoas cegas e xordas en cada distrito universitario. Santiago de Compostela foi o único en tomar a iniciativa, capitaneada exitosamente por López Navalón: en 1864 inaugurouse o centro, radicado en San Domingos de Bonaval. Unha institución xa histórica que segue en pé hoxe en día baixo o nome do seu fundador.

O centro educativo especializado para persoas cegas e xordas fundouse en 1864 en Santiago

Malia que pasaron máis de 150 anos dende aquel momento, moitos dos avances pedagóxicos introducidos e impulsados por Navalón semellan ser do século XXI. O seu obxectivo era que o alumnado aprendese máis e mellor, por iso deseñaba instrumentos que facilitasen a ensinanza. Por exemplo, a creación de modelos con listóns e bisagras para as clases de debuxo das persoas cegas. Entre moitas outras invencións naceu o astronógrafo, un instrumento que, tras a morte do mestre en 1902, caeu progresivamente no esquecemento. E non foi ata o 2005 cando comezou a espertar do letargo. A nova directiva do CEE Manuel López Navalón —naquel momento CR Rexional de Xordos— tomou as rendas liderada por Fátima García.

Dous obxectos localizados

“Quixemos darlle unha volta ás instalacións. Desprazar mobles históricos para conseguir un espazo máis funcional. Mentres moviamos un deles abriuse un caixón e apareceron moitos documentos antigos. Atopamos as primeiras actas do centro e papeis escritos de puño e letra por Navalón”, explica García, agora exdirectora do centro. Alí, naqueles caixóns, tamén encontraron o testamento de Navalón, onde constaba que deixaba tres astronógrafos. A día de hoxe só se teñen localizados dous: un deles, ao que os investigadores denominan como primitivo, está datado en 1882; o outro, o mellorado, en 1884.

O primeiro astronógrafo está datado en 1882

Amais, naqueles caixóns tamén había recortes da prensa da época nos que se describía a Navalón como un gran inventor. Un deles, da publicación El Mortero e datado o 6 de decembro de 1897, describía así o astronógrafo: “No seu centro ten un círculo graduado, resolvéndose polo seu medio todos os problemas da xeografía astronómica, como sistemas do Universo, eclipses, fases da Lúa, hemisferios, variedade de estacións, meses e días, eixe da terra, polos, ecuador, círculos polares, construción das esferas terrestre e celeste, horizontes, puntos cardinais, divisións astronómicas, círculo que traza unha vila no espazo de 24 horas e, en fin, outra infinidade de cousas difíciles de enumerar, pero todo isto con suma sinxeleza“.

Unha esaxeración do século XIX

Semellaba case un imposible. “Atopamos os astronógrafos no catálogo do Museo Tiflológico da ONCE, onde o describían como un instrumento anterior a 1936 que se empregaba en Galicia para facer cartas astrais. Nada máis lonxe da realidade. O astronógrafo pode facer moitísimos cálculos pero deberon pensar que era unha esaxeración do século XIX”, explica García. A primeira vez que puido velo foi nunha exposición temporal que se celebrou en Santiago con motivo do 150 aniversario do CEE Manuel López Navalón. Ela intentou facer as súas pescudas, pero a investigación semellaba estar nun roteiro sen saída. Ata que en 2018, catro anos despois, o CRE da ONCE de Pontevedra celebra o seu 75 aniversario e, de novo, o astronógrafo volve a Galicia. Aí é cando García une os seus esforzos e comeza a colaborar con Abraldes.

O Museo Tiflológico, onde están depositados, describíaos como instrumentos para facer cartas astrais

“O astronógrafo viña incompleto. Cando o tocabamos, percibiamos unha peza duns 35×45 centímetros, de madeira, cun par se agullas. Asemellábase a un reloxo, pero en vez de ter 12 horas tiña 24. Tamén se percibían unha serie de buratos, pero non sabiamos para que eran. Ademais, había unhas tablas a cada lado que tiñan inscricións en braille. Non era simétrico, os puntos estaban feitos con cravos, e custábanos moito entendelo porque rompía a estrutura”, explica Abraldes, rememorando o seu primeiro contacto co astronógrafo.

Un compañeiro máis

Dada a complexidade á hora de comprender o aparello e ao indescifrables que semellaban as incricións en braille, García fixo un chamamento a través do Twitter. Quería atopar alguén con coñecementos en astronomía que puidese axudar a descifrar o instrumento. E así foi como atoparon a Asensi, membro da Asociación Astronómica Sirio. Pouco despois reuníronse os tres para intentar entender que era o astronógrafo pero, sobre todo, como funcionaba. Un proceso complexo, cheo de altibaixos, pero que culminou con éxito. Así é que agora, despois de tres anos de investigación, é máis sinxelo describir a súa funcionalidade. “Navalón usaba este instrumento para que os seus alumnos cegos puideran representar eses modelos da Terra, da esfera terrestre e celeste, e puideran simular os movementos do Sol”, detalla Asensi.

