Lugo acollerá o XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica

Lugo acollerá o XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica.
Lugo acollerá o XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica.

O Campus Terra da USC acollerá do 20 ao 23 de setembro a duodécima edición do congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), un foro de carácter internacional e orientado a favorecer o intercambio de resultados e avances da investigación en produción ecolóxica e desenvolvemento rural que se desenvolverá baixo o título ‘Leguminosas: Clave na xestión dos agrosistemas e a alimentación ecolóxica’.

A presidenta da SEAE, Dolores Raigón, salientou este mércores na presentación da nova edición deste congreso de carácter bienal a súa satisfacción por celebrar este foro en Galicia, dada a importancia desta rexión nos ámbitos da agricultura, a  ecoloxía e a gandería. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, trasladou os seus parabéns aos organizadores deste foro por escoller Lugo como sede, ao tempo que lembrou que as pretensións deste congreso, en particular, e da SEAE, en termos máis xerais, están aliñados cos obxectivos do Campus Terra, un proxecto da USC para converter a sede universitaria luguesa nun referente nacional e internacional no que atinxe a xestión sustentable da terra e das súas producións.

O debate xirará entorno ó papel clave das leguminosas na agricultura ecolóxica

O acto de presentación do XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica serviu asemade para dar conta do avance que está a experimentar a agricultura e a produción ecolóxica en Lugo, a provincia galega que rexistra máis da metade das 20.300 hectáreas de superficie de agricultura ecolóxica certificadas que existen en Galicia, segundo sinalou o presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), José Antonio Fernández.

A importancia cada vez maior que está a ter a agricultura e, por extensión, todas as producións ecolóxicas, en Galicia, centrou a intervención da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta de Galicia, Belén do Campo, quen, logo de destacar as prácticas ecolóxicas como fórmula equilibrada e acaída para garantir a protección e conservación medioambiental, o benestar animal e o equilibrio das propiedades do solo, cifrou en máis 33 millóns de euros o valor económico das transaccións de produtos ecolóxicas efectuadas ao longo do pasado exercicio en Galicia, onde xa están rexistrados preto de 1.600 operadores ecolóxicos.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible do Concello de Lugo, Daniel Piñeiro, sinalou que a celebración deste congreso da SEAE en Lugo é un motivo de satisfacción para un Concello que ve na agricultura de proximidade e na ecolóxica unha oportunidade estratéxica e unha fórmula apropiada para por en valor parte dos seus recursos.

O Campus Terra quere ser un referente da xestión sustentable do agro

A deputada provincial delegada da área de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, quen figura entre os membros do comité organizador deste congreso, no que tamén están varios profesores e investigadores do Campus Terra da USC, indicou que a Deputación Provincial de Lugo achega 40.000 euros para o desenvolvemento deste congreso. Así, de xeito parello aos debates e á presentación das distintas comunicacións rexistradas, o XII Congreso da SEAE incluirá a celebración da feira de produtos ecolóxicas ‘Lugo Nature’. Ademais, indicou a deputada provincial, a hostalería luguesa tamén colaborará con esta celebración coa organización dunha xornada de tapas ecolóxicas, dixo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.