María, a mariscadora do vídeo viral: “Ninguén soña con este oficio”

Unha gravación dela traballando nunhas duras condicións atmosféricas difundiuse hai uns días e agora acumula miles de seguidores

A mariscadora María Fontán.

Chámase María Fontán, é de Cambados e ten 32 anos. Comezou no marisqueo a pé hai nove anos porque non tiña traballo e decidiu sumarse á súa irmá. Comparte imaxes nas súas redes traballando no mar e publicou hai uns días un vídeo que se fixo viral: ela era faenando xunto con outras compañeiras unha mañá de vento e chuvia intensa. Na súa opinión esta gravación impactou tanto nos internautas polo descoñecemento arredor do oficio de mariscar.

“Non foi cousa dese luns, saímos a traballar moitos días así”, conta. “A xente di que somos valentes pero é o noso pan. Estas situacións son habituais sobre todo no inverno”. Ese día logrou conseguir a cantidade de marisco que precisaba para “gañar o día”, como ela di. Nestes intres séntese “impresionada” pola cantidade de chamadas e o apoio que está a recibir. Os seus seguidores non deixan de subir, xa alcanzou 4.400 en Instagram: “Quen lle ía dicir á María de 23 anos, empezando a súa vida como mariscadora, que 9 anos despois e a causa dun vídeo viral, ía saír en canto medio de comunicación hai. Levo dende o luns vivindo nunha nube”.

Un dos grandes problemas que sofre o marisqueo é a falta dun relevo xeracional. María cre que iniciativas como a súa poden influír en que xente nova se sume ao mar. “Non hai moita mocidade que quera entrar a traballar, ninguén soña con ser mariscadora“. O que máis desfruta da profesión é a liberdade que lle ofrece, non ter xefe e a gratificación do esforzo tras apañar o marisco que necesita para a xornada. “É un orgullo”, comenta. Ademais, é algo que non cambia por nada. Di que a súa oficina é a “máis bonita de todas”.

Imaxe compartida por María nas redes: “Salitre nas veas”

Mariscadora 2.0 é o seu nome nas redes sociais e publica contido de todo tipo: “Gústame que a xente vexa como é realmente traballar no mar”, comenta. Divulga, por exemplo, os diferentes tipos de ameixa ou unha xornada de vixilancia para evitar o furtivismo na ría. María pertence a Mulleres Salgadas, unha asociación galega de mulleres no sector pesqueiro. Son elas as que encabezan un dos sectores estratéxicos para a economía galega. “As mulleres do mar temos voz, moito que aportar e queremos ser escoitadas”, publicaron nun chío.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.