“Navalón usaba ese instrumento para que os alumnos cegos representaran eses modelos da Terra, da esfera terrestre e celeste”

Agora é fácil traducilo a palabras, pero o proceso de descifrado foi complexo. “A simple vista é como unha esfera de reloxo cuns taladros arredor. Ademais, ten un caixón con arames de latón, uns semicirculares e outros rectos. Agora sabemos que estaban mesturados e uns pertencían ao astronógrafo primitivo e outros ao mellorado“, continúa puntualizando Asensi. Os arames pódense colocar arredor dos taladros que están no reloxo e, así, trazar liñas imaxinarias, tanto dunha esfera terrestre como doutra celeste. “Falamos de paralelos, meridianos, trópicos, círculos polares… Pensemos no nome do instrumento, xa nos dá unha pista”, indica Asensi.

Astronógrafo mellorao: esfera armilar terrestres. Modelo virutal previo-Modelo real. Foto: JC Asensi
Astronógrafo mellorao: esfera armilar terrestres. Modelo virutal previo-Modelo real. Foto: JC Asensi

Ademais, no caixón había unhas bólas de latón prateadas e douradas que, segundo o membro de Sirio, servían para representar a Terra, o Sol e a Lúa. Tamén había chinchetas que simulaban ser os planetas. “Dende unha perspectiva xeocéntrica podemos ir situando os astros nesa circunferencia de taladros”, aclara. Así é que esas son, a grandes liñas, as utilidades do instrumento, pero o proceso de descifrado foi complexo e requiriu dunha profunda investigación.

O complexo proceso de descifrado

“Fómolo descubrindo pouco a pouco, eu diría que en tres fases. A primeira foi traducir o braille. Intentouse de maneira táctil pero moitas celdas representaban consoantes e non nos dicía nada”, continúa relatando Asensi. Polo tanto, a primeira tarefa consistiu en anotar a que se respondía cada inscrición. Para entender o contexto, García facilitou toda a información e escritos da época, nos que se describía o funcionamento do aparello. “Falábase dunha tabla que tiña horas e latitudes e outra que tiña lugares xeográficos”, explica o membro de Sirio.

A continuación veu un proceso intricado: tratar de descifrar as abreviaturas en braille que, aparentemente, non tiñan ningún sentido. Do que si se decataron é que na parte superior do astronógrado había latitudes que se correspondían co círculo polar ártico e, polo tanto, os lugares sinalados no instrumento tiñan que estar no hemisferio norte. “Ao principio estabamos un pouco perdidos. Tiñamos horas e latitudes, pero aí estaba a pista equivocada”, revela Asensi. De feito, ao comezo pensaron que o astronógrafo podería representar o percorrido nun eclipse ata que un día, nun momento de revelación, Asensi decatouse de que a abreviatura GOT podería ser equivalente a Gotteburg. “Funo comprobar e si, era a latitude correcta. Nese momento collín un globo celeste e comprobei o paralelo que pasar por Gotteburg. Así estaba o primeiro erro. O astronógrafo non marcaba horas, só latitudes”, continúa explicando.

Proceso de tradución do astronógrafo de 1884. Foto: JC Asensi
Proceso de tradución do astronógrafo de 1884. Foto: JC Asensi

Entender as abreviaturas

A partir de aí todas as abreviaturas escritas en braille, xa traducidas, empezaron a fluír. A incrición PAVUMIT correspondíase, por exemplo, con París, Munich, Viena e Budapest. De igual maneira que CMC CH eran lugares e illas do mediterráneo: Ceuta, Malta, Creta e Chipre. “Usei un globo terráqueo e o Google Maps, pero estamos a falar de 1884. Habería cidades que naquela época non existían e por iso tiven que empregar atlas históricos. Por exemplo, apareceron algúns exónimos, que son os topónimos noutro idioma. Naquela época Tokio chamábase Edo, a capital do Xapón. Non estaba representado no astronógrafo cun E, que era o que lle correspondía, senón Y, porque na toponimia española era Yedo”, explica Asensi, dando conta das dificultades ás que se enfrontaron para descifrar o aparello.

