Santiago, cidade de inmigrantes desde o século IX: “Máis do 50% da súa necrópole é foránea”

Unha investigación do Max Planck Institute coa Universidade de Euskadi conclúe tamén que a cidade non tivo ocupación sueva nin visigoda

Santiago de Compostela é unha cidade composta fundamentalmente de migrantes, polo menos, dende os anos inmediatamente posteriores ao suposto achado do sepulcro do Apóstolo, no século IX. Esa é a grande conclusión que se desprende do último traballo de Patxi Pérez Ramallo, investigador do Max Planck Institute for Geoanthropology e a Facultade de Medicina da Universidade de Euskadi e que acaba de publicar na revista Archaeological and Anthropological Sciences, de Springer Nature. A través de metodoloxías de antropoloxía física e análises biomoleculares empregados nos restos humanos soterrados debaixo da catedral, Pérez e o seu equipo concluíron que máis da metade da súa necrópole está composta por persoas nacidas fóra da cidade.

“As fontes documentais din que xa dende o século X xa había xente de fóra habitando Santiago”

PATXI PÉREZ RAMALLO, investigador do Max Planck Institute for Geoanthropology e a Facultade de Medicina da Universidade de Euskadi

“A idea de base era tratar de atopar a aqueles primeiros migrantes, os primeiros potenciais peregrinos. As fontes documentais din que xa dende o século X xa había xente de fóra habitando Santiago e incluso, esas mesmas fontes, apuntaban que cando foi o descubrimento [do suposto féretro] podía haber sacerdotes ou monxes que peregrinaran”, argumenta Patxi Pérez Ramallo en conversa con GCiencia. Con esa base historiográfica, a cuestión foi, entón, como atopar eses primeiros peregrinos: “Ocorréuseme analizar os restos dos individuos que están debaixo da catedral, na necrópole, e que aínda se pode visitar.” Aí foi onde descubriron que máis da metade dos corpos alí soterrados son de persoas que naceran fóra da agora capital galega. “Alí foi onde sacamos os isótopos estables [parte do método de datación radiométrica que empregaron] e fixémolo, directamente, do esmalte dos dentes das persoas porque o adquiren a través da comida que foron comendo. Aí sacamos información do tipo de animais que comían ou do tipo de chan onde cultivaron os vexetais que comían. Eses valores que quedan gravados vanche dicindo de onde era cada persoa”, explica o investigador do Max Planck Institute for Geoanthropology.

Publicidade

Investigadores do equipo de Pérez Ramallo na necrópole

Con ese primeiro perfil antropolóxico rematado fixeron unha comparación cos datos que serían propios dun habitante do Santiago da época. Fixérono cos trinta e tres corpos que se atopan alí e, ademais do descubrimento principal, tamén concluíron que esa ratio de migracións acontece nos séculos posteriores ao suposto descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago: “É o que máis sentido ten. Naquela altura non hai nada. Non hai ninguén e hai que poboar ese lugar”.

Nin ocupación sueva nin visigoda

Outra das demostracións do paper do equipo de Pérez Ramallo é que en Santiago de Compostela “non hai probas de ocupación nin sueva nin visigoda”. “O que atopamos é que hai un salto. Hai unha ocupación romana, abandónase e ocúpase directamente tras o descubrimento do Apóstolo. Tódalas tumbas e individuos son posteriores. En principio non hai rastro suevo nin visigodo”, engade o tamén académico da Universidade de Euskadi. Ademais, nesas primeiras migracións que veñen de demostrar, “todo parece apuntar a que eses primeiros potenciais peregrinos virían do centro-sur da Península Ibérica. Probablemente, de cidades como Mérida. É dicir, cidades que se rebelaron contra o dominio do Califato de Córdoba. Seguramente, de onde había moita poboación mozárabe. É dicir, cristianos baixo dominio árabe. E, por suposto, tamén migrantes do entorno rural máis inmediato”.

Publicidade

Primeira e única reconstrución fotogramétrica da necrópole feita en colaboración con Juan Luis Arsuaga da Fundación Atapuerca.

