Cal é a historia do Reino de Galicia? Vinte expertos internacionais buscan respostas

A Deputación da Coruña organiza un congreso para afondar e dar a coñecer o longo período medieval

Os primeiros relatores, durante a sesión celebrada esta mañá.
Os primeiros relatores, durante a sesión celebrada esta mañá.

O primeiro congreso internacional sobre o Reino de Galicia xa está en marcha. O evento, organizado pola Deputación da Coruña, ten por obxectivo afondar e entender o longo período histórico dende unha perspectiva galega. Para iso, unha vintena de expertos de diferentes partes do mundo estanse a reunir en Santiago de Compostela para analizar a socioeconomía, a arte, a heráldica, a lírica trobadoresca, o contexto europeo e diferentes figuras representativas do Reino de Galicia, entre outras temáticas. Os relatorios, que comezaron este luns e estenderanse ata o xoves 23, estanse a celebrar no Museo do Pobo Galego.

Dende a Deputación trasladan o pouco coñecemento que se ten deste período histórico. O curador científico do congreso, Anselmo López Carreira, asegura que houbo tres obstáculos que dificultaron o estudo da Idade Media en Galicia. “En primeiro lugar, os prexuízos que gravitan sobre a percepción do período. En segundo lugar, en España pesaba o modelo historiográfico dominante que só daba cabida a unha historia nacional e suxeitaba as periféricas ao esquema centralista. E en terceiro lugar, operou negativamente a discontinua evolución da investigación histórica na propia Galicia”, apunta o estudoso. Tamén engade que as crises políticas e culturais dos séculos XIX e XX foron un obstáculo “no proceso de elaboración da historia de Galicia”.

O programa

Son varias as temáticas que se abordarán para entender o Reino Medieval de Galicia. O arrinque está marcado por relatorios como o de Simon R. Doubleday, profesor na Universidade Hofstra (Nova York), que fará algunhas reflexións sobre as relacións con Al-Ándalus durante o reinado de Fernando I e Sancha de Galicia-León. Na mesma liña estará a relatoría de Jaume Sobrequés, da Universidade Autónoma de Barcelona, que exporá un exemplo historiográfico alternativo a través da comparanza entre a historiografía catalana e a española. O Reino Suevo estará tamén de manifesto coa intervención de Pablo C. Díaz Martínez, profesor da Universidade de Salamanca.

No día a seguir, Mariña Bermúdez Beloso investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), trazará un mapa para comprender a vertebración da Galicia medieval. De seguido, unha das relatorías de destaque é a de Carlos Andrés González Paz, investigador do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que centrará a súa intervención na socioeconomía agraria da Galiza medieval, enfocándose na viticultura nas terras de Mondoñedo.

Analizarase a etapa histórica dende diferentes perspectivas, como a artística e a socioeconómica

O 21 de setembro, o investigador Héitor Picallo aboradará o Reino de Galicia a partir da simboloxía e, en particular, a súa heráldica no contexto europeo. De seguido, a catedrática da USC, Mercedes Brea López falará da lírica trovadoresca galega, nunha intensa xornada que culminará ás 19:30h na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval con Resonet e o seu espectáculo Gallecianis resplendet, froito dunha pesquisa sobre a música da Galiza medieval.

No día da clausura, o propio Anselmo López Carreira, eminencia galega nos estudos sobre o Reino Medieval de Galiza, traerá á platea unha reflexión sobre o lexitimismo galego entre Portugal e Inglaterra.

Novo proxecto

GCiencia iniciará en outubro o proxecto Reino de Galicia, unha iniciativa xornalística multimedia creada para divulgar a historia medieval galega desde unha perspectiva actual e descentralizada. A acción, que se desenvolverá da man da Deputación da Coruña, incluirá reportaxes escritas e audiovisuais e un podcast de 15 episodios titulado Bailando con Reis e Raíñas.

Reino de Galicia pretende tomar distancia dos estereotipos que tradicionalmente abordan a historia de Galicia como parte colateral da de España, como punto de partida para dar a coñecer entre un público xeralista como o de GCiencia a rica e peculiar crónica do medievo galego e os seus antecedentes e derivacións, desde as súas raíces nos suevos da primeira metade do século V ata a desaparición da Xunta do Reino de Galicia, coa reforma liberal de 1833.


Tamén podes seguir o congreso en directo na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.