Estamos vixiados polos nosos aparatos intelixentes?

Teñen capacidade para escoitarnos e vernos, pero está na nosas mans xestionar o seu uso se queremos protexer a nosa privacidade

Móbiles, televisións, aspiradoras ou pulseiras intelixentes. Hoxe vivimos practicamente todos conectados en permanencia á rede. Enviamos vídeos, acendemos a calefacción a distancia, mercamos roupa, facemos a declaración da renda e ata controlamos a nosa tensión arterial. Un mundo conectado que facilita a nosa vida grazas, moitas veces, a simples aplicacións gratuítas. Só temos que dispor dun móbil intelixente ou mellor, dun ordenador que levamos no bolso e que tamén serve para falar, dotado de cámara e micrófono. Pero quen non preguntou algunha vez que acontece cos datos aos que lles damos acceso, como por exemplo aos servizo de mensaxería e chamadas polos que non pagamos?

“Hoxe todo o mundo utiliza WhastApp. Se non nos cobra nada é porque o diñeiro sácao doutro lado para manter unha infraestrutura que custa millóns. Ese servizo, por exemplo, dinos que as conversas están cifradas pero tamén sabe cando nos levantamos, cando nos deitamos porque deixamos de empregar o servizo ou con quen falamos máis e canto tempo. Todos eses datos analizados xunto cos que obteñen noutras plataformas propiedade da mesma empresa, resultan nun perfil de usuario. E é iso co que gañan diñeiro as grandes empresas tecnolóxicas, facendo o que se chama segmentar usuarios por tipos, mandarnos publicidade personalizada”, explícanos Tomás Fernández Pena, catedrático de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores na Universidade de Santiago de Compostela.

Publicidade

Tomás Fernández é Catedrático de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores da USC.

Ler a letra pequena antes de aceptar as regras

Os aparatos intelixentes dos que nos servimos en continuidade como o noso teléfono móbil, “reciben en todo momento o son das nosas conversas, pero, en teoría —advirte o investigador do CiTIUS, o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC— non o procesan, non o analizan. A proba de que nos escoitan continuamente é que activamos algúns servizos coa nosa voz”.

Para Tomás Fernández a ecuación é sinxela e lémbranos que temos que pensar se estamos dispostos a ceder parte da nosa privacidade, deixando que nos vixíen, a cambio das facilidades que nos ofrecen porque, afirma, sempre somos nós os que lles damos permiso para facelo cando descargamos unha aplicación.

“A proba de que nos escoitan continuamente é que activamos algúns servizos coa nosa voz”.

TOMÁS FERNÁNDEZ PENA, catedrático da USC

“As informacións pertencen ás empresas que poden vendelas, unhas ás outras. Cando aceptas as condicións de uso dunha aplicación, a letra pequena que moitas veces nin lemos, é aí onde se nos explica ao que se comprometen a facer cos nosos datos ou non. O problema é cando utilizan as nosas informacións sen permiso. Moitas veces as aplicacións solicitan acceso á cámara ou ao micrófono sen que lles faga moita falta, temos que fixarnos niso e xestionalo. Pero tamén podemos desconectar o GPS e a nosa localización, e as empresas saben igualmente onde te atopas polo uso das túas redes como Facebook ou Instagram”, advirte Fernández quen nos conta, case con reparo, que a mediados dos anos 90 creou desde Estados Unidos a que foi, posiblemente, a primeira páxina na historia das redes que falaba de Galicia.

Aplicacións maliciosas que actúan sen darnos conta

Ademais dos servizos que nos ofrecen os aparatos intelixentes que empregamos, o simple feito de ter o móbil con nós pode facilitar que se nos localice con precisión en caso de que nos aconteza calquera cousa, como perdernos na neve, grazas ás antenas de telefonía, sen necesidade de estar conectados á rede. Fronte ás vantaxes, Tomás Fernández tamén enumera outros riscos de utilización deses aparatos nos que gardamos en moitos casos ata a nosa información máis íntima e privada como os nosos datos bancarios.

