O Colexio de Médicos de Pontevedra considera ‘improcedente’ o despido dunha xefa do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo que criticara a falta de medios e o risco que corren os profesionais por non ter “as mínimas garantías de seguridade” para facer o seu traballo. O organismo colexial trasladará o cese da súa colexiada á súa Comisión Deontolóxica estuda levar este asunto á Fiscalía.
O Colexio emitiu un comunicado en relación coa decisión do xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, que cesou á xefa de Cirurxía Plástica do Cunqueiro, Eva Maquieira, aducindo ‘falta de confianza’ cando a doutora fixo unhas declaracións críticas en redes sociais sobre o déficit de material e os protocolos de seguridade establecidos no hospital.
O Colexio de Médicos expresou o seu apoio á doutora e ve o seu cesamento improcedente “pois non fixo máis que manifestar o que a Organización Médica Colexial vén reivindicando”.
Ademais, o organismo alerta sobre “o risco que actualmente está a asumir o persoal sanitario neste país, o cal se incrementa por carecer das mínimas garantías de seguridade para facer fronte á situación que estamos a atravesar” e pide á Administración que lle dote de inmediato de material adecuado.
Aquí podes ler o comunicado do Colexio de Médicos de Pontevedra