Mais a partir do século XI, os datos para crearen os perfís antropolóxicos deses migrantes “vólvense máis homoxéneos”. “O máis probable é que viñeran de lugares con climas similares como podería ser o norte peninsular ou incluso ingleses”, engade Pérez Ramallo e prosegue: “Está claro que Santiago de Compostela é unha cidade feita por inmigrantes. Agás Oviedo, que empezou a ter características de cidade por teren alí a monarquí, poderiamos dicir que Santiago foi a primeira cidade medieval galega e unha das primeiras cidades forte dentro do reino”.

Santiago como terra de novas oportunidades

Iso converteuna non polo de atracción para as persoas de toda a contorna peninsular. Pérez Ramallo explícao cun exemplo: “Imaxinemos a unha persoa serva que esta baixo o control do seu señor. Se conseguía ir a Santiago e pasar alí quince días sen que o reclamasen (algo improbable porque a autoridade era o bispo ou o arzebispo), pasaba a ser libre. Era unha terra de novas oportunidades na que poder desenvolverse como persoa“. Algo que tamén puideron apreciar nos restos humanos. Analizaron a evolución dende os anos da infancia e observaron como algúns incluso pasaron fame, pero, segurament, cando chegaban a Compostela a súa dieta melloraba. Consumían máis carne e, sobre todo, proteína de orixe mariño.

Un dos espazos de traballo na Catedral de Santiago de Compostela de Pérez Ramallo e o seu equipo

Unha cidade con xerarquías marcadas

A profunda investigación do equipo capitaneado por Pérez Ramallo foi máis alá e consegue botar luz sobre as estruturas xerárquicas da sociedade compostelá daquel momento. “Naquela altura non se enterraban as persoas dentro dos templos. Iso introdúcese posteriormente. Nese momento enterrábase preto da entrada dos templos. Críase que facelo preto das reliquias podía axudar á intercesión do santo para ir ao ceo. Nesa zona, atopamos soterrados aos bispos e ás persoas importantes con estatus social laico ou relixioso“, apunta baseándose na calidade da comida que comían, principalmente máis carne e mellor peixe e marisco. A medida que as tumbas se afastan no espazo, a calidade desas comidas van baixando.

“Chamounos moito a atención que non había diferenzas de xénero. Atopamos mulleres e nenos preto e lonxe da entrada da basílica”

PATXI PÉREZ RAMALLO, investigador do Max Planck Institute for Geoanthropology e a Facultade de Medicina da Universidade de Euskadi

A clave é, nese sentido, a distancia á que están os sepulcros da entrada da basílica e, polo tanto, das reliquias. Neste caso, da Basílica de Afonso III. “Chamounos moito a atención que non había diferenzas de xénero. Atopamos mulleres e nenos preto e lonxe da entrada da basílica. Iso quere dicir que o xénero non era a clave para poder ser enterrado preto, senón o estatus social ou económico”, remata o investigador do Max Planck Institute for Geoanthropology e a Facultade de Medicina da Universidade de Euskadi.


Aquí podes ler o artigo completo titulado Multi-isotopic study of the earliest mediaeval inhabitants of Santiago de Compostela (Galicia, Spain) da revista Archaeological and Anthropological Sciences (Springer Nature).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A excepcional historia da casa romana que se agocha baixo a muralla de Lugo

O museo lucense da Domus do Mitreo conmemora o 25 aniversario do descubrimento do xacemento no Pazo de Montenegro cun amplo programa de actividades

Galicia aproba un plan de investigación e innovación que prioriza a retención de talento

O proxecto, cun investimento de 1.310 millóns de euros, creará unha fundación para atraer científicos á comunidade

O equipo da Coruña que busca novos usos de medicamentos que xa existen

O proxecto RePo-Sudoe, que conta coa participación do CITIC, ten como principal obxectivo impulsar o eido do reaproveitamento de fármacos

Producir viño sen alcol (pero coas mesmas propiedades): o desafío dun proxecto con raíces en Galicia

A iniciativa nacional UBAVIDA, no que participa unha bodega do Salnés, busca as mellores prácticas para estandarizar a bebida