“Os sistemas de seguridade tamén se reforzan de maneira continua como acontece coas aplicacións dos bancos na rede. O problema son as aplicacións maliciosas, o chamado malware, aquelas que non instalamos conscientemente e que poden acceder aos nosos datos chegando incluso a descifrar os nosos contrasinais ou captar imaxes acendendo a cámara sen permiso e sen que nos deamos conta. Pero, insisto, somos sempre nós os que primeiro instalamos, aínda que de xeito inconsciente, esas aplicacións”, afirma.

“Os sistemas de seguridade tamén se reforzan de maneira continua como as aplicacións dos bancos na rede”

TOMÁS FERNÁNDEZ PENA, catedrático da USC

Secuestro de datos ás empresas a cambio dunha cantidade de diñeiro, espionaxe industrial ou por parte dos gobernos ás persoas, tentativas de influencia política, clonación de tarxetas bancarias ou bloqueo e captación das informacións que ofrecen os nosos aparatos intelixentes sobre as nosas propias casas. Os exemplos non faltan nos últimos anos coa rede convertida nun tráfico incesante de información “que pode ser empregada de maneira lexítima ou non para influenciarnos en todos os aspectos das nosas vidas, como o fan cando precisamos comprar un produto”, deixa claro o catedrático de  Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores.

Xestionar para protexer a nosa privacidade

Tomás Fernández recoñece que, en ocasións, pode chegar a ser difícil ademais de laboriosa unha xestión axeitada e consciente da nosa privacidade e a nosa conexión á rede a través dos nosos aparatos intelixentes. A lexislación existente ao respecto, segue o ritmo dos avances tecnolóxicos “sempre por detrás aínda que na Unión Europea contamos cun dos sistemas de regras máis avanzados en comparación, por exemplo, con Estados Unidos onde as empresas poden facer practicamente de todo. O sistema é moito máis laxo”, explica.

Revisar os permisos que damos ás aplicacións das que facemos uso, actualizar cando se nos pide os sistemas que empregamos para reforzar a seguridade e empregar sempre que sexa posible aplicacións de código aberto nas que se pode controlar se algo está acontecendo fóra do normal “aínda que existen sobre todo para ordenadores, non para móbiles”, aconsella Fernández.

“Tapar a cámara do ordenador pode ser útil se tes a sospeita dun programa malicioso instalado”

TOMÁS FERNÁNDEZ PENA, catedrático da USC

E non podiamos rematar esta conversa co investigador do CiTIUS sen preguntarlle se debemos poñer ou non un pouco de papel tapando a cámara dos nosos ordenadores cando estamos traballando, por exemplo.

“Pode ser algo bo, nunca sabes. Eu non o teño posto, a verdade, pero pode ser útil se existe a mínima posibilidade, a mínima sospeita de que teñas un programa ou aplicación maliciosa no ordenador. A min persoalmente preocuparíame nese caso máis que a cámara a gravación do teclado porque estarían detectando o que estás escribindo, tecleando, e os sitios aos que estás accedendo enviando quizais contrasinais ou información moi privada”, asegura para concluír Tomás Fernández.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo feito en Lugo revela que case o 30% dos adolescentes sofren fobia a quedar sen móbil

A investigación USC saca á luz a relación deste medo irracional co consumo de alcol, tabaco e cánnabis

A matemática Elena Vázquez Abal, Premio de Divulgación da Academia de Ciencias

A gañadora por unanimidade pon en valor o recoñecemento ás mulleres que comunican e o uso do galego na profesión

A primeira muiñeira con notación musical está datada en 1786

Unha tese da USC analiza a danza e composición musical tradicional como un "elemento identitario" da Galicia do século XIX

Como rexenerar o monte galego para resistir o cambio climático? Así o investigan na USC

Un grupo de Lugo proba distintas combinacións para a introdución de especies animais e vexetais en Quiroga, Abegondo e Cervantes