Nin maio marceou, aínda que marzo si maieou, nin en abril houbo augas mil. Todo o contrario. Ante o cada vez máis evidente cambio climático, o refraneiro non abonda para explicar a excepcional primavera en termos meteorolóxicos que viviu o país. A entrada do verán, nesta pasada madrugada, despediu unha estación na que algunhas zonas de Galicia rexistraron os valores máis secos e cálidos desde que existen rexistros.
As maiores anomalías, tanto no calor como na ausencia de precipitacións, foron na zona sureste de Lugo e noreste de Ourense. En gran parte das comarcas de Sarria, Ancares, Lemos, Quiroga, Caldelas, Trives e Valdeorras, os termómetros estiveron máis de 2,5ºC por riba da media da primavera. Só se libraron da tendencia as zonas costeiras da Coruña e Lugo e o norte desta última provincia. En canto as precipitacións, non se chegou ao 70 por cento das chuvias normais na Ribeira Sacra, A Limia, Ancares ou Viana. Só na Terra Chá e na montaña ourensá as chuvias se achegaron aos niveis normais.
Os datos aparecen reflectidos no informe da delegación territorial da Aemet en Galicia. Nel tamén se sinala que a temperatura media foi de 13ºC, dous por riba do período de referencia (1981-2010). Tal e como se amosa no gráfico, a serie desde 1971 amosa cada vez uns valores máis elevados.
Na análise por meses realizada pola Aemet amósase que marzo foi cálido – chegouse xa aos 30 graos en zonas de Ourense – e con precipitacións por riba da media en gran parte de Galicia. En abril, a pesar de que chegou a nevar nos últimos días do mes, foi un mes moi cálido, con anomalías de 2ºC por riba dos valores normais. O máis salientable, con todo, é que foi o mes máis seco da serie histórica de datos no conxunto de Galicia.
Pola súa banda, maio destacou polas elevadas temperaturas. Especialmente, entre os días 21 e 24, no que se superaron de forma consecutiva os 30 graos en amplas zonas da provincia ourensá. En canto aos observatorios principais, segundo sinala a Aemet, o 2017 foi o maio máis cálido na Coruña e Lugo desde que hai rexistros, e o segundo máis cálido nas estacións de Santiago-Aeroporto e Ourense. Non en tanto, as chuvias estiveron en valores normais, debido ás intensas precipitacións tormentosas.
Un panorama de conxunto de toda España amosa tamén datos que chaman á atención. A primavera foi a máis cálida desde 1965 e unha das máis secas neste mesmo período.
Respecto ao balance hídrico, obsérvase que o noroeste da Península experimentou un gran descenso, rexistrando só entre o 50 e o 75%, das precipitacións normais. Ao mesmo tempo, no Levante, as precipitacións aumentaron ata un 300% en zonas como a Sierra de Cazorla, o litoral de Valencia e Alicante e o sur de Mallorca.