Publicidade

Unha tese destaca a incidencia da doenza da endometrite no gando vacún

O veterinario cospeités Marcos Vigo advirte na tese de doutoramento  titulada ‘Endometrites subclínicas en gando vacún leiteiro’, unha investigación dirixida por Luis Ángel Quintela, Mónica Barrio e Juan José Becerra que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, da “relevante” prevalencia desta enfermidade en explotacións de vacún de leite da provincia de Lugo, ao tempo que incide na influencia negativa das endometrites subclínicas na eficiencia reprodutiva  do gando ao ampliar o intervalo entre o parto e a xestación.

A citoloxía uterina constitúe, segundo a investigación desenvolvida por Marcos Vigo, o método máis acaído para diagnosticar esta enfermidade, dado que se trata dun procedemento sinxelo para a toma de mostras na granxa e de fácil interpretación, ao tempo que os datos obtidos ofrecen unha elevada correlación coas alteracións existentes no útero da vaca.

Publicidade

As conclusións recollidas na tese realizada por Marcos Vigo son resultado de varios experimentos desenvolvidos no marco deste proceso de investigación. De feito, nun primeiro momento este veterinario estudou a prevalencia desta enfermidade nunha área gandeira da provincia de Lugo, ao tempo que analizou o efecto que unha patoloxía como a endometrite subclínica podía ter sobre a reprodución das vacas.

A tese propón un novo sistema para interpretar os resultados das citoloxías

O segundo experimento desenvolvido por Marcos Vigo centrouse na proposta dun sistema máis sinxelo que o empregado habitualmente para interpretar os resultados das citoloxías endometriais, a fin de facilitar a súa aplicación a nivel de granxa. Nunha fase posterior, o novo doutor procedeu a cuantificar a eficacia da citoloxía endometrial, logo de comporala con outras técnicas para o diagnóstico das endometrites subclínicas no gando vacún.

Publicidade

Alén de intentar dar resposta as dúbidas existentes relacionadas coa definición dos métodos de diagnóstico  e tamén coa etiopatoxenia dos endometrites subclínicas, a pertinencia da investigación que vén de completar este veterinario é se cabe maior na actual conxuntura de crecente preocupación pola calidade dos produtos por parte do consumidor e o baixo prezo pagado polo leite aos produtores, o que dificulta a viabilidade económica das explotacións gandeiras.

A eficiencia reprodutiva do gando, un proceso no que ten unha incidencia grande a existencia ou non de patoloxías uterinas, antóllase nestas circunstancias como unha das posibles claves do éxito das explotacións de vacún de leite.

O profesor do Departamento de Patoloxía Animal na Facultade de Veterinaria da USC, Pedro García Herradón, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Marcos Vigo, quen recibiu a cualificación de sobresaínte cum laude. O profesor do Departamento de Patoloxía Animal da Universidade de Córdoba Carlos Carmelo Pérez Marín e Juan Caínzos Cagiao, consultor técnico de rumiantes de Elanco, completan a relación de membros do tribunal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a febre aftosa, a enfermidade supercontaxiosa que ten en alerta a Europa

O virus que afecta a vacas, ovellas ou porcos obrigou hai 24 anos a sacrificar 10 millóns de animais no Reino Unido

Por que se controla a administración de antibióticos a cans e gatos?

A Lei de Medicamentos Veterinarios xera protestas no sector contra as restricións impostas na prescrición de medicamentos para animais domésticos e de granxa

Os premios Zendal galardoan dous proxectos sobre alzhéimer e vacinas animais

Na súa V edición o recoñecemento do grupo farmacéutico promocionará os proxectos dos investigadores Ivone Martins, da Universidade de Miño, e José de la Fuente, do CSIC

Un estudo galego investiga as algas mariñas como alternativa aos antibióticos en coellos

A investigación de Sabela Al-Soufi Novo no Campus Terra da USC avalía con resultados prometedores o uso destes organismos na mellora da saúde intestinal dos mamíferos