Unha predición da UVigo amosa como o confinamento frea o colapso das UCI

O grupo da Enxeñaría Física da Universidade de Vigo, dirixido por Humberto Michinel, actualiza todos os días a predición da situación en Galicia e España

Gráfico da predición realizada polo grupo da UVigo. Fonte: http://physics.uvigo.es/covid19.
Gráfico da predición realizada polo grupo da UVigo. Fonte: http://physics.uvigo.es/covid19.

O Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo puxo en marcha esta semana un portal web, coordinado polo catedrático Humberto Michinel, no que expón a predición a dous días das persoas afectadas pola doenza Covid-19 (sempre segundo os datos oficiais que achega o Ministerio de Sanidade) en Galicia e en España.

As persoas que consulten o web poden coñecer cada día a evolución da cifra de persoas contaxiadas por coronavirus e a estimación da mesma para os seguintes días que fan os investigadores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

O catedrático da UVigo Humberto Michinel. Foto: Duvi.
O catedrático da UVigo Humberto Michinel. Foto: Duvi.

“Decidín pór en marcha esta web ante a necesidade que hai de seguir a evolución da enfermidade”, explica ao xornal Duvi Humberto Michinel. Na ferramenta habilitada, indica, “cada día publicamos a previsión da acumulación de casos de Covid-19 para os dous días seguintes e vamos axustándoa a medida que vai evolucionando”. Axustándose a esta marxe temporal, comenta o director do Grupo de Enxeñaría Física, “a previsión ten unha fiabilidade de arredor do 95%. Obviamente, unha previsión a un período maior sería menos exacta”.

O equipo está recollendo diariamente os datos de Sanidad e realiza un axuste non lineal baseado na denominada curva de Gompertz, usada habitualmente como modelo sencillo para o estudo da propagación de epidemias e outros temas de análise. A continuación, explica o equipo, o axuste combínase cun modelo SIR (poboación Susceptible, Infectada ou Recuperada do virus) que se corrixe adaptándoo en función da evolución, co que se acada a nova predición a dous días.

Achandar a curva

Alén da predición de casos, o equipo da UVigo difundiu no web un modelo de ocupación dos coidados intensivos en Galicia “para concienciar á poboación da importancia de quedar na casa”. O nivel de ocupación das UCI, do que xa advertiron as autoridades italianas hai varias semanas e que está colapsando estas unidades en Madrid ou Cataluña, é unha das principais preocupacións para os profesionais da saúde. Así, os estritos criterios de admisión en coidados intensivos (moitos maiores de 80 anos xa non son ingresados nestas unidades polo seu mal prognóstico, segundo os informes epidemiolóxicos que difunde Sanidad) e a capacidade limitada destas unidades poderían dificultar a evolución de parte das persoas afectadas. En Galicia, con 274 camas para UCI, segundo apuntou a Xunta (aínda que poderían habilitarse máis en función da situación), hai segundo os últimos datos 98 persoas con coronavirus ingresadas nestas unidades, ás que habería que engadir outras persoas que requiren tamén desta atención por outras patoloxías.

Usando como cifra de referencia unha zona que dispón de 400 camas de UCI, o equipo da UVigo desenvolveu unha predición de como evolucionaría a curva con e sen medidas de confinamento, baseándose nos datos do 24 de marzo. Mentres que o confinamento consegue retrasar e aminorar o chamado pico de ocupación de coidados intensivos, vese que sen medidas de restrición se tería producido un colapso de pacientes críticos, chegando a duplicarse.

Ademais disto, o grupo que dirixe Michinel realizou unha predición de como evolucionarían os casos en Galicia sen confinamento, amosando como a cifra estaría arredor dos 10.000 afectados fronte aos 2.211 deste venres.

A idea de pór en marcha esta ferramenta, indica Humberto Michinel, xurdiu tendo en conta que unha das liñas de investigación “desde hai anos” do Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo, antes denominado Grupo de Óptica Física, “é a dinámica non lineal, que se dá en problemas moi variados, desde o estudo dos tsunamis ou as crises da bolsa ao caos ou a propagación de enfermidades, entre outros moitísimos fenómenos”. A páxina, sinala o catedrático, comezouse a desenvolver o día 17 de marzo, “cando o ministerio regularizou a publicación de informes e datos”, e “agardamos que pronto poida deixar de publicar resultados”, amosando o seu desexo de que esta crise se solucione o máis axiña e do mellor xeito posible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.