Menos mortes por coronavirus. España baixou por baixo de 900 o número de falecidos por Covid-19 nun día, despois de que este xoves e venres superasen amplamente esa cifra. 809 novos mortos elevan o total a 11.744, segundo informou este sábado o Ministerio de Sanidade. Os contaxios soben ata 124.736, con 7.026 novos infectados nas últimas 24 horas. 57.612 persoas necesitaron hospitalización e 34.219 foron dadas de alta
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, anticipou este venres que “moi probablemente” recomendarán o uso xeneralizado de máscaras na poboación española: “Estamos a estudar un conxunto de medidas e probablemente ímola implementar, pero non quero adiantar nada”.
Este sábado, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, disponse a alongar o confinamento tras consultar a expertos. Onte, a Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu precisamente, en boca do seu director xeral, Tedros Adhanom Ghebreyesus, que relaxar as medidas de confinamento demasiado cedo pode provocar unha recaída sanitaria e económica.
En China, millóns de persoas gardaron tres minutos de silencio este sábado en recordo das vítimas do virus no país, 3.330 segundo o goberno chinés, unha cifra posta en dúbida nos últimos días.
Italia segue na cabeza en número de falecidos, 14.681 morreron nese país e 119.827 foron infectados segundo as contas oficiais. Estados Unidos, con máis de 277.000 contaxiados, é o país que máis casos conta, ademais de ter 7.157 defuncións.
Os hospitais galegos deron 102 altas por coronavirus entre o mércores e o xoves
Francia xa está entre os países do mundo con máis mortos con coronavirus, ao rexistrar 6.520 falecidos con máis de 83.029 casos contabilizados; mentres que Alemaña rexistrou 1.275 mortos con 91.159 casos. Suíza acumula 19.606 casos e 591 mortes.
Mención á parte merece a situación no Reino Unido, que a diferenza dos seus veciños, tardou días en decretar o confinamento. Xa hai 38.690 casos, entre eles o príncipe Carlos (xa curado) e o primeiro ministro Boris Johnson, ademais de 3.611 mortes.

Portugal detectou 9.886 casos e 246 mortes, e ten declarado o estado de alarma. Rusia deu conta de 4.149 casos e 34 mortes e o seu presidente, Vladimir Putin, que o 28 de marzo decretou nove días de vacacións obrigadas no país, deu vía libre ao seu goberno para declarar o estado de emerxencia pola pandemia. O alcalde de Moscova decretou o confinamento dos seus 12 millóns de habitantes. Turquía rexistra 20.921 contagios e 425 defuncións.
No mundo, 1,1 millóns de persoas contaxiáronse e máis de 58.900 morreron, segundo a Universidade Johns Hopkins.
O Instituto Carlos III detecta un retraso na notificación de defuncións en Galicia
A rapidez coa que se estende o virus levou a varios países a illarse do resto do mundo. A Unión Europea pechou súas fronteiras exteriores ata o 17 de abril e máis de 85 países prohibiron a entrada de viaxeiros procedentes de países cunha grande incidencia, como Italia ou España. É o caso de Estados Unidos, que prohibiu a entrada de voos europeos durante un mes ou Israel, Arabia Saudita, Malaisia, Nepal, Italia ou El Salvador.

Aquí podes consultar os últimos datos do Ministerio de Sanidade














