De herexe a referente: homenaxean o xeógrafo Pérez Alberti pola súa traxectoria

O catedrático e investigador leva décadas viaxando polo mundo para comprender os procesos que mudan as paisaxes

“A mítica illa de Ítaca da Odisea de Homero foi iluminada polo poeta Konstantínos Kaváfis, que adoitaba lembrarnos que a verdadeira sabedoría non reside na meta. Con todo, o ser humano acumula experiencias (ás veces contraditorias) no camiño cara ao destino dunha longa viaxe (emocional e xeográfica). O profesor Augusto Pérez-Alberti tivo, sen dúbida, o don de poñer en práctica tan sabio pensamento ao longo da súa travesía académica sen querer perfilar o seu singular camiño. Augusto Pérez-Alberti é un verdadeiro explorador ou, en galego, o viaxeiro“. Así falaban xa no ano 2018 do profesor Pérez-Alberti os seus colegas de profesión. E non pode ser máis certo. Recibir unha homenaxe en vida é o privilexio de poucos. Ás veces, case sempre, chegamos tarde.

Non é o caso do galego e da súa traxectoria, que vén de ser recoñecida no último número da revista académica Environmental Earth Sciences. Repasamos a vida, pois, dun home que nunca apresurou a viaxe. Unha viaxe que durou moitos anos. Unha viaxe que, de feito, aínda non rematou.

Publicidade

Canto I: o comezo é o retorno

Conta que sempre lle gustou a ciencia. Porén, “daquelas, cando comencei a estudar -e van máis de 50 anos- se cadra, era algo máis complicado estudar este tipo de carreiras. Así que fixen Maxisterio“. Esa vocación docente non o abandonaría. Para levar a cabo a viaxe de retorno a casa, Ulises tivo que empregar a súa mētis. A astucia, a intelixencia, como arma para enfrontarse aos retos que virían. Alberti botou man da súa curiosidade, para que o camiño non rematara tan preto de casa. E seguiu estudando: Filosofía e Letras. “Aí coñecín por primeira vez a xeografía . Vin que non era algo estático, que non era só coñecer os ríos e as montañas que temos, senón comprender como se formaron, cales foron e son os procesos que mudaron e mudarán a nosa paisaxe”. E namorou.

A paixón ten que acompañar sempre ao protagonista da historia. Sen ter unha meta ou obxectivo, sería complicado manterse no camiño, cheo de adversidades. Aínda que agora é comprensible pensar no planeta como un sistema complexo e vivo, onde todas as partes que o conforman interactúan, a visión do mundo hai 50 anos era realmente distinta: “Ao principio, cando ía descubrindo as novas pegadas do glaciarismo, por exemplo, chamáronme herexe. Aquilo non podía ser certo”, lembra Alberti, facendo referencia aos seus primeiros estudos.

Publicidade

Canto II: o movemento demóstrase andando

Aínda que se especializou na xeografía física, nunca deixou de interesarse por outras ramas: a súa traxectoria abrangue estudos sobre xeomorfoloxía, ciencias da terra, cartografía, hidroloxía, hidroxeomorfoloxía, edafoloxía, ameazas e riscos dos ecosistemas… “Por iso, foi mentor e inspirador de varias xeracións de xeomorfólogos, xeógrafos físicos, xeólogos, arqueólogos, enxeñeiros, urbanistas e científicos medioambientais, na Península Ibérica e en todo o mundo”, subliñan os asinantes do artigo que homenaxea a Alberti. Non estraña que os que saben de ciencia cualifiquen a súa carreira como disruptiva e fóra do convencional: nun mundo onde todo ten que estar no seu compartimento e dividido, ter curiosidade é a auténtica revolución.

“Eu tiven a sorte de facer a miña tese doutoral con Jean Tricart, un xeomorfólogo moi distinguido”, subliña Alberti, quen sempre lembra a aqueles que o acompañaron na súa traxectoria multidisciplinar. E de Francia pasou a Canadá, onde colaborou co profesor Peter Martini, formándose nas áreas da sedimentoloxía, os paleosolos e os procesos glaciares. Da súa estancia en Canadá destaca unha publicación histórica sobre os sedimentos glaciomarxinais e periglaciares: “Fomos os primeiros en falar destes temas”, engade orgulloso. Xunto a Alan Trenhaile, aventurouse nos procesos costeiros e a xeomorfoloxía das costas rochosas, porque este home, se fica parado, morre.

Canto III: de Galicia ó estranxeiro

No seu libro The American West as Living Space, o autor Wallace Stegner di: “Ninguén debería negar que o nomadismo sempre nos estimulou e encheu de xúbilo. No noso pensamento, a condición de nómade asóciase a fuxir da historia, da opresión, da lei e das obrigacións atafegantes, para chegar a un sentimento de liberdade absoluta. E o camiño do nómade sempre conduce cara ao oeste“.

Cara ao oeste foi o noso protagonista tamén: Arxentina, Chile, Brasil… mais tamén foi ao sur, para investigar a morfoloxía das paisaxes de Nova Zelanda. Non perdeu a ocasión de coñecer a cordilleira máis impresionante do mundo no Himalaya. E xa, de paso, visitar algunhas das rexións máis inhóspitas do mundo, como a Antártida.

