O mércores 29 de decembro terá lugar a XII Reunión de Mozos Investigadores no Estranxeiro no DOMUS de A Coruña. A gala, que se celebrará en horario de 9,30 a 14,30 horas, contará coa entrega de tres premios principais: Premio Ángeles Alvariño á mellor traxectoria profesional, Premio ao traballo presentado con maior impacto social e Premio á mellor traxectoria profesional “científica menor de 35 anos”.
Este encontro, que se celebra dende o ano 2010, ten como obxectivo principal dar a coñecer o talento que se forma en Galicia e que continúa formándose no estranxeiro. O evento, organizado polo Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC) en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses, busca darlle visibilidade aos mozos investigadores coa esperanza de que nun futuro poidan volver a Galicia e ese investimento retorne.
O programa, moi completo, dá comezo ás 9.30 horas co comité de benvida integrado polo reitor da Universidade da Coruña, Xulio Abalde; polo concelleiro de Educación e Memoría Histórica, Jesús J. Celemín; e pola coordinadora do Comité Organizador e Comité Científico e directora do Grupo CellCOM, María D. Mayán. Durante a xornada expoñeranse varias presentacións orais sobre temáticas diversas, como fontes de contaminación ambiental, ondas gravitacionais, materia escura ou cancro, entre outras.
Galicia, sen plan de captación de talentos
“Que os investigadores vaian ao estranxeiro é moi bo para a sua formación, o que é negativo é que despois non teñan posibilidades de volver”, sinala María D. Mayán. No panorama galego segue sen haber un plan eficaz de captación de talento que traia a Galicia un mínimo de trinta investigadores principais ao ano que poidan liderar un grupo de investigación competitivo a nivel internacional.
A maiores, na nosa comunidade falta investimento en infraestrutura científica. Na actualidade, o investimento en I+D+i non supera o 1%, unha porcentaxe que queda moi por detrás de países europeos como Alemaña ou Dinamarca, que están no 3%. “En Galicia falta un plan”, declara Mayán, o que vai provocar que coa chegada dos fondos europeos se convoquen convocatorias desorganizadas e se perda “unha gran oportunidade”. Por outra banda, outro dos problemas que existen é a idade próxima á xubilación dos xefes de grupo e catedráticos. Isto require dun plan de captación para poder realizar unha transmisión graduada a novos investigadores.
Muller e ciencia
As mencións especiais deste ano son cinco: “Ciencia e Muller 2021”, “ Promoción da Ciencia”, “Mulleres en Igualdade”, “Talento Xove e Innovador” e “Xornalismo e Divulgación Científica”. O espazo adicado á muller e a ciencia non é casual. “Hai un problema cando o alumnado que empeza a carreira e remata o doutoramento está repartido entre homes e mulleres, pero logo o 70% dos xefes de investigación son homes”, sinala Mayán.
O talento feminino vaise perdendo polo camiño de forma preocupante. É un fenómeno complexo moi influído polos nesgos e prexuízos cara á valía e competencia das mulleres. Pero unha realidade na que tamén inflúen as diferenzas por xénero no tempo adicado ás tarefas do fogar, a maternidade ou aos coidados, que limita ás mulleres no seu desenvolvemento profesional.
“Temos que deixar de poñerlle barreiras ás mulleres”
Neste ano de pandemia, o evento celebrase dentro das medidas sanitarias pertinentes para facer deste un encontro seguro para os asistentes. As persoas que non poidan asistir pero queiran seguir o evento, poderán facelo en directo na canle de Youtube de Museos Científicos Coruñeses. O vídeo quedará gravado de forma permanente.