Os transxénicos inauguran en Santiago os debates de ‘Regueifas de Ciencia’

Unha regueifa é unha disputa dialéctica improvisada e en verso entre dúas persoas sobre un tema determinado. Tirando deste termo, a USC co financiamento da Fecyt comeza este venres 8 cunha nova actividade de divulgación científica, de entrada libre, na que catro reputados especialistas debaterán acerca dun tema de especial transcendencia e certa polémica.

A exposición e confrontación de ideas é consubstancial ao coñecemento científico e por iso os debates, ademais de dar a coñecer os argumentos das distintas posicións ao redor dun tema, cumpren unha función de aprendizaxe e enriquecemento na audiencia que participa del, “chegando mesmo a conseguir cambiar posturas de partida”, explica a catedrática de Xenética e directora do proxecto, Laura Sánchez Piñón. De feito, para comprobar a efectividade desta clase de confrontacións dialécticas, á entrada na sala preguntaráselle ao público –a través dun sistema de voto electrónico– cal é a súa postura inicial sobre o tema a tratar, que será confrontada xusto ao remate do debate.

Publicidade

‘Regueifas de Ciencia’ queren divulgar a investigación dende o debate

Sánchez Piñón presentou este mércores os detalles do proxecto xunto co investigador do IDIS, Manuel Collado Rodríguez, e o doutor en Ciencias Químicas e director do programa ‘Efervescencia’ da Radio Galega, Manuel Vicente García. A xenetista lembrou que a USC está sempre á cabeza das institucións que conseguen proxectos da convocatoria Fecyt, “polo que podemos falar dunha universidade con clara vocación divulgadora”, dixo.

A organización dos debates manterá unha postura imparcial e propón un formato moi coñecido como é o ‘Oxford’. Isto é, un moderador, dous bandos e tempos controlados; todo cunha gran formalidade. Equipos con posturas enfrontadas formados por dúas persoas relevantes no seu eido.

Publicidade

A ‘regueifa’ entre catro poderá seguirse tamén a través de streaming, unha emisión que se gravará e publicará na web do proxecto facendo posible así que os docentes utilicen este debate como ferramenta nas aulas.

A regueifa poderá ser seguida en streaming e a web ofrecerá vídeo dos debates

A primeira ‘Regueifa da ciencia’ terá lugar este venres 8 ás 20.00 horas en Ciencias da Comunicación coa cuestión ‘Son os transxénicos unha opción válida e segura?’. Defendendo unha postura favorable participarán o profesor de biotecnoloxía da Politécnica de Valencia e director do Máster de Biotecnoloxía Molecular e Celular de Plantas, J.M. Mulet, e o catedrático da Politécnica de Madrid e autor das primeiras patentes sobre plantas transxénicas realizadas en España e vendidas no mercado internacional, Francisco García Olmedo.

Do outro lado, sostendo argumentos en contra, estarán a responsable de Agricultura e Alimentación de Amigos da Terra, Blanca Ruibal, e o entomólogo e profesor de Zooloxía e Bioloxía da Conservación na Facultade de Ciencias Ambientais e Bioquímica da Complutense, José Luis Yela.

O proxecto contempla tres debates máis, previstos para os meses de xuño, setembro e novembro, sobre cuestións tan transcendentais e polémicas sobre a conveniencia das vacinas ou a necesidade de experimentar con animais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha carta do presidente de Apatrigal reclama unha alternativa ás tubaxes das gárgolas do Obradoiro

Carlos Fernández Coto defende solucións técnicas máis integradas, ao considerar que “non pode xustificarse como única nin como inevitable”

A camelia consolídase como emblema galego nunha nova mostra en Santiago

O evento levarase a cabo entre o 2 e 4 de abril con acceso libre, ofrecendo máis de 200 variedades da flor e instalacións audiovisuais

Cando a luz é máis que arte: iluminar para conservar o patrimonio de Santiago

Un estudo da USC confirma a eficacia dun novo sistema de iluminación ornamental, en cores ámbar e verde, para a conservación da arquitectura en pedra

Maior Pérez e o seu instinto empresarial na Pontevedra do século XIV

A nobre de orixe compostelá, unhas das máis poderosas do seu momento, impulsou uns baños públicos únicos na Galicia medieval