“Era 1884. Había cidades que hoxe non existen, por iso tiven que empregar atlas históricos”

En total, o astronógrafo representaba 80 lugares xeográficos. Os investigadores aseguran que o ter dous instrumentos axudou moito no proceso de descifrado posto que moitos nomes estaban repetidos. Aínda que tamén houbo dificultades engadidas, como algúns erros atribuídos a Navalón. “Nalgún momento puxo cravos que estaban colocados ao revés. Se os vías nun espello dábache o correcto. Eran despistes lóxicos e, por iso, ter dúas tablas de dous intrumentos facilitou moito o proceso”, recorda Asensi.

A análise numérica

A seguinte tarefa, despois de averiguar todo o contido textual, centrouse na análise dos datos numéricos. Despois dunha fonda investigación, descubriron que a primeira columna amosaba as horas de sol máximas dun lugar sen ter en conta a refracción atmosférica. “Navalón toma dunha publicación científica (o máis probable) ou calcula por si mesmo as latitudes con precisión de graos e minutos, dos paralelos correspondentes aos tempos de insolación. Esta forma de representación correspóndese cun concepto hoxe en desuso: os climas astronómicos“, así o explican, tamén, nun artigo publicado en Eduga, a revista galega do ensino.

“O cambio de paradigma na división dos climas (zonas térmicas vs. zonas de insolación máxima) ocorre entre finais do século XIX e principios do XX polo que, cando Navalón fai o seu astronógrafo, aínda son populares os libros que inclúen táboas «climata» e con base nestas fanse diferentes cálculos astronómicos”, apuntan na investigación. Para descifrar todo isto foi indispensable o manual Principios de xeografía astronómica, física e política de F. Verdejo Pérez, dispoñible na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Como recordan tanto Asensi como García, o centro que dirixía Navalón dependía da institución universitaria, polo que o máis probable é que o brillante pedagogo tivese acceso a este manual.

Astronógrafo mellorado. Movemento do Sol e equinoccios e solsticio de inverno para horizonte dun lugar de latitude 40º. Foto: JC Asensi
Astronógrafo mellorado. Movemento do Sol e equinoccios e solsticio de inverno para horizonte dun lugar de latitude 40º. Foto: JC Asensi

Un pioneiro no uso do braille

Agora si, o astronógrafo estaba descifrado, sobre todo despois de averiguar que os arames estaban confundidos e mesturados entre o primitivo e o mellorado. Polo tanto, aquela extraña funcionalidade que lle atribuían ao instrumento, a de facer cartas astrais, non só era un erro, senón que se afastaba completamente da realidade. E o astronógrafo, despois de tres anos de intensa investigación, é un obxecto capaz de resolver todos os problemas de xeografía astrónomica que se lle atribuían na época. “Permite facer cálculos, non só representar. É unha boa ferramenta se queres ensinar astronomía hoxe en día non só a persoas cegas”, di García, ao tempo que recorda que os coñecementos que poñemos na práctica sempre se fixan mellor que os memorísticos.

“É unha boa ferramenta se queres ensinar astronomía hoxe en día, e non só a persoas cegas”

“O astronógrafo empregaba braille tan só 30 anos despois de que Luis Braille morrera. O sistema só o utilizaban catro persoas no mundo e un deles era Navalón”, apunta García, apaixonada investigadora da súa figura. E non só iso, senón que o seu colexio de educación especial, ademais do inmenso avance didáctico que supuxo na época, educaba ao mesmo número de nenos que de nenas. E xa como detalle: “O primeiro astronógrafo está feito cunha caixa de puros de Manila. Tamén era un pioneiro da reciclaxe”, apunta García con graza, pero cunha verdade que se coa entre as palabras.

Agora, García, Asensi e Abraldes están intentando darlle unha nova vida ao astronógrafo. Rescatalo da escuridade do esquecemento e devolvelo ás aulas, a onde realmente pertence. Un instrumento decimonónico e verdadeiro representante da educación inclusiva e dos esforzos dun mestre modesto e brillante cunha apaixonada dedicación á ensinanza. Especialmente á das persoas con diversidade funcional, tanto cegas como xordas, que formaban parte do seu alumnado. Ás veces a historia é incomprensible e por iso custa entender que unha figura como Navalón se diluíse no transcorrer do tempo. E ás veces a historia tamén é sorprendente. Non hai outra forma de definir o esforzo incansable de tres persoas que traballaron arreo durante tres anos para devolver o astronógrafo á memoria colectiva. O único obxectivo: que sexa útil para volver ensinar e aprender. O fin último de Navalón e de calquera outra vida.


Para saber máis: Descifrando los astronógrafos de Navalón de 1882 y 1884 (investigación 2018-2021)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente