(en actualización – 14 horas) – Galicia conta, segundo os datos achegados no mediodía deste sábado pola Consellería de Sanidade, con preto de 5.000 casos activos (4.926 ás 21 horas do venres) de persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2, é dicir, as que están con positivo confirmado por proba diagnóstica e en seguimento das autoridades sanitarias. Con todo, a cifra de portadoras e/ou afectadas pola doenza moi probablemente é maior, toda vez que outras persoas tiveron síntomas leves que non requiriron de atención médica ou ben aínda están a agardar polo resultado das probas diagnósticas para confirmar o positivo. Desde o comezo da crise, tal e como informou o Ministerio de Sanidad na mañá do 4 de abril, son 5.625 as persoas que deron positivo nas probas diagnósticas, cifra á que hai que descontar os falecementos e as altas. Segundo o Goberno español, houbo 406 casos novos en Galicia entre a noite do xoves e o venres, cando se pecharon os datos difundidos o sábado.
En canto aos concellos, polo menos a metade dos municipios de Galicia confirmaron desde o comezo da crise algún caso de Covid-19. Porén, isto non se traduce de forma exacta á situación actual, xa que é posible que haxa novos casos aínda sen comunicar e, por outra banda, que algunhas das persoas afectadas xa formen parte das 531 altas que se concederon en Galicia. De todas formas, a falta de información a nivel municipal, da que se veñen queixando nas últimas semanas varios concellos, dificultan o seguimento do mapa real do coronavirus en Galicia. Noutras rexións, como Castilla y León, Murcia (ver PDF), Cataluña ou Euskadi, entre outras, si se está a informar do número de casos en cada concello.
É posible, por tanto, que existan persoas afectadas en máis municipios, aínda que non trascenderan por diversos motivos, xa que boa parte dos pacientes da Covid-19 (máis dun 78% dos casos documentados) están sendo atendidos nos seus domicilios. Así, algúns concellos recoñecen a presenza de casos e fanos públicos para informar á veciñanza, pero outros optan por remitirse aos datos que ofrece a Xunta ante a falta de confirmacións oficiais.
A incidencia en cada municipio é moi cambiante, toda vez que existen focos confirmados en residencias de maiores e persoas con discapacidade e entre o persoal sanitario, así como casos importados desde zonas máis afectadas ata o de agora pola doenza. Este é o mapa no mediodía do sábado 4 de abril, segundo as informacións compiladas a través dos concellos, medios de comunicación e outras fontes:
(Preme sobre cada un dos concellos para ver máis detalles).
En canto aos falecementos, este sábado elévanse a 168. Á cifra que difunde a Xunta a través de Sanidade hai que engadir 32 falecementos de residentes en centros de maiores, segundo explican desde a Consellería de Política Social. Son, por tanto, 200 mortes de persoas diagnosticadas con coronavirus.
De novo, a boa nova da información achegada este sábado pola Dirección Xeral de Saúde Pública é que o maior incremento en porcentaxe dentro dos números do coronavirus en Galicia é o das altas concedidas. 96 persoas recibiron a alta hospitalaria nas últimas horas (un 22,07% máis), e a cifra total (531) case se triplicou desde o martes.
En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.029 persoas na área da Coruña-Cee, 558 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 875 na de Ourense-Verín-O Barco, 432 na de Pontevedra-Salnés, 1.055 na área de Vigo, 694 na de Santiago-Barbanza, e 283 na de Ferrol.
Respecto aos datos que se emitiran onte, venres, Ourense representa o maior incremento de casos, con 189 máis, en boa parte debido aos positivos confirmados na residencia de Nosa Señora da Esperanza da Fundación San Rosendo. O resto das áreas sanitarias ralentizan o seu crecemento respecto aos días anteriores.
Así foi a evolución de casos activos por áreas sanitarias na últimas semana.
Máis altas, máis xente na casa
Do total de pacientes que cos datos consolidados o xoves ás 21 horas estaban sendo atendidos polo novo coronavirus, 177 deles permanecen en UCI (un 3,59%), 891 están en unidades de hospitalización (15,84%) e 3.858 no domicilio (78,32%).
As cifras e porcentaxes de altas e persoas atendidas no domicilio (con síntomas máis leves en boa parte dos casos) son dúas das boas noticias que se poden tirar da situación en Galicia, alén das tristes novas de falecementos e o alto número de persoas ingresadas en hospital e UCI, que posiblemente aumentará nos vindeiros días, aínda que se está freando en proporción respecto ao total dos casos. Así, segundo se pode ver baixo estas liñas, 3 de cada 4 positivos confirmados están sendo atendidos na casa (área amarela) e comeza a aumentar nos últimos días a anchura da liña verde (o das altas).
Sanidade informou, como vén facendo desde hai dúas semanas do número de probas PCR realizadas, que é de 25.842 desde o comezo da crise (2.518 máis có día anterior). Este gráfico representa a relación entre os casos novos confirmados cada día por Sanidad e as probas novas respecto aos datos do día anterior.
Os centros de maiores e discapacidade
Nos últimos días, a Consellería de Política Social está a achegar pola súa parte os datos de afectados entre residentes e traballadores das residencias de persoas maiores e con discapacidade. Desde o mércores 1 de abril, debido a un cambio de criterio na difusión dos datos aos medios, Política Social só informa dos falecementos nas residencias (este sábado ascendían a 32), mentres que Sanidade informa dos óbitos dos residentes que tiveron lugar en hospitais (12 máis). Por tanto, estímase que polo menos 44 persoas morreron nestes centros debido ao coronavirus, segundo os datos oficiais.
Os casos activos este sábado relacionados coas residencias son 832 (case un 17% do total) tendo en conta que os positivos si entran todos dentro das cifras que difunde Sanidade. Outro dos valores que se ve afectado é, por tanto, o da taxa de letalidade, que sería algo maior cá difundida pola Xunta e o presidente en días pasados, toda vez que nalgunha das informacións difundidas nos últimos días non se contabilizaron os óbitos que tiñan lugar nas propias residencias de maiores, algo que tampouco fan outras comunidades autónomas.
Segundo os datos deste sábado, a residencia Nosa Señora da Esperanza da Fundación San Rosendo, en Ourense, converteuse no maior foco de coronavirus nas residencias de maiores en Galicia. Política Social confirma seis falecementos e 106 residentes e 34 traballadores contaxiados.
O considerable número de casos que se producen nestas residencias dentro do total de Galicia pode relacionarse, segundo explican desde a Xunta, co maior esforzo de realización de probas nos centros que no resto da poboación, toda vez que os residentes forman parte dun grupo de maior risco e cunha maior probabilidade de contaxio debido á exposición do persoal laboral destes centros.
Este é o mapa dos focos nas residencias en Galicia segundo os datos da devandita consellería.
Esta é a situación en España segundo os últimos datos de Sanidad. Dos 124.736 afectados, xa se curaron 34.219:

En Portugal:

E no resto do mundo, onde os Estados Unidos achégase xa aos 300.000 casos acumulados e Italia e España superan os 120.000.














