“Deseñamos drons que ofrecen visión nocturna aos medios de extinción de incendios”

Pedro Orgeira, enxeñeiro aeroespacial da UVigo, participou na construción dun aparello que reforza a resposta dos servizos de emerxencia fronte ao lume

Pedro Orgeira é enxeñeiro aeroespacial, profesor da Escola de Aeronáutica e do Espazo da UVigo e investigador no proxecto Firepoctep.
Pedro Orgeira é enxeñeiro aeroespacial, profesor da Escola de Aeronáutica e do Espazo da UVigo e investigador no proxecto Firepoctep.

O equipo de investigación do que forma parte Pedro Orgeira na Escola de Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, non dubidou en poñerse mans á obra cando recibiron a proposta de participar no proxecto Firepoctep. Non era a primeira misión relacionada coa loita contra os incendios forestais da UVigo, pero do deseño de satélites pasaron, nesta ocasión, ao de drons. O obxectivo do equipo de Orgeira era dotar estas aeronaves dirixidas por control remoto dunha tecnoloxía que permita aos servizos de extinción realizar o seguimento nocturno do perímetro do fogo en condicións de seguridade e facilite a toma de decisións baseada en datos obtidos en tempo real.

Coa investigación xa rematada e o prototipo de dron finalizado, Orgeira asegura que o seu equipo está preparado para aceptar novos desafíos que contribúan a loitar contra os incendios e soña, por que non, con que o campus de Ourense no que é docente se converta, máis cedo ca tarde, nun referente na proposta de solucións a unha das maiores ameazas que asolan hoxe o sur de Europa.

Publicidade

O proxecto Firepoctep reforza o traballo de investigación levado a cabo pola UVigo ao longo de diferentes programas europeos relacionados coa loita contra os incendios. Nesta ocasión, cal foi o papel do equipo do campus de Ourense?

—Formamos parte dun grupo de investigación multidisciplinar moi amplo na UVigo que xa participou no proxecto FireRS co deseño e posta en órbita do satélite LUME-1 para a detección e xestión de incendios en colaboración coa Universidade de Porto e o Centro de Emerxencias de Toulouse. Firepoctep permitiunos seguir vinculados a unha problemática moi importante en Galicia, só temos que ver ou ler as novas cada verán. Neste proxecto, o traballo da Escola de Aeronáutica e do Espazo ten como obxectivo ofrecer novo material tecnolóxico ás persoas que traballan sobre o terreo na extinción de incendios, mellorar a súa seguridade. En concreto, deseñamos unha ferramenta que permite a un bombeiro inspeccionar un incendio de noite sen ter que poñer en risco a súa vida.

A nosa ferramenta permite que un bombeiro inspeccione un incendio de noite sen ter que poñer en risco a súa vida”

O punto de partida da vosa investigación foi responder, xustamente, a unha problemática expresada polo propio servizo de emerxencias.

—Si, foi así. A Axencia Galega de Emerxencias, o 112, recibiunos amablemente e axudounos a entender como funciona a extinción de incendios, as diferentes situacións de emerxencia que se dan sobre o terreo e as problemáticas que debe afrontar. Os bombeiros necesitan saber en que dirección avanza o lume e a que velocidade, entre outros datos, para despregar os medios que minimicen os danos do fogo. Durante o día, esa cuestión resólvese de xeito moi sinxelo co apoio aéreo de helicópteros, por exemplo. Pero de noite eses medios quedan en terra e os equipos de extinción teñen que facer ese control persoalmente, achegándose ao lume. Trátase dunha operación moi complicada cun alto risco para o ser humano.

Cal foi a vosa resposta?

—Deseñar un medio aéreo que poida voar pola noite e ofrecer as informacións que necesitan os dispositivos de extinción, en tempo real, para controlar o incendio sen correr ningún risco. Os drons eran unha solución moi sinxela e económica pero tiñamos que dotalos dunha intelixencia que lles permita inspeccionar o que teñen debaixo e para iso as cámaras que se empregan nos drons de ocio non son suficientes. Con esas cámaras a imaxe que recibirían os bombeiros estaría formada por unha cor moi intensa representando o lume e, ao redor, unha grande espesura escura que confundiría ao equipo sobre a localización exacta do aparello e as medidas a tomar dependo das características do incendio.

“Poderiamos ser unha flamante canteira de profesionais que axudase a Galicia a converterse nun referente”

Coñeceremos polo miúdo o resultado do voso traballo nos próximos capítulos do programa Cortalume, pero que nos podes adiantar?

—Conseguimos superar varios retos e o primeiro foi a propia construción do dron, xa que os modelos comerciais non respondían ás nosas esixencias. O resultado foi unha especie de pequeno Frankenstein formado por aqueles elementos que máis nos interesaban e que non tiñan nada que ver entre eles. Despois, tivemos que garantir a súa estabilidade, dotalo da electrónica necesaria para que poida xerar e transmitir as informacións e, por último, deseñar a aplicación, o software, que permite e facilita o uso deste sistema por parte dos efectivos de extinción.

Como vai evolucionar o resultado do voso traballo unha vez rematado o Firepoctep?

—O noso equipo realizou o prototipo de dron e o que nos gustaría é que esta ferramenta puidese ser empregada canto antes, é dicir, vela operativa nas próximas campañas de incendios, pero iso xa non depende de nós. Agora temos algunhas probas pendentes cos servizos de extinción para que poidan, en situacións controladas, coñecer e practicar o seu uso. A nosa investigación tamén espertou a curiosidade de universidades doutros países europeos que loitan contra os grandes incendios, como Grecia ou Italia, desde outras perspectivas. Se o Firepoctep tivese un novo capítulo, quen sabe se poderiamos colaborar dalgunha maneira con eles. A evolución natural deste proxecto, de existir outra oportunidade, sería deseñar enxames de drons que complementasen a vixilancia do lume coa detección temperá doutros focos ou a necesaria localización, precisa e en tempo real, de todos os efectivos sobre o terreo durante un incendio.

“O control nocturno do lume é unha operación moi complicada cun alto risco para o ser humano”

É importante para Escola de Aeronáutica e do Espazo participar neste tipo de investigacións?

—A nosa escola está comezando a súa traxectoria, pero xa intentamos gañar presenza no ámbito académico e no da investigación con tres xeracións de graduados. Sería un escenario ideal o feito de estar en Ourense, onde a problemática dos incendios ten unha gran dimensión, e poder estudar e poñer en práctica solucións que saian deste campus da Universidade de Vigo. Poderiamos chegar a ser unha flamante canteira de profesionais que axudase a Galicia a converterse nun referente dentro da península no que se refire á prevención e á extinción de incendios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.