Imaxes de Augusto Pérez Alberti en distintas expedicións:

Augusto Pérez-Alberti, contan na homenaxe, “foi un auténtico viaxeiro e explorador, sempre na busca de coñecementos, especialmente sobre os procesos terrestres e a evolución da paisaxe en diferentes contextos xeográficos, xeolóxicos e de xeoameazas. O binomio entre xeomorfoloxía e paisaxe explícase dun xeito moi interesante nos seus traballos“. E é que, dende os desertos ata os glaciares, en auga doce, en ambientes mariños e costeiros, pasando polas montañas, polas marismas, por case calquera cousa que se poida imaxinar: aí estivo Alberti. Xa o dixo Thoreau: “Un viaxeiro que mira as cousas con ollo imparcial pode ver o que o habitante máis antigo non observou”. E para ser imparcial, hai que coñecer.

Canto IV: do estranxeiro a Galicia

O noso particular Ulises percorreu o mundo almacenando vivencias e coñecemento, que despois compatiría coa comunidade científica. Aínda así, nunca deixou de ter en mente Ítaca: a paisaxe galega. A miúdo tendemos a fantasiar cos territorios exóticos que non coñecemos, e esquecemos valorar o que fica máis preto de nós. Non foi o caso de Alberti: o xeógrafo leva décadas estudando o pasado, o presente e o futuro do noso territorio, tan complexo como variado.

Alberti foi unha das persoas que máis achegou ao coñecemento e á distribución dos glaciares no territorio galego, o cal causou, segundo lembra, “algún que outro debate”. De novo, a herexía: como ía ter Galicia glaciarismo? Pois vaia se o tiña! O glaciar do Bilbei, situado entre as provincias de Ourense e Zamora, chegou a ter case 30 quilómetros de lonxitude e unha profundidade de ata 527 metros, converténdose nun dos glaciares máis grandes de toda a península.

“Dende logo é moi interesante visitar e investigar sobre outros lugares, pero para min o feito de coñecer o que temos aquí é absolutamente imprescindible“, explica. Por iso, leva décadas estudando a paisaxe galega, marabillado pola diversidade do terreo, dende as chairas ata o litoral rochoso dunha costa que abrangue máis de 2.000 quilómetros: “Os investigadores que viñan de fóra, sinxelamente, alucinaban cando chegaban a Galicia”, lembra. Para este profesor, poder amosar os coñecementos que tenta transmitir aos seus estudantes facendo unha saída de campo na propia comunidade na que se atopan, “é un auténtico regalo”.

Canto V: o que virá, quen o sabe?

Agora, xa retirado, Alberti volta á etapa inicial: con 76 anos atópase facendo a súa segunda tese de doutoramento, centrada nos solos do Courel. Despois de tantas décadas estudando a paisaxe que o rodea, custa non preguntarlle se sinte a perda dos distintos elementos que pouco a pouco deixan de formar parte do noso horizonte. A ciencia ten un termo propio que fai referencia a esta especie de morriña ante o cambio na contorna: é a solastalgia, e a resposta é que si.

“Eu lembro beber a auga dos ríos cando era pequeno. Tamén vivín as mallas: todos aqueles terreos cultivados co millo e co centeo. Antes de que comezara a estudar, na costa que vai dende O Vicedo ata Cederia non atopabas un eucalipto”, reflexiona. Sobre o futuro, Alberti asume que é pesimista. Aínda así, cómpre lembrar que para o protagonista de toda boa historia sempre escurece antes de alborexar.

4 COMENTÁRIOS

  1. Bom dia: Moitos parabéns polo artigo, e moitos parabéns ao Augusto por todo o q nos achegou nos seus estudos. Foi moito e moi bom. Um mestre e um galego exemplar e universal.

  2. Tiven a fortuna de compartir e colaborar con Augusto parte dos seus anos en secundaria en Ferrrol; descubrir as pegadas glaciarias nas serras interiores de Galicia viaxando no meu Land Rover, viaxar polo agora xeoparque so Ortegal ao Dr. Tricart, beber das fontes dos camiños e da ciencia para saciar a sede de corpo e da curiosidade. Sempre cun aceno de sorriso tan firme como a súa capacidade de encaixar críticas ou disparates polo desleixo ambiental de tantos gobernantes. Parabéns por este artigo tan merecido e coral que recoñece o longo camiño andado á procura do coñecemento.

  3. Encántame o artigo coa súa vida e creo que merece ben a homenaxe en vida. Súmome con estas palabras. Namoroume máis da xeografía

  4. Tiven a sorte de coñecer a Augusto Pérez Alberti en cursos que organizaba co profesorado nos Ancares e disfrutei moito coas súas charlas e paseos pola zona.
    Encántame o artigo coa súa vida e creo que merece ben a homenaxe en vida. Súmome con estas palabras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo estudo da USC, clave para comprender o comportamento das proteínas

Os achados do científico Julián Bergueiro poderían axudar ao deseño de novas terapias aplicadas ao ámbito da saúde

De la Fuente atopa nunha ave extinta de Nova Zelandia potenciais moléculas antibióticas

Un novo estudo do científico galego revela axentes antimicrobianos antigos no xenoma da Moa, dun papagaio e do rinoceronte negro occidental

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Investigadores galegos estudan cal é a dose efectiva e segura dos medicamentos

O obxectivo é mellorar a absorción de antifúnxicos orais para poder reducir a cantidade administrada