GCiencia estrea unha nova serie audiovisual para o principal plan estatal de cultura científica

Desmontando Mitos aborda distintas crenzas falsas ou non contrastadas a través de dez reportaxes en colaboración coa FECYT e a USC

A primeira entrega da temporada abordará a eficacia das vacinas fronte á Covid-19.
A primeira entrega da temporada abordará a efectividade das vacinas fronte á Covid-19.

A efectividade das vacinas, o xaxún intermitente, os cactos e a súa influencia nas radiacións electromagnéticas… Son moitos os campos nos que se estenden as crenzas falsas ou insuficientemente contrastadas, con efectos ás veces desastrosos para a sociedade. Co obxectivo de loitar contra elas, GCiencia pon en marcha a segunda edición de Desmontando Mitos, unha serie audiovisual que dá voz á comunidade científica e trata de liquidar as lóxicas dúbidas provocadas pola desinformación ou pola información nesgada.

O proxecto é consecuencia da renovación de GCiencia co principal plan estatal de divulgación, que convoca a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), entidade que traballa para reforzar o vínculo entre ciencia e sociedade mediante accións que promovan a ciencia aberta e inclusiva, a cultura e a educación científicas. A serie contará unha vez máis coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela (USC), cuxos investigadores contribuirán a dar resposta a diversas cuestións de actualidade e outras crenzas estendidas na opinión pública desde unha perspectiva crítica e científica.

A proposta de GCiencia e a USC foi unha das seleccionadas na liña de fomento do pensamento crítico, unha das cinco áreas de actuación que contempla o programa da fundación. O seu obxectivo é dotar á sociedade dos instrumentos precisos para revisar as múltiples mensaxes e contidos que cada día se reciben en diversos formatos, e poder distinguir os datos falsos ou non suficientemente contrastados. As actuacións de fomento do pensamento crítico están dirixidas a formar á cidadanía na metodoloxía e nas características principais do método científico, como paso clave e esencial na loita contra as pseudoterapias e as pseudociencias.

Dúas entregas semanais

Desmontando Mitos arrinca este 28 de decembro cunha reportaxe sobre a vacinación, para continuar durante o próximas cinco semanas con estreas todos os martes e xoves ás 12,30 horas. Os contidos —tanto escritos como audiovisuais, todos eles en galego e castelán— difundiranse a través de GCiencia e as súas canles nas redes sociais. Trátase da segunda serie da sección, que na súa estrea logrou case 100.000 reproducións e decenas de miles de visitas en gciencia.com.

Como na anterior edición, cada reportaxe audiovisual irá acompañada dun artigo no que se profundará en cada un dos asuntos. Un dos obxectivos de Desmontando Mitos é achegar o pensamento crítico ao campo educativo, polo que os audiovisuais estarán tamén enfocados ao seu uso nas aulas. Así, a serie pretende, deste xeito, impulsar a interacción e a participación nestas cuestións a través das redes sociais, un dos principais terreos nos que se propagan as mensaxes desinformativas e pseudocientíficas nos últimos anos.

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía é unha entidade adscrita ao Ministerio de Ciencia e Innovación, que trata de dar resposta ás necesidades e retos do sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación. A súa convocatoria anual de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación é coñecida pola esixencia do seu comité de avaliación.

GCiencia xa participou en edicións anteriores da convocatoria da FECYT, poñendo en marcha iniciativas como A Ciencia dos Porqués, Ciencia en Vivo, Innovar para Emprender ou BioGalicía, que alcanzaron unha importante repercusión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.