Os datos científicos non enganan: a vacina protéxenos da Covid-19

Minimizar a efectividade da vacina non convenceu á maioría da poboación adulta europea que xa está inmunizada

Unha lectura lóxica dos datos sería suficiente para botar por terra titulares e contidos que minimizan e poñen en dúbida a efectividade da vacina da Covid-19. Estas informacións gañaron forza, sobre todo, ao inicio da campaña de vacinación masiva que se puxo en marcha a finais do 2020 en España, alimentando as inquietudes e o rexeitamento dunha parte da poboación. Pero agora, con porcentaxes de persoas vacinadas cada vez máis altas, os estudos científicos xa non deixan lugar a dúbidas. “A efectividade da vacina é a súa eficacia na práctica. Neste momento o que sabemos é que os non vacinados fronte aos vacinados, multiplican por 19 ou 20 a probabilidade de acabar ingresados nun hospital, e falo dos ingresos graves e mortes en conxunto”, explica Francisco Caamaño, Profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

“Os non vacinados, fronte aos si vacinados, multiplican por 19 ou 20 a probabilidade de acabar ingresados”

Os datos da eficacia poden ser un pouco diferentes aos da súa efectividade porque mentres que no ensaio clínico os grupos que se observan, uns vacinados e outros non, son moi similares, cando a vacina xa está na rúa despois de ser autorizada para a súa comercialización, as persoas que reciben as doses son moi distintas. “Por iso é tan importante ter en conta outros elementos como a idade, que é un factor determinante na gravidade da enfermidade, as patoloxías previas da persoa ou o seu comportamento, por exemplo. Quizais a xente vacinada sexa máis prudente e ande sempre con máscara”, subliña Caamaño.

Unha lectura simple dos datos

Entre as informacións fóra de contexto ou simplemente erróneas que circularon nos últimos meses pola rede malia as explicacións de expertos, medios de comunicación e informes oficiais, destacan as que afirmaban que morre máis xente entre os vacinados que entre os non vacinados. Foi o que ocorreu, por exemplo, cun informe publicado a principios do outono por Estremadura sobre o número de falecementos. Segundo eses datos, o número de mortes entre os vacinados era superior ao rexistrado entre os non vacinados. Unha información manipulada despois polos detractores da vacina que a transformaron rapidamente en viral nas redes sociais presentándoa só cos números totais publicados e non as proporcións, é dicir, descontextualizada. Un intento, en balde, de subestimar a efectividade da vacina co obxectivo de xerar confusión entre aqueles que aínda non están inmunizados.

“É sinxelamente un problema de como se presentan os datos porque a súa lectura é moi simple. Sabemos que entre os vacinados hai unha certa proporción de persoas que poden contaxiarse, padecer unha enfermidade grave e potencialmente morrer. Supoñamos que hai un país co 100% da súa poboación vacinada, nese caso todos os mortos pola Covid-19 estarían vacinados. Na medida en que en España temos unha taxa de inmunización cada vez máis alta, loxicamente, pode ocorrer que a maior parte dos individuos que enfermen sexan vacinados. Son datos manipulados ou incertos que para nada contradín o feito de que a probabilidade de enfermar se non te vacinas multiplícase por 19 ou 20″, insiste o profesor da USC.

Máis datos de cara á inmunización total da poboación

O número de persoas vacinadas tanto en Galicia, como a nivel nacional e europeo, non deixa de aumentar para protexerse do coronavirus. Segundo datos comunitarios, un ano despois do inicio da campaña de vacinación, case un 80% dos adultos xa están inmunizados. Unha porcentaxe que parece enorme pero que tamén nos di que unha parte importante, aínda que minoritaria, da poboación segue sen recibir a vacina poñendo en risco a campaña de inmunización coa que se quere facer fronte á crise da Covid-19. “Hai que buscar a esas persoas, animalas, facilitar que se vacinen. Hai que subir a porcentaxe de inmunizados neste momento clave, é importante”, afirma Caamaño.

Un ano despois do inicio da campaña, un 80% dos adultos xa están inmunizados

Con ese obxectivo e para poñer en valor a efectividade da vacina, a finais de novembro o Ministerio de Sanidade decidiu incluír de maneira sistemática nos seus informes datos específicos sobre a incidencia da Covid-19 entre os vacinados e os non vacinados. Algo que ata o de agora só facían algunhas comunidades autónomas. “Desde o punto de vista da investigación e de cara á comunicación pública, paréceme moi relevante que estes datos se coñezan porque nos damos conta do que acontece, xa non no ensaio clínico, senón na práctica. Axúdanos a saber como lles vai na vida, que pasou coa enfermidade. Creo que incluír estes datos pode motivar as persoas a actuar”, asegura o investigador da USC.

A terceira dose da vacina contra a Covid-19

A campaña de vacinación masiva que axudou a evitar contaxios, hospitalizacións graves e falecementos, ten un novo capítulo coa subministración dunha terceira dose para as persoas máis vulnerables. Unha nova que axudou, unha vez máis, aos detractores da vacina a poñer en dúbida a súa efectividade. “Non hai nada de particular nesta terceira dose. É normal neste tipo de procesos. Hai vacinas como a da gripe que se poñen anualmente porque pode haber cambios no virus e tamén para reforzar a resposta inmune. Este tipo de decisións tómanse sempre con datos na man, non pode ser doutra maneira”, afirma Francisco Caamaño.

Tanto os científicos como as autoridades sanitarias advirten de que a vacina é a clave para loitar contra o coronavirus pero lembran que tamén o é a prevención: lavar as mans, usar máscara, ventilar os espazos pechados, manter a distancia social e evitar as aglomeracións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.