Nos sepulcros medievais hai agochado moito máis que ósos. Hai pistas. Claves para construír un relato histórico, veraz e documentado. Co desenvolvemento das tecnoloxías e coa bagaxe científica da antropoloxía, da arqueoloxía e da historia, investigadores como o compostelán Patxi Pérez Ramallo chegan cada día máis lonxe. Focalizado dende hai anos na cultura xenuína construída arredor do Camiño de Santiago dende o suposto achado dos restos do Apóstolo, Ramallo vén de facer públicos os resultados do maior estudo ata o momento con peregrinos medievais. O fito non é menor. Usaron a análise de isótopos estables e datación por radiocarbono para investigar un total de 82 individuos xunto con 42 mostras de fauna de 8 xacementos arqueolóxicos diferentes situados no nordeste da península ibérica. Vinte destes individuos foron enterrados cunha vieira, símbolo dun peregrino que rematara o Camiño.
Os seus datos ratifican novos achados nesta liña de investigación na que Pérez Ramallo estase a converter en referente: “O uso da cuncha do peregrino desde polo menos o século XI d.C”, explica o historiador compostelán. Ademais, os seus resultados, publicados na prestixiosa revista Journal of Archaeological Science, suxiren que a peregrinación foi principalmente un fenómeno urbano para poboacións do norte da península ibérica, “conducida por igual por mulleres e homes, aínda que con indicios de que as peregrinas puideron ter un maior acceso á proteína animal que os seus homólogos masculinos”. “Os nosos resultados representan o maior conxunto de datos isotópicos de individuos medievais vinculados ao Camiño de Santiago, o que nos permite investigar máis a fondo as orixes e dietas dos peregrinos potenciais e, de xeito máis xeral, outras partes mostradas da sociedade ibérica do nordeste”, reflexionan Ramallo e o seu equipo.
Tantos peregrinos como peregrinas
Pérez Ramallo recoñece que foi unha das cousas que máis o sorprendeu: atoparon tantas mulleres como homes nas prospeccións das necrópoles. A pregunta que se fixo foi: entón era unha sociedade máis equitativa do que se pensaba? “As reformas eclesiásticas a partir do século XIV impuxeron moitas barreiras ás mulleres e, o que puidemos comprobar é que elas tiñan que ter un estatus moito maior para rachar con esas trabas impostas”, reflexiona o investigador. Non está aínda en condicións de afirmar se eran nobres ou non, pero si poden analizar a fondo a súa dieta e extraer conclusións: “Elas tiñan unha porcentaxe significativamente maior de proteínas de orixe animal. Nesas sociedades, quen accedía a elas era quen tiña os medios económicos adecuados”. Polo tanto, a conclusión que suscita é que debían ter un estatus social suficiente para lle permitir esa calidade de vida: “Así podía conseguir peregrinar e facer esa aventura. As mulleres doutros estatus adoitaban facer só tramos”.
O Camiño de Santiago xurdiu na primeira metade do século IX tras o suposto descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago polo bispo de Iria-Flavia, Teodomiro. Desde entón, centos de miles de peregrinos percorreron a pé dende diferentes puntos de Europa ata a Catedral de Santiago de Compostela. “Esta ruta foi especialmente importante para as poboacións de Navarra e Aragón, dous reinos do norte de España que cobraron protagonismo co rexurdir do cristianismo a partir do século XI”, explican os investigadores no seu estudo. Por iso, este traballo constrúe unha análise multidisciplinar de individuos medievais enterrados en Navarra e Aragón nun momento en que o Camiño estaba a acadar o seu pico de popularidade, nos séculos XI-XV.
O Camiño era un fenómeno urbano
Como contextualiza o equipo de Ramallo, o Camiño de Santiago supuxo a creación de novos núcleos de poboación e a ampliación das redes urbanas existentes: “Durante o auxe das peregrinacións a Santiago, as monarquías de Navarra e Aragón procuraron consolidar poboacións nos núcleos urbanos, outorgando privilexios ás persoas que alí se desprazaban desde o rural”. Ao mesmo tempo, Navarra ampliou o territorio do seu reino. A irrupción do Camiño de Santiago foi contribuíndo a unha expansión do urbanismo polo norte da península Ibérica, así como a unha serie de grandes cambios económicos e sociais.
Os rexistros históricos proporcionan amplas expectativas en canto á variación da dieta na Iberia medieval, así como a súa relación co estado social e o contexto histórico e xeográfico. As dietas das elites sociais e económicas ao longo da Idade Media ibérica caracterizáronse fundamentalmente polo importante consumo de carne, explica Ramallo. Pola contra, a carne, así como os produtos lácteos, estaban dispoñibles nunha base máis limitada para a maioría da poboación rural. As persoas de grupos sociais máis baixos no campo e nas cidades distinguíronse historicamente polas dietas dependentes dos cultivos de cereais locais, que variaban segundo as rexións, así como entre os contextos rurais e urbanos. As restricións alimentarias relixiosas, nese sentido, afectaron a todos os estratos sociais. “O cristianismo prohibía o consumo de carne durante determinadas datas de xaxún, sendo necesarios ata 150 días ao ano fontes de proteínas alternativas: peixe de auga doce ou mariña, leguminosas, froitos secos ou vexetais, que variaban en cantidade e calidade entre localidades e individuos”, explican na súa investigación.
Con este pano de fondo, son quen de debullar unha conclusión chave a nivel sociolóxico: o Camiño de Santiago era un fenómeno urbano naquela altura. “Vimos que a maioría dos peregrinos, seguramente, eran locais. Facían o Camiño, ían a Santiago, retornaban e cando falecían querían ser soterrados coa cuncha. Todo en poboacións daquela urbanas: Iruña, Xaca, Uxue…”, sostén Pérez Ramallo. Algo que lle resulta lóxico: “Nas poboacións rurais, a xente vivía apegada aos labores do campo e baixo a subordinación directa do seu señor eclesiástico ou laico”.
O uso da cuncha vén dende o século XI
Vinte das persoas que investigaron foron soterrados cunha cuncha de vieira, o símbolo por antonomasia do Camiño de Santiago. Os datos do equipo de Ramallo corroboran o uso da cuncha do peregrino desde polo menos o século XI d.C. “Eran soterrados só coa cuncha. Algo que fala da súa simboloxía. Non querían aneis, colares… Só a cuncha. Nos sepulcros non atopas nada máis”, remata o investigador compostelán.
Referencia: To the field of stars: Stable isotope analysis of medieval pilgrims and populations along the Camino de Santiago in Navarre and Aragon, Spain (Publicado en Journal of Archaeological Science)